“Franco Grande é unha figura fundamental para a lingua e cultura galegas”

Homenaxe en Vigo á figura do célebre escritor Xosé Luís Franco Grande

Vigo | Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936 – Vigo 2020) escribiu menos do que sempre quixo. E así e todo, malia as obrigas dun día a día profesional no mundo do dereito, foi quen de deixar un legado literario que fan del “unha das voces poéticas máis admirables da segunda metade do século XX”, valora o presidente da Real Academia Galega.

A institución da que formou parte renderalle homenaxe esta tarde ao escritor xunto a outras dúas entidades ás que tamén estivo estreitamente vinculado: a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol. A celebración, aberta ao público, terá lugar na Casa Galega da Cultura de Vigo (19 horas), e incluirá a presentación d’Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017), volume que reúne os catro poemarios que o académico de número publicou en vida.

Henrique Monteagudo intervirá no acto nunha mesa na que tamén tomarán a palabra para lembrar a Franco Grande Manuel Puga, presidente do padroado da Fundación Penzol; Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración da Editorial Galaxia; Teresa Seara, editora da antoloxía; e Navia e Rosalía Franco, fillas do autor. “Xosé Luís Franco Grande é unha figura fundamental do período que el mesmo denominou os anos escuros, o tempo da ditadura de Franco, sobre todo nas súas primeiras etapas. Desde moi novo, xa nos anos de estudante na Universidade de Santiago de Compostela na segunda metade dos anos 50, adoptou un compromiso radical, profundo, coa lingua e coa cultura galegas”, retrata o presidente da Academia. “Este compromiso manifestouno de distintas maneiras, e quizais a máis perdurable sexa a súa produción artística como poeta”, valora Henrique Monteagudo. Este xuízo habería de lle agradar ao autor. Porque el, “por riba de todo, sentíase poeta”, aseguran as súas fillas. “Cremos que o noso pai estaría moi contento de ver reunida e publicada a súa poesía. Sabemos que aínda hai algunha agochada ou desaparecida, inédita”, comparten Navia e Rosalía Franco. “Para nós Un intre no tempo é unha merecida homenaxe ao noso pai poeta, agradecémoslles a Galaxia esta publicación e a Teresa Seara que a facilitase”, engaden.

Reler a Franco Grande foi para a responsable da edición un reencontro cunha poesía que, alén dun “gran dominio da métrica, fai gala dunha mestría léxica innegable”, indica a editora sobre quen foi, ademais de escritor, autor do Diccionario galego-castelán (1968), obra de referencia para varias xeracións que comezaban a estudar galego aínda na ditadura. “Tamén significou regresar á liña existencial que dominaba nos anos cincuenta coa súa carga de ferida e tebra”, analiza Teresa Seara. Ao entender da crítica literaria, na lírica do académico atópase “unha lección crucial para a vida ou, como dixo Xulio Ríos, un ‘universo de profundidades común en quen conversa consigo mesmo de forma incesante’ e procura respostas ás grandes preguntas da existencia”.

“A editora da antoloxía de Franco Grande sinala nesta liña a ‘plena actualidade’ dos temas nos que afonda a súa poesía”

A editora da antoloxía de Franco Grande sinala nesta liña a “plena actualidade” dos temas nos que afonda a súa poesía, desde a reflexión sobre ese sentido da existencia e a busca da transcendencia, ata a ferida da morte do pai, o contraste antitético entre a cidade e o contorno natural (no seu caso a Tebra, a parroquia de Tomiño onde naceu) ou a denuncia das inxustizas, como fixo nos anos de mocidade, mais tamén no seu derradeiro Libro das abandonadas (2017), páxinas estas últimas nas que que pon o foco nas consecuencias do abandono para a muller, facendo dialogar as viúvas de vivo de Rosalía con figuras como Gaspara Stampa e Mariana Alcoforado, repasa Seara.

Un intelectual honesto e respectado
Alén da poesía, este serán haberá tamén tempo para evocar o Franco Grande activista cultural e amigo. O seu compromiso co país agromou sendo aínda ben novo, nos anos de estudante universitario en Santiago de Compostela, onde entrou en contacto cos galeguistas do exilio interior e a seguinte xeración que continuaría o labor desta, a súa propia. Foi un comezo decisivo, como recordan Navia e Rosalía Franco nestas palabras do seu pai: “Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos 50 retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia”.

Tras se licenciar en Dereito e unha estadía de dous anos na Coruña, no despacho do avogado Sebastián-Martínez Risco –naquela altura xa presidente da Real Academia Galega–, Franco Grande instalaríase en Vigo. Pouco despois de chegar á cidade, cando en 1963 se constituíu a Fundación Penzol, o seu mecenas tivo claro que quería contar con el, indica o actual presidente da entidade, Manuel Puga. “Era un rapaz de só 27 anos e acababa de chegar a Vigo para traballar no despacho de Xaime Isla Couto, e Fermín Penzol decidiu incorporalo ao padroado a carón de figuras como Ramón Otero Pedrayo, Ramiro Isla Couto ou Carballo Calero. O seu labor foi intenso e sempre comprometido. Percorreu Galicia e traballou arreo á procura de apoios á causa”, resume.

Máis adiante renunciaría a ser padroeiro da Penzol por un desencontro con Ramón Piñeiro, pero en 2007 volvería selo, desta volta, cuns novos estatutos, en representación da Real Academia Galega. “No seu regreso volveu participar na Penzol facendo sempre achegas oportunas, e foi recibido de novo con moito afecto e respecto”, engade Manuel Puga. Mostra deste cariño é a edición facsimilar de Vieiro choído (1957), o seu primeiro libro. O texto teatral que inaugurou a colección Illa Nova da editorial viguesa foi levado de novo ao prelo en 2018 pola Penzol, a Fundación Isla Couto e Galaxia.

En representación da editorial viguesa participará na homenaxe o presidente do seu consello de administración, do que Franco Grande foi secretario. Pero Antón Vidal Andión non se deterá moito nos detalles da estreita relación entre o homenaxeado e Galaxia, ben coñecida e moi temperá tamén. Prefire compartir o retrato que garda na súa mente dun home que admira. “Coñecín a Franco Grande na miña chegada a Vigo, a mediados dos 70, a través dun amigo en común, Xoán Bernárdez, que coma el traballaba para a Caixa de Aforros de Vigo, e con que tiña colaborado no programa de radio sobre Galicia Raíz e Tempo (1966-1970)”, rememora. “Del destacaría sobre todo a súa honestidade intelectual, mesmo se obrigaba a manter ás veces posicións non fáciles”, subliña.

Como escritor, Antón Vidal tamén salienta a lucidez de Franco Grande como ensaísta e cronista en Os anos escuros I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-1960), ampliado en 2004. “Este libro deume unha idea cabal do que foi Galaxia nos anos que non puiden vivir pola miña idade”, valora. Xunto á súa poesía, espello do seu eu máis íntimo, estas páxinas manteñen hoxe viva a súa memoria e da xeración á que pertenceu, elo imprescindible entre os galeguistas históricos e os que hoxe seguen a sementar futuro.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.