Homenaxe ao carballo de Padroso.

Os camiños, os carreiros, os vieiros, as corredoiras, as congostras, as carballeiras e os sendeiros… canto sabe o home que non sabe nin os nomes dos camiños, canto ten que desaprender o home para viaxalos lixeiro?

O camiño das Estrelas, o camiño da leite, da leite das vacas que remoían a herba das carballeiras a sombra dos deuses, fuxindo dos tabans no veran, e a becerriña xa non tan nova, case cunha xovenca, que teimosa inda mama da ubre cobizada resistindose a deixar o zume de súa nai. A via láctea que xungue as vacas co inmenso ceo estrelado, porque as vacas teñen nos ollos as estrelas, e as estrelas agradecidas pintan un vieiro universal de leite e espírito, de encontro e acollida.

Un carballo sauda en Padroso ao camiñante, abondoso de polas e de cañota, erguese calado, humilde, para agasallar sombra e cobixo; casiñas para os paxaros,e acubillo para o pan de sapo e as lesmas, para os fentos e as herbas, un carballo como ofrenda, ara onde inmolar os vellos rancores e deixar agromar un novo home que se desfaga do cadáver da maldade e da egolatría aprendida.

“Un carballo sauda en Padroso ao camiñante, abondoso de polas e de cañota, erguese calado, humilde, para agasallar sombra e cobixo”

E arredor os homes que aprenden a esquecer o mal aprendido e voltan a ser homes, cantan, recitan versos, agasallan sorrisos e amizade, honrando o símbolo do necesario, cando aprenderan os homes que compartir e a verdadeira riqueza, pensa o rei da fraga?

E alí danse cita a carón de Bieito Ledo, o home que molla a palabra as veces con viño e outras moitas dandolles vida, editandoas, buscandoas, traducindoas ou creandoas, os namorados da beleza: Armando González, César Luis Santamarina, Eladio Rodríguez, Miguel Ángel Martínez Coello e moitos outros; pintores, músicos, amigos de olivos e carballos, de mar e de río, coma unha nova Santa Compaña Cultural, acabalo do eterno Camiño de Santiago, cerna dos latexos da alma.

O carballo será abrazado polos peregrinos que cargados de esperanza, levarán nas faltriqueiras os arrecendos dos tempos, onde os homes inda escoitaban as árbores e contaban as nubes que se paseaban entre as polas, poida que un día abracemos todos o carballo de Padroso, homes en ringleiras a milleiros chegados de todo o mundo, fagan rodas arredor e xogen coma nenos, celebrando o remate de todas as guerras, de todas as inxustizas, das fames, da pobreza, poida co mundo vire e desaprendamos todos o que nunca deberamos aprender.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en Caracas. Empresario. Articulista e colaborador en varios xornais. Creador da sección “Con Sentimento” na revista internacional “A Bugalla”. Coautor de "As andrómenas e outros contos" (editorial A Formiga Rabicha). Participa activamente en iniciativas solidarias e culturais.