Goretti Sanmartín está onde ten que estar.

Manuel López Foxo | Se alguén non estivo onde tiña que estar, ese foi Carlos Mazón a tarde da dana, de consecuencias tan dramáticas para centos de familias de Valencia. Sábeo toda Europa e parte do mundo, pero oito meses despois, o presidente da Xunta de Galicia, o voceiro do PP no Concello de Santiago e o Partido Popular no seu conxunto, con Feixoo á cabeza, aínda non dixeron unha soa palabra para censurar publicamente ao presidente da Generalitat valenciana por non exercer a súa responsabilidade institucional en horas tan tráxicas. Ese mesmo partido, polo visto tan preocupado polo respecto institucional, tamén pode permitirse o luxo de que os seus máximos representantes non asistan ao acto conmemorativo do 40 aniversario da adhesión de España ás Comunidades Europeas, unha celebración que tivo lugar no Palacio Real e presidida polo Rei. Ah, mais que a alcaldesa de Santiago non participe no acto de entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor, iso si que é grave! Gravísimo!

Tampouco Manuel Fraga estaba onde tiña que estar aquela fin de semana de novembro de 2002 cando o Prestige comezou a encher de chapapote as nosas rías e as nosas praias. Estaba de caza en Toledo e Aranjuez. E o país á intemperie, sen que a Xunta lle fixese fronte á catástrofe. Iso si que era un modelo de proceder desde un goberno! Por non falar de como actúa o actual presidente da Xunta cando hai que defender a lingua milenaria deste pobo en Europa, como si fan os presidentes de Euskadi e Cataluña e case trinta universidades, ou cando hai que protexer a nosa riqueza natural e un desenvolvemento económico non depredador dos nosos recursos fronte a unha industria de enclave como Altri.

Está aí o señor Rueda onde ten que estar, defendendo a lingua oficial do país que el representa e os intereses económicos da sociedade galega? Ah, iso é unha anécdota comparado coa ausencia de Goretti Sanmartín na entrega dunha medalla a unha persoa que ten tantos méritos para merecela como para ser filla adoptiva de Lalín.

Cargos de usar e tirar
E que dicir do señor Feixoo, que despois da campaña “Galicia, Galicia, Galicia” e de dicirnos que el non marchaba para Madrid porque ser presidente de Galiza era a maior das súas ambicións e, ademais, non lle podía faltar ao compromiso cos galegos, logo fixo todo o contrario e incluso levou con el media Xunta de Galicia e o mellor portavoz parlamentario que tivo en toda a súa historia o PP na Cámara galega. Foi acaso respectuoso Feixoo coa vontade das persoas que o votaron para presidir a Xunta? Cumpriu co seu compromiso electoral e político con Galiza marchándose na metade dunha lexislatura para facer carreira política en Madrid? É así como se debe desempeñar o cargo para o que te escollen, situando a ambición persoal e os intereses do partido por riba dos intereses de Galiza e do compromiso coa cidadanía?

Alcaldesa de Compostela en París
A alcaldesa de Santiago se por algo se caracteriza é pola súa capacidade de traballo, pola súa entrega sen límites á súa responsabilidade institucional, polo seu respecto a todas as persoas e a todos os sectores sociais, e tamén pola súa intelixencia, a súa cultura e a súa cordialidade institucional e humana con todo o mundo. Poderiamos avalar o que acabamos de escribir con centos de fotos, mais chegan dúas: a da reunión do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade coa Unesco en París e a da constitución da Fundación Panteón de Galegos e Galegas Ilustres.

Na foto de París, encabezando e presidindo esa reunión, Goretti Sanmartín demostra o seu altísimo perfil de alcaldesa. Hai unha Goretti que percorre a pé toda a cidade, que fala coa súa veciñanza, que se interesa polos seus problemas, que case vive todo o día no Pazo de Raxoi vendo expedientes e buscando solucións complexas para a cidade e para as súas parroquias. Pero tamén hai unha Goretti que se vai a París e preside unha reunión de alcaldes e alcaldesas co director do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco e co embaixador de España na Unesco para abordar desafíos como o impacto do turismo, a despoboación dos cascos históricos, a perda do comercio tradicional ou a mobilidade nas zonas monumentais. Goretti está onde ten que estar, ocupándose día a día da acción de goberno, representando a súa cidade alí onde se toman decisións que tanto lle afectan.

Pola súa parte, a foto da constitución da Fundación Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, co presidente do Parlamento, o conselleiro de Cultura, o arcebispo de Santiago e outras autoridades, é igualmente un magnífico exemplo do seu bo facer, da súa capacidade de diálogo e de acordo con outras administracións e coa propia Igrexa cando se trata de buscar unha solución consensuada polo ben común. Onde está o sectarismo de Goretti Sanmartín Rei?

De Castelao a Leonor
Nós estamos seguros que se fose unha recepción institucional á princesa, a alcaldesa de Santiago estaría nese acto representando á cidade, aínda que ela sexa unha muller republicana e de esquerdas. Pero non se trataba diso. Tratábase nada menos que da entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor de Borbón. Asistir a ese acto significaría avalar coa súa presenza tan desafortunada e inxusta decisión da Xunta de Galicia e contribuír aínda máis ao despropósito de que unha medalla que a primeira vez que se concedeu foi a unha figura como Castelao agora poida ser entregada a granel, como xa sucedeu cando se concedeu a Álvarez Cascos, a Martín Villa e a moitas outras persoas.

Dignidade e coraxe política
Creo que a alcaldesa de Santiago demostrou coa súa ausencia do acto institucional da entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor admirábel coraxe política, sentido común e empatía co conxunto da cidadanía, que maioritariamente non comparte tal decisión das autoridades da Xunta. Goretti está, máis unha vez, onde ten que estar, dando unha lección de como se exerce un cargo institucional con dignidade, sen hipocresía e lonxe do servilismo ao poder de raíz tan pouco democrática como a monarquía. Non lle fixo falta ningunha pancarta a Goretti Sanmartín para protagonizar un xesto de protesta contra tan desafortunada decisión da Xunta de Galicia. A alcaldesa de Santiago demostrou que con ela non vai a prostración política. E fíxoo con educación, dignidade e valentía.

Fonte: Mundiario.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.