Por primeira vez nos tempos modernos Galicia é un país con vocación estábel para a inmigración e establecemento de persoas nadas fóra da Galicia. O 1 de xaneiro de 2025 a nosa poboación de dereito atinxía os 2.715.424 persoas, delas un 6,35% de persoas de cidadanías distintas á española (14% no Estado español, onde o 19,1% dos residentes naceron fóra do seu ámbito territorial)
Semella que a chegada de residentes nados fóra da nosa Galicia (a traballar nomeadamente en funcións esenciais de coidados de persoas maiores e dependentes e crianzas, canda en labores esenciais na hostalería, construción, pesca marítima e actividades agrogandeiras; todos eles fisicamente bastante duras, cómpre dicilo) está a beneficiar a nosa sociedade e á nosa economía.
“Semella que a chegada de residentes nados fóra da nosa Galicia (…) está a beneficiar a nosa sociedade e á nosa economía”
Dito isto, cómpre lembrar que seguimos a ser un país de emigración de persoas novas moi cualificadas. E que, probabelmente, o incremento actual do PIB galego sexa menos tributario da man de obra inmigrante ca no conxunto do Estado español. Velaí que cumpra analizarmos que podemos facer para construírmos unha Galicia multicultural –ou, máis ben, intercultural– sen os problemas de convivencia que viven París ou Bruxelas e certas áreas de Catalunya ou das Rexións de Madrid e Murcia.
Primeiro de todo, no contexto da Unión Europea (UE), cómpre pormos o acento na interculturalidade, pois que as persoas inmigrantes han ser libres para o pleno exercicio dos seus dereitos fundamentais e para a libre promoción da súa identidade cultural de orixe. Os marcos na UE han ser os da Lei. Os dos dereitos da persoa, os da igualdade entre persoas de distinto sexo ou xénero, os da saúde reprodutiva ou sexual, os do benestar animal. Calquera europeo de orixe ou adopción pode reivindicar a súa identidade cultural, mais non para excepcionar os marcos da lei. Nin para refugar a actuación de mulleres profesionais ou funcionarias públicas nin para pretextar o inexistente dereito á ignorancia a respecto da nosa lingua galega.
Ollando dende a UE cara á nosa Galicia, nación sen Estado e orfa de soberanía política, cómpre decatarmos das nosas limitacións para definirmos a Galicia do futuro, pola nosa carencia de ferramentas xurídicas para planificala. Xa que logo, cómpre acadarmos un nível de cosoberanía co Estado que nos permita desenvolver políticas eficaces de inmigración. Para garantirmos mecanismos de integración nacional galega a medio do fomento do retorno dos nosos e dos descendentes dos nosos, cumprindo o artigo 4.3 do noso Estatuto. Para facer do coñecemento e uso da lingua galega un vector esencial destas políticas de integración.
“Por unha vez na historia, Galicia vai adiantada, porque vai dispor de tempo para construiren estas políticas de integración”
Por unha vez na historia, Galicia vai adiantada, porque vai dispor de tempo para construiren estas políticas de integración. Velaí a necesidade que se nos devolvan as competencias normativas e administrativas, canda os créditos orzamentarios precisos, para desenvolver a Galicia acolledora e integradora . A Galicia de todos.