Humanización do Paseo da Corredoira en Tui

Con fondos do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra

Tui | A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia vén de autorizar o anteproxecto de humanización do Paseo da Corredoira. En concreto trátase da “Mellora da Mobilidade Peonil e Rexeneración urbana na Corredoira e na súa contorna” segundo o anteproxecto redactado polo Estudio Mmasa.

Tanto a redacción do proxecto coma o estudo de mobilidade realizado foron financiados con fondos do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra cunha achega de 50 mil euros.

A actuación prevista abranguerá as rúas Camilo José Cela, Augusto González Besada e Rosa Bahamonde, a praza da Inmaculada e a Corredoira co obxectivo de “recuperar o carácter histórico do paseo arborizado da Corredoira e o seu contorno transformándoo nun espazo peonil”.

En concreto o proxecto propón a creación dunha praza lonxitudinal e define un espazo peonil restrinxido á circulación de vehículos. A rúa Augusto González Besada configúrase coma “un bulevar arborizado que será o acceso principal a todo o conxunto histórico”. Establécese a substitución dalgúns pavimentos, instalación de xardinería, substitución de mobiliario urbano e renovación de servizos centrándose no soterramento das liñas de alumeado, electricidade, telecomunicación e abastecemento.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na autorización da humanización do Paseo da Corredoira establece coma condicións a realización dun control arqueolóxico nos movementos de terra, definir no proxecto o emprego de bordos de granito delimitando as áreas de rodadura, elixir pedras con tons e granulometrías similares, executar os alcorques e xardineiras in situ enrasados co novo pavimento.

Tamén recolle que se volverá solicitar autorización de precisar solucións singulares empregando pavimentos de formigón ou outro material non contemplados no proxectos volverase e para os materiais e estruturas a empregar nos sistemas de ocultación das áreas destinadas á recollida de residuos urbanos. Con este proxecto o concello de Tui avanza na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).