Galegos en Catalunya.

Os galegos agrupados na Federación de Entidades Culturais Galegas en Catalunya (FEGALCAT), a proposta de Ovidio Santos, tiveron a ben distinguirme co Alecrín no eido da “Defensa do Galego” polo labor de normalización do idioma en todos os campos da vida cotiá nun acto celebrado no Auditorio Municipal de Lalín.

Agradézolles tal honra, que comparto cos centos de persoas que conforman o colectivo Galeguizar Galicia, porque eles son os auténticos protagonistas de crearen un novo discurso de galeguidade transversal, imaxinativo e positivo (www.galeguizargalicia.gal).

Cando tiven que agradecer o premio lembraba a presenza importante que tiveran os galegos en Catalunya. A mediados dos anos oitenta o censo rexistraba máis de trescentos mil. Dicíase entón que despois do catalá e o castelán, o galego era a terceira lingua máis usada naquel país. Hoxe son 70.277, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística.

“O galego era a terceira lingua máis usada naquel país. Hoxe son 70.277, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística”

Na quenda de intervencións para agradecer o premio louvei o labor desenvolvido polos emigrantes que mantiveron viva a nosa identidade alén das nosas fronteiras. Faleilles da transcendencia que tivera a celebración do 1º Congreso da Emigración Galega celebrado en Buenos Aires en 1956 como o fito máis importante na historia da diáspora.

Foi ali, naquel encontro mundial, onde se abordaron os problemas da emigración e tamén as propostas para o desenvolvemento social e económico de Galicia.

“En Catalunya os galegos, amais de afortalaren os sinais da súa propia identidade souberon inculturizarse no país que os acolleu”

En Catalunya os galegos, amais de afortalaren os sinais da súa propia identidade souberon inculturizarse no país que os acolleu. Púxenlles como exemplo o maxistrado caldelao, Orencio Pérez González, que durante o tempo que foi titular dun xulgado no concello de Mataró deu mostras sobradas dese proceder. Solicitou da Generalitat unha bandeira catalá para o seu despacho e auxilio para poder publicar as súas sentenzas en catalá, ao tempo que aprendía o idioma nos cursos programados pola Generalitat.

No acto de Lalín gustaríame terlles dito que ese galeguismo de exaltación sentimental que cultiva o tecido asociativo nas actividades culturais debería ter maior alcance,con obxectivos máis específicos. Estou seguro que os meus argumentos convencerían á maioría dos galegos radicados en Catalunya que ateigaban o Auditorio de Lalín, se dispuxese de máis tempo para explicarllelo.

Rematado o acto un grupo de amigos reflexionabamos sobre as actividades desenvolvidas por estas entidades da diáspora en amigable en demorado parladoiro. Organízanse actividades como a celebración do Día das Letras Galegas, dicíanme, que apenas concitan interese nas comunidades da emigración. Pouco teñen contribuido esas celebracións na recuperación da autoestima dos galegos na diáspora. É unha efeméride anual que perdeu forza co paso dos anos. Os contertulios botaban en falta directrices máis atractivas, transversais e innovadoras.

Chegado ese punto do parladoiro, aproveitei a oportunidade para propoñerlles algunhas de carácter económico e antropolóxico, por se tivesen mellor acollemento. Argumentáballes que os emigrantes, tanto en canto son consumidores, poderían converterse nunha forza decisiva no apoio á comercialización de produtos galegos, e preferentemente aqueles que están etiquetados en galego.

Os beneficiados serían os familiares, amigos e veciños, que verían como as súas industrias de transformación agroalimentarias son viables, creando postos de traballo, e,xa que logo, fixando poboación nun rural hoxe desertizado.

A segunda proposta é a de xeralizar o costume de adiantarse á morte e deixar escritas as mandas testamentarias que obriguen aos herdeiros a cumpriren os desexos para que os que as asinen sexan soterrados en lingua galega, seguindo os exemplos recollidos no libro “En galego, agora e sempre” editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.  Os cemiterios, que son lugares onde está depositada a memoria colectiva dun pobo, estarían en consonancia coa lingua galega, maioritariamente falada polos habitantes da parroquia, circunstancia que agora non se dá.

Os nosos emigrantes, que viven intensamente as atmósferas creadas nas relacións familiares nas vacacións, alentando estes debates, poderían ser o máis eficaces transmisores desta maneira de sermos máis galegos.

 

Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!