Dos BRICS ao Sur Global.

É relevante destacar que o cumio dos BRICS recentemente celebrado na capital sudafricana Johannensburgo (22-24 de agosto) definiu un momento histórico para este organismo: seis países (Arxentina, Arabia Saudita, Exipto, Etiopía, Emiratos Árabes Unidos e Irán) foron formalmente convidados a ingresar a partir do 1º de xaneiro de 2024 neste grupo creado en 2005 e actualmente conformado por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica.

O cumio de Johannensburgo non só pasará á historia por esta ampliación senón tamén por unha nova definición xeopolítica: o Sur Global. Pasamos, por tanto, a unha conceptualización dun BRICS ampliado agora cunha vertente de perfil xeoestratéxico para desenvolver mecanismos multilaterais entre os países en desenvolvemento de Asia, África e América Latina.

Con matices estaríamos observando unha reedición do Movemento dos Non Aliñados nun contexto distinto ao da “guerra fría” e da bipolaridade EE.UU-URSS. Dous membros creadores dos Non Aliñados en 1956 como China e India avanzan este 2023 con fortaleza económica e intereses xeopolíticos cada vez máis decisivos. Para mostra un botón: mentres se realizaba este cumio dos BRICS, a India impulsaba oficialmente a súa condición de actor global no terreo do programa espacial enviando unha sonda á Lúa.

Durante os días que durou este cumio, os mass media saturaron ata a saciedade o seu enfoque informativo e analítico nas presuntas expectativas dos BRICS-Sur Global de confrontar os efectos da hexemonía occidental e ‘atlantista’ con epicentro en Washington. Enfocaron excesivamente en temas de maior impacto informativo para as súas audiencias como a guerra en Ucraína, a participación online dun Putin atenazado pola presión da CPI, como repercute a morte de Prigozhin, o fin do dólar e da hexemonía estadounidense, etc. Todos estes temas entraron tamén a colación como posibles efectos colaterais deste cumio.

Non obstante é pertinente afrontar algunhas realidades que dean a entender o momento actual que viven os ‘novos BRICS’, agora cada vez máis como foro do Sur Global. As súas potencialidades e posibles contrariedades para funcionar como un bloque sólido capacitado para reconducir o mundo do século XXI.

“Os BRICS representan un 40% da poboación mundial (…) e un 18% do comercio global”

Os datos son significativos. Os BRICS representan un 40% da poboación mundial, de novo con China e India liderando estas estatísticas. Tamén ocupa un 18% do comercio global, co peso decisivo dunha economía netamente exportadora como a chinesa. Este 2023, Beijing exportou máis 2023 aos países do Sur e do mundo en desenvolvemento que a EE.UU, a UE e Xapón xuntos. Obviamente, a aposta polo desenvolvemento “do Sur e dende o Sur” é unha directriz clave para os BRICS.

A potencialidade chinesa vese igualmente manifestada nas súas ferramentas económicas e financeiras orientadas a establecer mecanismos multilaterais e multipolares que impliquen contrarrestar unha hexemonía estadounidense cada vez máis contestada. Destacan así iniciativas de calado xeopolítico como a “Nova Ruta da Seda”, cun perfil terrestre e marítimo vía Asia Central, Océano Índico e África Oriental, ata o Novo Banco de Desenvolvemento presidido pola ex mandataria brasileira Dilma Roussef.

“Os BRICS contén a tres potencias nucleares (Rusia, China e India)”

Se o vemos no plano militar, os BRICS contén a tres potencias nucleares (Rusia, China e India) Pola súa banda, Brasil e a India son eternos aspirantes enfocados nas expectativas de reformas e de ampliación do Consello de Seguridade da ONU. África do Sur comeza a deseñar unha diplomacia global interesante: foi, xunto a Brasil e China, un dos países que cando menos presentou un plan de paz para Ucraína, a diferenza de EE.UU e da UE, entre outros.

Visto o visto, os BRICS-Sur Global teñen unha expresión alternativa para o mundo do século XXI. Toda vez, o grupo non sempre funciona como unha alianza. Os intereses particulares e as rivalidades internas tamén afloran. China e India teñen reclamacións territoriais e puxan por emerxer como potencias asiáticas do século XXI. A pesar da sintonía actual con China incluso no plano militar, Rusia, demasiado ocupada no conflito ucraíno, debe equilibrar as súas relacións cos membros do grupo que, curiosamente, coidáronse de denunciar a invasión rusa a Ucraína probablemente para non irritar a un produtor alimenticio de primer nivel como Rusia. Os BRICS-Sur Global moi probablemente deberán traballar na creación dunha institucionalidade efectiva que garante a solidez do seu funcionamento como bloque.

E moito menos os BRICS son netamente “anti-occidentais“, por moito que o eixe euroasiático sino-ruso domine parte desta perspectiva. Brasil, India e Sudáfrica tamén deben equilibrar as súas relacións con socios comercias e mercados estratéxicos como EE.UU e Europa. Hai que tomar en conta como inflúen os cambios políticos en países membros, como ten sido o caso de Brasil, que pasou da década de Lula-Dilma (2003-2015) ao trumpismo de Bolsonaro (2018-2022) para voltar a Lula ao poder (desde 2022). Cun “atlantismo” declarado como o de Bolsonaro, os BRICS seguiron funcionando aínda que cun perfil máis baixo.

Pero volvamos á idea orixinal: o cumio de 2023 é histórico. Novos membros con aspiracións de potencia global como Arabia Saudita definirán tamén novos retos principalmente ante a tradicional orientación pro-estadounidense de Riad. A inclusión de Irán, con aspiracións nucleares e unha política de constante tensión con Occidente e Israel, é claramente unha expectativa ansiada polo eixe euroasiático de Beijing e Moscova.

E atención á futura membresía arxentina: se ben xa foi acordada o ano pasado, cobra agora unha nova dimensión trala vitoria do ultradereitista Javier Milei nas primarias pre-presidenciais. Como no caso de Bolsonario, un dos seus principais aliados, un Milei “atlantista” na presidencia arxentina pode contrariar tamén a interacción dos ‘novos BRICS’. Pero non desenfoquemos na análise: os BRICS-Sur Global piden paso no deseño dunha nova arquitectura global de poder máis multilateral, multipolar e inclusiva.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.