“Hai xente que mira o mapa para ir poder ver os artistas de Atlántica”

Sole Felloza | Directora Festival Atlántica

O Festival Internacional de Narración Oral, Festival Atlántica, afronta esta edición de 2020 con espectáculos en diferentes concellos de Galicia. Aínda así, segundo a súa directora, Soledad Felloza, houbo que refacer e reinventarse ante as medidas e restricións sanitarias, cousa esta que impediu a chegada dalgúns artistas internacionais. A tecnoloxía puido suplir parte do espectáculo, mais non se renunciou á interacción co público e así, Atlántica, segue repartindo historias chegadas de varios lugares de dentro e fóra de Galicia.

-Que “sacrificios” tivo que tomar Festival Atlántica en relación coas medidas sanitarias que se tomaron coa COVID?
Déuse a situación que Atlántica, no mes de marzo cando nos confinaron, estabamos en plena realización. Xa tiñamos o 50% das actuacións cando houbo que retirarse. Por tanto, foi complicado sacar rapidamente á xente de Colombia, de Brasil, de Francia, de Portugal e de Venezuela. Non só implicou os cambios de billetes senón que directamente había compañías que non estaban a saír. Os compañeiros de Brasil quedaron un mes enteiro en Lisboa. O motivo é que Brasil non recibía pasaxeiros procedentes da Península Ibérica. Foi complexo, mais tiñamos claro que cando todo o mundo comezou a marchar, era esa sensación agridoce de marchar sen despedir e sen rematar o traballo. Alí mesmo, no hotel, a xente comezou a gravar un par de historias que deixamos subidas ao Youtube do Festival co lema “O Conto Non Para”. Así, durante todo o ano fomos estudando a situación mentres decidiamos que agora en novembro tiñamos que completar a edición porque non podiamos ter a cabeza na edición do ano seguinte sen rematar esta. Así que decidimos completar a programación cos artistas que si podiamos traer. Se algún sacrificio tivemos que facer foi non contar con Carolina Rueda de Colombia, con Aline Candia e Xico do Ceu de Brasil. Con todo, coa colaboración xenerosa do equipo de aquí de Galicia, sacamos adiante o resto da programación.

-Atlántica ten diferentes datas para realizar as súas representacións en diferentes lugares.
Aínda que ten como sede central Santiago, desde o ano en que naceu, Atlántica sempre tivo o espírito de percorrer Galicia. Así cada ano imos visitando varias localidades, porque unha das maneiras en que economicamente sexa factible traer artistas de fóra é a forza da unión. Entón, non é o mesmo que pague billetes de avión un concello pequeno, que os gastos sexan compartidos entre varios. Iso fai tamén que os custes do festival non sexan moi elevados para cada concello. Ademais, isto permite achegar artistas a lugares que, de non facelo así, sería imposible levar artistas internacionais e galegos de gran nivel. A isto sumarlle unha programación e comunicación coordinada que permite durante os días do festival, falar de Atlántica e onde irá. Agora, coa situación que vivimos, mais temos xente que mira o mapa para poder ver os artistas.

-Como describirías a receptividade a Atlántica en lugares máis pequenos, menos inseridos en circuítos culturais?
Pois é unha agradabilísima sorpresa e era co que contabamos, dígoo sinceramente. Si que é certo que en cidades grandes podes ter mellor receptividade porque a xente está moi afeita a participar en actividades culturais. Mais tamén é certo que o público das vilas pequenas, lugares do rural, recibe o festival con moita alegría. Nalgúns casos porque non terían oportunidade de ver os artistas e noutros casos polas fantásticas programacións. En Galicia temos xente que programa en lugares pequenos ao mesmo nivel que as grandes cidades, dentro das súas posibilidades. Por iso mesmo apostamos polos lugares pequenos porque o público é marabilloso. Á parte, non esquezamos que a narración oral, os contos, ás veces teñen máis proximidade coas persoas de lugares pequenos que co público das cidades grandes porque polo ritmo de vida esqueceu a arte de narrar.

-Cales son os espectáculos máis atractivos para o público de fóra das cidades grandes?
É curioso, porque pensas que van tirar máis polos galegos, mais o feito de que moito público teña emigrado fai que, por exemplo, traes un contador de México e aí vai xente que emigrara alá. Pasounos en Pazos de Borbén, trouxemos contadores de Brasil e nese concello hai moita xente que emigrara ao Brasil. As persoas os reciben con cariño porque é case un reencontro. Desde Atlántica queremos que a xente faga unha viaxe polos países destas historias que están arredor do Atlántico. As persoas aceptan gustosas as propostas para coñecer eses lugares.

-Existe unha linguaxe universal dos contacontos?
Existe unha temática universal, a todos nos interesa a morte, o amor, a todos nos gusta rir ou escoitar unha boa historia de aventuras. A diferenza está nos trazos, mais as temáticas repítense moito. Un ano un contador bretón comezou a contar que na Bretaña crían que desde unha illa saía pola noite unha procesión de mortos e a xente dixo “aquí chámanlle a Santa Compaña”. O incrible da narración oral é que comezas a descubrir que o teu mundo é moito máis grande. Todas as historias se suceden e se repiten adaptándose ás características dos lugares.

-Esperades algunha sorpresa para este ano tan estraño que vivimos?
As sorpresas sempre son benvidas, son parte do alimento da ilusión. Espero que haxa algunha sorpresa porque estamos traballando moito, e compartiriamola con toda a xente de Atlántica cara o ano, porque nos permitiría que o 2021 a edición sexa máis grande.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!