Hora galega.

O debate sobre a hora oficial en Galicia é unha cuestión recorrente que combina argumentos xeográficos, científicos (cronobiolóxicos), históricos e políticos.

Galicia está situada xeograficamente no fuso horario que lle corresponde ao Tempo Medio de Greenwich (GMT) ou UTC±0, ou mesmo máis ao oeste, no GMT-1 (o fuso de Portugal e as Illas Canarias). Porén, dende 1940 (por unha decisión do xeneral Franco, aliñando España coa Alemaña nazi) o Estado español (e, canda el, Galicia) adoptou o fuso horario de Europa Central (GMT+1 no inverno e GMT+2 en verán, co cambio de hora estacional). Dende o punto de vista cronobiolóxico este feito xera un grande atraso entre a hora oficial e a hora solar real. Nas zonas máis occidentais de Galicia, a diferenza pode ser de máis de dúas horas e media con respecto ao mediodía solar no verán. Científicos argumentan que este desaxuste provoca un jet lag social crónico, afectando negativamente a saúde (problemas de sono, cansazo, rendemento laboral e escolar) ao ir as rutinas (comer, traballar) contra o reloxo biolóxico. Velaí que sexan ben potentes as razóns para adoptarmos o fuso de Portugal e o Reino Unido (GMT). Por certo, a hora solar de Castelló, no País Valencià, a mil km nosa.

“Galicia está situada xeograficamente no fuso horario que lle corresponde ao Tempo Medio de Greenwich (GMT) ou UTC±0, ou mesmo máis ao oeste, no GMT-1 (o fuso de Portugal e as Illas Canarias)”

No caso de se suprimir o troco de horario entre as tempadas de verán e de inverno, como propón o presidente do goberno do Estado, alongando a vixencia do horario de verán, estes efectos na saúde pública serían aínda máis graves. O día abriría no noso país contra as 10.00 am en decembro e xaneiro e o impacto na produtividade, eficiencia enerxética e saúde e seguranza das crianzas e menores sería dificilmente asumíbel.

É verdade, como moi ben expón o profesor Jorge Mira (USC) que as delongadas tardes de verán da nosa Costa da Morte e das nosas Rías é unha beizón, malia que probabelmente teñamos que comparar este desfrute coas súas resultas máis negativas de atrasar os amenceres. Tamén ten razón o profesor Mira ao nos lembrar a capacidade de adaptación da persoa e sociedade humanas. O horario de verán e o de inverno son convencións e, se a hora institucional non resolve problemas, somos quen de resolvelos inventando horarios comerciais ou laborais distintos para o verán e para inverno.

Mais precisamente este argumento sería válido para nos cuestionar a suposta necesidade de manter a unidade horaria co resto do Estado (agás Canarias, o certo é que non seriamos a primeira excepción), por mor de non prexudicar as relacións económicas, administrativas e de integración co Estado. Por exemplo, a coordinación nos horarios de trens ou avións coa orixe e destino na Galicia a respecto do resto do territorio peninsular do Estado. Portugal e Canarias teñen horas distintas da peninsular española e isto non prexudica a coordinación entre cadansúas vidas económicas e a total adecuación dos seus medios de transporte. Se saímos co noso carro do Porto ás 07.30 hora portuguesa e chegamos a Vigo ás 08.45, hora portuguesa, son as 09.45 hora galega e non pasa nada. Se viaxamos dun fuso horario a outro terémolo en conta para a escolla dos nosos requirimentos comerciais ou hostaleiros. Cunha hora galega na UTC+-0 non existiría prexuízo ningún que eivara o servizo da alta velocidade ferroviaria, voos, horarios comerciais e de oficinas… a vida civil, económica e administrativa íase afacer sen problemas maiores. Outra cousa sería a multiplicidade de horas oficiais existentes antes da chegada do tren. Mais non se está a falar diso.

Velaí que o debate estatal sobre a abolición da remuda de hora estacional (seguindo o ronsel do debate aberto pola na UE) fixese rexurdir esta discusión na Galicia. Vese agora como aquela proposta aprobada congresualmente polo BNG entón dirixido por Anxo Quintana, en decembro de 2006, era totalmente acredora de consideración científica, social e económica. Xa que logo a hora galega haberá volver ser obxecto de debate e análise.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.