Gonzalo Caballero ofrece “man tendida” para reforzar a vacinación da COVID 19

Criticou á Xunta polos retrasos na vacinación dos maiores de 80 anos

Santiago de Compostela/PSdeG | O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, volveu ofrecer hoxe ao presidente da Xunta “man tendida” para “reforzar” o sistema de vacinación, a fin de corrixir as “eivas” dun proceso no que a Xunta nou administrou o 24% das doses recibidas ata o final do primeiro trimestre.

Todo iso, como sinalou o líder dos socialistas galegos, a pesares das “bravuconerías e falacias” de Feijóo sobre que a Xunta podería vacinar a 100.000 persoas ao día para ter a toda a cidadanía vacinada en oito semanas.

“A realidade”, sinalou Gonzalo Caballero, é que os datos do Ministerio de Sanidade en relación ao primeiro trimestre do ano evidencian que Galicia só administrou o 76% das vacinas, e que no caso dos maiores de 80 só o 64% tiñan unha dose e o 31% recibiran xa as dúas a 31 de marzo.

“O dirixente socialista amosou a súa ‘preocupación’ polo feito de que logo de tantos anuncios baleiros do presidente da Xunta, Galicia estea á cola do Estado en vacinación de maiores de 80 anos, só por enriba de País Vasco e Canarias no porcentaxe de vacinados”

O dirixente socialista amosou a súa “preocupación” polo feito de que logo de tantos “anuncios baleiros” do presidente da Xunta, Galicia estea á cola do Estado en vacinación de maiores de 80 anos, só por enriba de País Vasco e Canarias no porcentaxe de vacinados. Ademais, sinalou que esta situación prodúcese días antes de que chegue a España outro millón de doses e á vista de que o sistema de Atención Primaria está “moi debilitado” pola derivación de persoal ao proceso de inmunización.

O goberno galego demostrou “incapacidade de xestión” na primeira fase da vacinación, e por iso Caballero fixo valer o compromiso formulado ao presidente da Xunta, na xuntanza mantida antes de Semana Santa, de acadar un consenso para reforzar o proceso de vacinación e o sistema sanitario galego. Sobre todo, dixo, porque ata 2.000 profesionais de enfermaría poden estár dedicados ao proceso de vacinación e só se contratou 200 traballadores extra para reforzar neste escenario a Atención Primaria.

“Outra proba” dese “debilitamento” da sanidade pública que implican as políticas do PP, como referiu o secretario xeral do PSdeG, é o feito de que a Xunta continúa a ofrecerlle aos MIR de cuarto ano contratos temporais de 15 días para “ir rotando entre os centros de saúde” da área de Vigo.

Lonxe de fortalecer a Atención Primaria, esta estratexia supón “invitalos a abandonar Galicia” na busca de mellores condicións laborais, mentres a cidadanía “ten problemas para conseguir cita” en atención primaria e a telemedicina revélase como “insuficiente”.

Nesta conxuntura, Gonzalo Caballero chamou a “aprender dos erros” para “non permitir que no segundo trimestre se repliquen as debilidades do primeiro”. Cómpre, remarcou, reforzar o dispositivo de vacinación e garantir maior estabilidade para o persoal de Atención Primaria.

Ampliar o toque de queda
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG chamou a manter a cautela diante da evolución da pandemia, pero emprazou á Xunta a valorar xunto co comité clínico a ampliación do toque de queda ata as 23,00 horas se non se produce un repunte de contaxios trala Semana Santa.

Ademais, Gonzalo Caballero explicou que, de acordo cos expertos que asesoran aos socialistas galegos no relativo á pandemia, contar cunha hora máis de actividade logo do cambio de hora permitiría tamén evitar as concentracións de persoas nas horas previas, o cal daría “garantías” fronte aos contaxios do virus.

Reforma do Estatuto
Finalmente, o máximo dirixente do PSdeG salientou que “unha vez superada a crise será o momento de estudar a reforma e mellora do Estatuto de Autonomía de Galicia” cando mañá se conmemoran os 40 anos da aprobación do texto.

“Galicia non pode quedar rezagada”, polo que cómpre “actualizar” o Estatuto para adecualo aos novos retos sociais e políticos do Estado das Autonomías.

“Galicia non pode quedar rezagada’, polo que cómpre ‘actualizar’ o Estatuto para adecualo aos novos retos sociais e políticos do Estado das Autonomías”

Caballero lembrou o papel fundamental dos socialistas galegos no freo do denominado “Estatuto da Aldraxe” e para aprobar o actual texto, e ratificou o compromiso do PSdeG co federalismo e a cogobernanza no contexto da España plural e dentro da Constitución.

“Cremos no autogoberno e non temos unha posición pechada no pasado”, finalizou o responsable socialista, partidario de facer “un texto máis eficiente” na medida en que permitirá “mellores políticas” para Galicia.

Reivindicación do “galeguismo inclusivo”
Caballero apelou igualmente ao “galeguismo inclusivo” e fixo un chamamento a reactivar as transferencias de competencias a Galicia fronte ao “separatismo nacionalista” e a “inacción conservadora”.

Así o dixo nun acto para conmemorar os 40 anos do Estatuto de Autonomía no que participaron os membros da dirección do Grupo Parlamentario Socialista e o coordinador da Interparlamentaria do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.

“Hoxe volvemos consolidar o compromiso coa Galicia do Estatuto, do autogoberno, a Galicia inclusiva, que pon a remar a toda a cidadanía e todas as forzas políticas para conseguir a mellor política”, destacou nunha comparecencia diante do Hostal dos Reis Católicos invocando os Pactos do Hostal, que derivaron no actual Estatuto de Autonomía e que “permitiron que Galicia tivera unha autonomía de primeira, no máximo nivel competencial e que non quedara rezagada”.

Dende alí, o líder dos socialistas galegos chamou a “actualizar” o texto estatutario logo de 40 anos da súa promulgación unha vez que pase a pandemia.

“Fronte a aqueles que se situaron á marxe do Estatuto e que defenden o separatismo ou o independentismo e fronte aos máis de 11 anos de goberno do PP nos que a política de Feijóo foi a da inacción, sen asumir unha nova transferencia, nós representamos o mellor galeguismo inclusivo”, subliñou.

De feito, Gonzalo Caballero reivindicou o socialismo galego como mostra “do mellor galeguismo, o inclusivo, o que defende o Estatuto de Autonomía e que hoxe queremos refrendar”. Do mesmo xeito, puxo en valor un proxecto político que sitúa a “idea do socialismo e do galeguismo como as dúas grandes caras da referencia ideolóxica e de compromiso co país” e que derivou, por exemplo, na solicitude de transferencia da AP9 e no compromiso de rebaixar as peaxes desa autoestrada.

Ademais, o máximo dirixente do PSdeG anunciou a solicitude da transferencia de 30 novas competencias para Galicia, co obxectivo de mellorar a eficacia do goberno autonómico “mentres non sexa o momento” de reformar o Estatuto.

Ampliar as competencias
Pola súa banda, o coordinador dos socialistas galegos no Congreso e no Senado, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu que Feijóo recibiu en 2009 “unha nacionalidade histórica” que está a converter nunha “nacionalidade de segunda división”, cun nivel competencial mesmo por detrás dos estatutos reformados de Valencia ou Andalucía.

En fronte, avogou por un “reformismo en materia estatutaria” para poñer o texto “ao día”. E, mentres ese momento non chegue, defendeu explorar a marxe que deixan tanto o Estatuto como a Constitución para ampliar o nivel competencial de Galicia.

Explicou así a proposta para reivindicar 30 novas competencias para Galicia, unha iniciativa que xa fora presentada en 2019, e que inclúe competencias xa transferidas a outras comunidades autónomas ou recollidas noutros estatutos hoxe en vigor.

Demandou así para Galicia a xestión do litoral, así como as competencias de Tráfico para que a súa xestión se adecúe á dispersión poboacional, á maior idade dos condutores ou á ampla rede de estradas secundarias.

Do mesmo xeito, apostou por xestionar a Inspección de Traballo dende esta comunidade, así o Catastro ou mesmo a FP náutico-pesqueira, como exemplos de diferentes materias que requiren métodos e procedementos diferentes e adaptados ás especificidades de Galicia.

Fernández Leiceaga reivindicou o “federalismo de eficacia, que atenda aos intereses dos cidadáns”, concedendo “máis solidez ao autogoberno” ao tempo que respectando a igualdade no conxunto de España e defendendo o equilibro territorial.

Trátase -dixo- dunha vía “máis produtiva, máis útil, que permite maiores consensos e que posibilita desenvolver proxectos de máis envergadura, como a reforma do Estatuto á que non renunciamos”.