Festival Algazara ‘Danzando entre Culturas’ en Ponteareas

Con folclore de Galicia, Porto Rico, Indonesia, Angola e Brasil

Ponteareas | O folclore internacional volverá danzar en Ponteareas este mes de xullo. O vindeiro domingo 24 de xullo o parque da Feira Vella acollerá unha nova edición do Festival Internacional Algazara ‘Danzando entre Culturas’, que organiza a Agrupación Folclórica Algazara en colaboración co Concello e que reunirá a grupos de varios continentes para encher coa súa danza e a súa música a noite ponteareá. O festival comezará ás 22.00 horas e a entrada será de balde.

Tras edicións pasadas nas que a crise sanitaria complicou a presenza de grupos internacionais, “o festival volve este 2022 con enerxía renovada e a participación de grupos de Porto Rico, Indonesia, Angola e Brasil, que coas súas actuacións darán cor a unha noite na que a música galega tamén estará presente coa participación da propia Agrupación Folclórica Algazara”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, quixo felicitar a Algazara “polo seu traballo e tesón para organizar un ano máis este festival co que se busca internacionalizar a nosa música tradicional, así como achegar á veciñanza mostras doutros lugares do mundo a través dunha fórmula atractiva e novidosa”.

A Agrupación Folclórica Algazara é un grupo xa histórico en Ponteareas. Nado en 1997 cando un grupo de amigos decidiu unirse para recuperar e difundir o folclore tradicional da comarca do Condado e de Galicia, nos seus 25 anos de historia a agrupación participou en numerosos festivais por toda a península ibérica.

Ademais do festival ‘Danzando entre Culturas’, tamén organiza o Festival Algazara, que cada outono achega á vila a grupos de folclore nacional.

Éxito da natación feminina nos XIV Xogos do Eixo Atlántico
Grande éxito dos e das nadadoras ponteareás nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, unha competición transfronteiriza que reuniu en Maia a máis de 2.200 deportistas de distintas disciplinas de 27 municipios galegos e lusos, a cifra máis alta nos catorce anos de historia desta competición.

A delegación ponteareá, composta por dez mozos e mozas do CN Ponteareas que competiron en natación e natación adaptada, fíxose durante o encontro cun total de 7 medallas (cinco ouros, unha prata e un bronce) e coa categoría feminina no alto da clasificación. Xunto ao ouro en 4×100 m estilos, Iria Lemos rematou como primeira clasificada nos 100 m bolboreta feminino, Yoel Faro nos 100 m braza masculino, Sofía Carballo nos 100 m braza feminino e Naira Eijo nos 100 m costas feminino. Pola súa banda, Inés Borge conseguiu a prata nos 100 m libres feminino e Uxía González fíxose co bronce nos 200 m estilos feminino.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que acompañou a delegación na súa participación nos Xogos, quixo salientar o bo papel desempeñado polas e polos deportistas da vila nesta cita transfronteiriza e dar os parabéns “a todas e todos os medallistas, pero tamén a todos os membros da delegación participante, que en cada competición deron o mellor de si mesmas para deixar o nome de Ponteareas ben alto”.