“Hoxe podes meterte co presidente do Goberno ou co Papa mais non cun banco”

O Carrabouxo | Humorista gráfico

Xosé Lois González Vázquez, ‘O Carrabouxo’, (Osmo, Cenlle) leva corenta anos retranqueiros co personaxe que lle deu o alcume. Ou ao revés. En tal caso, a Asociación Agrupación Cultural O Galo organizou en Santiago de Compostela unha exposición polos corenta anos do Carrabouxo. Esta mostra poderase ver no Centro Social do Ensanche até o vindeiro 5 de xaneiro.

Vostede usa moito a retranca nos seus traballos, mais cre que a xente nova de agora entende esa característica do humor galego?
É posible que non, ao mellor a retranca é algo que non está xa na psicoloxía dos mozos e mozas de agora. A retranca é unha maneira de dicir as cousas como un quere e non como os demais queren que digas. Se cadra agora a xente ten menos medo e di as cousas máis francamente, mais eu vexo chistes que subo ao Facebook e nas respostas hai xente que non entende mais tamén hai xente nova a quen lle gustan eses chistes.

Mais ante todo a retranca debe traballarse.
Si, aínda que aos galegos sáenos espontaneamente. Os humoristas gráficos temos que traballala a diario como traballamos a diario os deseños como oficio, ademais da inspiración e outras teorías. Facer un deseño diario é un oficio que custa moito, nada envexable. Por iso digo que facer unha brincadeira deseñada con retranca leva tempo, mais insisto aos galegos nácenos espontáneamente por sermos así. Con todo, a retranca é unha cousa complexa que tampouco está moi ben definida. En todo caso, é unha cousa que se nos recoñece desde fóra: “los gallegos tienen mucha retranca”, “la retranca gallega”. Realmente existe esa modalidade de humor específico noso.

“A retranca é esa modalidade de humor específico noso”

Cando comezou a traballar hai corenta anos, xa estaba Felipe González como presidente do Goberno, Albor e Laxe foron presidentes da Xunta. Destes dous últimos pode dicirse que tiñan “rendemento humorístico”?
Si, home si, tanto de Albor como de Laxe fixen moitas viñetas. Albor era unha persoa a quen caricaturicei moitas veces, igual que a Laxe. Este último tiña unha cousa moi significativa para min, a lingua, porque falaba moi mal o galego aínda que o home se esforzaba moito. Tiña moita vontade mais non poñía un pronome ao dereito cando dicía algo e iso era o que eu ironizaba. Logo o Albor, a quen chamaban ‘Merendiñas’ por esa forma de actuar da xente do PP en Galicia naquel momento baseada nas paparotas, algo tamén existente hoxe en día, á parte do folclorismo e outras cousas, pois tamén lle saquei abondo zume.

Como naceu a vocación de Xosé Lois como debuxante?
Eu debuxei sempre, mesmo nas aulas porque as aborrecía. Un mesmo recibín unha malleira do director dunha academia onde eu ía preparar o meu bacharelato. Eu estaba agochado no pupitre debuxando, entón este home descubriume e foi aí cando me deu os paus. Batíache na caluga coa man mentres dicía: “parece mentira, tu padre esforzándose para tenerte en la academia y tú perdiendo el tiempo dibujando”. Houbo un tempo en que un compañeiro redactaba o guión e eu facía os debuxos para facermos unha novela gráfica. Cosimos as follas con agulla e fío e vendíamos as novelas a dous reás. Na ‘mili’ fixera a caricatura dun capitán a quen non lle gustou, non tiña sentido do humor. Sendo mozo comecei a debuxar en voceiros do nacionalismo, en ‘A Nosa Terra’ e tamén en ‘Ceibe’ que era unha revista da ANPG (Asemblea Nacional-Popular Galega). Sempre fuxía da realidade para poñerme a debuxar.

Hoxe en día é perigoso facer humor con caricaturas?
Non, para min non, mais si é perigoso facer humor con determinadas entidades, persoas ou personaxes. Hoxe podes meterte co presidente do Goberno ou mesmo co Papa mais non podes facelo cun determinado banco pois hai un intereses que o impiden. Realmente faise moita autocensura. Aparte está que eu traballo para dous medios realmente contraditorios, ‘La Región’ e no ‘Nós Diario’, é dicir, debo compaxinar moi ben un e outro sen perder a miña identidade. En ‘La Región’ busco a retranca para que a xente a dixira ben e por outra parte busco darlle xeito para que cadren ben.

Os políticos de hoxe teñen máis substancia que os de hai trinta ou corenta anos?
Hai cousas que non cambiaron. Teño viñetas de hai corenta e un anos que se poden ler hoxe porque non perderon sentido. Así como a poesía é unha arma cargada de futuro, o humor non pois os temas son repetitivos, os personaxes actúan máis ou menos igual cambiando algunhas formas, antes levábase garavata e agora non se leva. Hai cousas que exteriormente cambiaron mais en Galicia segue habendo caciquismo, este segue sendo un país dependente en case todos os ámbitos, non se lle recoñece plenamente o seu idioma que continúa sen normalizarse. Iso está todo igual e visto así pois deprímeste un pouco. Parece que non facemos nada porque as cousas non cambian.

Como valora as novas xeracións de creadores e creadoras galegas?
Temos xente boísima. Podemos dicir que a xeración posterior á miña son moi bos. Case todos estudaron Belas Artes mais acabaron por inclinarse polo humor gráfico. Vese que hai un oficio detrás, na parte plástica quero dicir. Son moi bos caricaturistas e teñen unha maneira distinta de expresarse, sobre todo en novela gráfica. Neste xénero temos xente fabulosa mesmo a nivel mundial como Miguel Anxo Prado, David Rubín ou Manel Cráneo e ilustradores magníficos que non saen á luz mentres outros temos ese privilexio. Hai deseñadores e deseñadoras que só os ves de cando en vez logo de publicaren un libro ou unha obra gráfica. Dentro do humor temos a Kiko da Silva, Pinto e Chinto, Davila ou Ruth Caramés. Pepe Carreiro é da miña xeración mais tamén publica en ‘Nós Diario’.

“Podemos dicir que a xeración posterior á miña son moi bos

Quen é ‘O Carrabouxo’, en quen se inspirou para crear este personaxe?
É o máis alto de todo, é a súa característica. Isto reflíctese ben a estatua del que fixo César Lombera en Ourense que mide 2,40 metros. Ten unha boina tapándolle os ollos como unha maneira de tapar a vista para traballar coa cabeza, así expresas o que non estás vendo ou non queres ver. Logo está a súa retranca, a súa rexouba e inspirouse probablemente nalgún personaxe que teño pensado como aquel que parecía non importarlle nada mais estaba queimado da situación que o arrodeaba e logo botando sentenzas sobre a realidade. Había un home da miña aldea que tanto lle tiñan as cousas mais logo botaba sentenzas e ademais tiña conviccións republicanas.

Gustaríalle que houbese novas animacións co Carrabouxo?
Pois estaría ben. O defunto Lhosca Arias, quen morreu hai pouco e tivera a idea de facer as primeiras animacións do Carrabouxo, en total vinte e seis esqueches. El xa tivera aprobado un guión para unha animación co Carrabouxo onde había narcotráfico, mais en vez de heroína ou cocaína era licor café. Depois meteuse noutras cousas e logo foino deixando, mesmo creo que lle deran a subvención para facer o guión. Se se fixera, tería que facer parte do guión ou dirixilo para non romper os valores ideolóxicos, ou psicolóxicos ou filosóficos que eu teño. Realmente pode facerse en calquera momento pois esteticamente o personaxe chama a atención. Eu son incapaz de poñerme para iso xa.

Aínda haberá máis tempo para O Carrabouxo.
Pois haberá, quedará na memoria da xente galega e sobre todo ourensá e quedará a estatua de bronce.

Ten preparado algún proxecto para o futuro?
Tiñamos preparado un libro sobre O Carrabouxo, mais dimitiu o director de Galaxia e quedará para máis adiante. De catro capítulos teño un preparado, sería reunir corenta anos do personaxes con textos humorísticos intercalados. Logo está a exposición de Santiago que irá a outros lugares. Tamén fago unha viñeta diaria e así até que non poida facela. Ter que facer algo diario é unha cousa moi seria, necesita disciplina.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.