Gogue publica unha ampla escolma de Floreano e Moncho Borrajo recompila todas as súas viñetas

gogue

Félix Caballero | O humor gráfico galego vén de enxendrar dúas novidades editoriais, o cal é sempre unha boa noticia: Floreano, de Gogue, e Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo. Ambos os libros pódense adquirir xa nas principais librarías do país, alén de nos sitios webs especializados.

Floreano

Floreano (Xerais, 2017) recolle catrocentas tiras das publicadas por Gogue en Faro de Vigo na súa sección do mesmo nome, organizadas en tres apartados: “De mulleres, chiñas, rubias e varios”, “De curas, monseñores e eminensias” e “De tasas, viños e loureiros”. Constitúe a primeira grande antoloxía dos personaxes creados polo humorista do Grove: Floreano, Monchiña, Epifanio, Cachiña, don Ramón o cura, Charito e Fly. Abre o volume o texto, “Floreano, My Way”, limiar de Alberto Avendaño, director de Tiempo Latino, o xornal en castelán editado polo Washington Post na capital dos EEUU. Edítase co gallo do 25 aniversario de Floreano, creado por Gogue nas páxinas do diario decano da prensa nacional en 1989.
Gogue xa publicara nos últimos dez anos dúas escolmas do personaxe: Historias Floreánicas (edición do autor, 2008) e Historias Floreánicas II (Todogrove, 2011).

Floreano é un home campechano, bebedor de bo viño, ao que lle fai feliz unha cunca de viño e arrodearse de amigos. Nas viñetas está acompañado ás veces pola súa dona Moncha, o seu amigo Epi, Cachiña e o cura don Ramón. Con Floreano Gogue fai un humor “tabernario-furancheiro”, que se traduce como costumista, popular, retranqueiro, con referencias puntuais á actualidade informativa.

O humorista defínese como “un contador de historias cotiás e ás veces retratista gráfico de actualidade. (…) A miña inspiración baséase no cotián, no que vexo e oio na rúa, nunha tenda ou tomando un viño” (El Correo Gallego, 13 de setembro de 2014). “Eu fago humor social, para o pobo. Sempre tiro algún trazo cómico dunha conversa. Por iso, os meus chistes son atemporais. Só quero arrancarlle un sorriso á xente cada mañá, para que comece ben o día. Ás veces tamén quero facela pensar. Pero case sempre o que busco é que me digan: ‘Que chiste máis bo, alégrachesme o café da mañá’. E creo que esa é a chave do éxito de Floreano e, sobre todo, de que se manteña en primeira liña tanto tempo” (Galicia Única, 1 de xullo de 2011).

Floreano acadou logo tanta popularidade que comparte co Carrabouxo de Xosé Lois a honra de ter unha estatua de seu. O escultor Lucas Míguez (Olimpio Javier Míguez Mosquera, Mos, Pontevedra, 1944) inmortalizouno en bronce en xullo de 2011 na Praza de Arriba do Grove, en fronte da casa natal do humorista. Un conxunto escultórico no que non falta nada da viñeta: Floreano, a súa mesa, a cunca de viño, o xornal, as moscas…

Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo

Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo (Areosa, 2017) pretende achegar ás novas xeración o bo facer dun artista integral, que axiña sobe a un escenario como se dedica á obra plástica en pintura ou escultura.

O volume recolle todas as viñetas de humor publicadas polo popular cómico de Baños de Molgas nos seus cinco libros orixinais de humor gráfico: Moncho y yo (Planeta, 1980), Moncho y tú (Planeta, 1986), ¡Pobres míos! (Planeta, 1987), Animaliños (Ir Indo, 1988) e Gatos (Ir Indo, 2008), máis algunhas outras aparecidas en xornais. Os tres primeiro libros estaban escritos en castelán e os dous últimos en galego, e así aparecen tamén nesta nova edición. Trátase, polo tanto, dun exhaustivo repaso a obra humorístico-gráfica de Borrajo desde hai case que corenta anos.

Moncho y yo, Moncho y tú e ¡Pobres míos! xa foran xuntados antes en Lo mejor de Moncho Borrajo, editado por Caixa Galicia en 1990.

Como humorista gráfico, o cómico continúa a liña de Castelao e Maside, facendo debuxos dentro dun cadro, con texto ou sen el, de liña, pouco barrocos, influído pola estética art decó dos anos 20 e 30 do século pasado. Como adoita acontecer no humor gráfico galego en xeral, é un humor de sorrir, non de rir a gargalladas, que nos fai pensar e –como apunta o propio Borrajo (TVG, 26 de abril de 2017)– dicir: “Carallo como atinou! Este xa sei por quen vai!”.