Goberno municipal de Ponteareas presenta un orzamento 2024 de 20,9 M€

Conta cun superávit de 1,5 millóns de euros para "sanear a débeda do goberno anterior"

Ponteareas | “Este é un orzamento realista que marca un antes e un despois na vila”. Así explicou o Tenente de Alcalde, Juan Carlos González Carrera o Orzamento 2024 do Concello de Ponteareas presentado este 14 de novembro no Salón de Plenos en presenza da Alcaldesa Nava Castro e do concelleiro de Facenda Xoán Represas así como pola totalidade dos membros do goberno municipal conformado polo PP, ACiP e Independentes de Ponteareas.

O novo orzamento, que terá que ser aprobado en pleno municipal, alcanza os 20,9 millóns de euros e “conta cun superávit de 1,5 millóns destinados a sanear a débeda do anterior goberno municipal en 2022”, segundo afirmou a Alcaldesa Nava Castro. A rexedora considerou que o “saldo positivo a favor” ven logo de “descontar os gastos, que ascenden a pouco máis de 19,4M de euros”.

O concelleiro Represas informou que no apartado de Ingresos as maiores partidas veñen polo impostos indirectos con máis de 4,5M de euros (un 21,7% do total), seguido das taxas e prezos públicos por valor de case 4,4M de euros (un 21%). Pero a maior porcentaxe de ingresos, un 40,7% que equivalen a más de 8,5M de euros, proveñen de transferencias correntes.

Neste apartado o Estado é o que máis aporta con más de 5,6 M de euros, seguido da Xunta de Galicia con 2,7M, e o desenvolvemento de PXOM con 1,3M. Todo isto sen contar cos ingresos procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, que achega 1,3M de euros.

En canto aos gastos, as tres partidas principais correspóndense a servizos sociais, xuventude e voluntariado con case 3,9 M de euros, un 20% do total; a administración xeral que supón un desembolso de algo máis de 2,6M de euros, un 13% e cun 10%, más de 1,8M, a recollida, eliminación e tratamento de residuos.

Cinco liñas estratéxicas
As liñas estratéxica sobre as que pivotarán os orzamentos desde vindeiro exercicio, 2024, son cinco: a inversión en servizos sociais, coa creación da área infanto-xuvenil, a mellora da xestión do centro de reparto de alimentos, a incorporación dun servizo de acompañamento e o aumento do servizo de axuda no fogar ao 100% das persoas dependentes de grado II e III.

A segunda liña é a mellora das infraestruturas verdes, con desbroces, mantemento de parques e xardíns, a Freixa e o Tea. Tamén un novo convenio para o servizo de emerxencias e extinción de incendios. En cuarto lugar, a promoción do patrimonio cultural e mellora das axudas aos centros culturais e a quinta, a incentivación das actividades deportivas e o reforzo das axudas aos clubs deportivos. Neste sentido destaca o incremento do 554% para actividades culturais e festivas ou o +233% en inversión na promoción do deporte, así como o aumento do 175% na licitación do subministro eléctrico que pasa dos moi escasos 300.000 euros do anterior orzamento aos 825.000 euros neste 2024.

Nova creación
Entre as novidades, resaltar tres de partidas de nova creación moi necesarias para a vila como son o Fondo de continxencia, a Residencia de Artistas e o centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking, así como o reforzo do servizo tecnolóxico cun aumento da inversión do 25%.

Pola súa banda, as subvencións increméntanse nun 71% ata os 634.000 euros dos que o maior incremento, dun 216% vai para entidades deportivas, as achegas a centros cultural medran un 63% ata os 40.000 euros ampliables a 25.000 euros. No ámbito social destacan as axudas de emerxencia social con 100.000 euros e os convenios nominativos de 40.000 euros coa Cruz Vemella, 25.000 con Afaga e 10.000 para Avelaíña. Tamén o baleirado de fosas sépticas increméntase nun 82% para dar resposta á demanda dos veciños e veciñas que non se atendeu nos últimos anos.

Finalmente, no apartado de Investimentos, de pouco máis de 2M de euros. Más de 900.000 corresponden á humanización da contorna do Concellos, outros 600.000 á reforma da residencia de maiores, 400.000 á rehabilitación da Ponte dos Remedios, 380.000 euros á fase I da rede de saneamento de Ribadetea e os 220.000 restantes ao parque empresarial de A Lomba.