“Feijóo sorprendeuse que, cando están pechando Casas de Galicia no mundo, abriuse unha máis na Arxentina”

Alfredo Cerqueira | Ex presidente da Casa de Galicia de Puerto Madryn (Arxentina)

Emigrante ponteareán radicado na provincia arxentina de Corrientes desde 2000, Alfredo Cerqueira, natural da parroquia de Arcos, foi oficial mariñeiro durante moitos anos en diversos países. Na Arxentina contribuíu a crear, xunto coa súa benefactora Dolores Rodríguez Watson, a Casa de Galicia “Voces da Nosa Terra” en Puerto Madryn (provincia de Chubut), entidade da que foi presidente entre 2016 e 2021.

Cal é a túa orixe?
Eu nacín en Arcos. Logo estudei no colexio das Hermanitas de la Caridad en Vigo no Berbés e logo nos Salesianos. Estiven despois nun reformatorio ao que me mandou un párroco de Arcos. Tras facer o servizo militar, casei en Areas.

A túa preparación como mecánico naval onde a fixeches?
En Huelva. Foi unha afección que sempre tiven. Comezou no colexio e tamén cun tío meu da Guarda. Ante a miña vocación, o director dun colexio de Pontevedra onde estiven ofreceume navegar polo que, xa con estudos secundarios, formeime en Pontevedra e en Marín deronme o título de mariñeiro nunha academia privada. De alí entrei en Pescanova e mandáronme a Gran Canaria como mariñeiro. Eu tiña entón catorce anos e acórdome das penurias da embarcación na que estábamos. Empecei a navegar en xullo de 1972. Logo a través do meu cuñado fun á Mercante Estranxeira en barcos liberianos e panameños.

Fun adquirindo os coñecementos e, cunha empresa de Huelva, Mariscos Rodríguez, mandáronme a Dakar (Senegal) Posteriormente saquei a titulación de Segundo Mecánico na Escola Politécnica Naval de Huelva eno 1989, xa con 34 anos. Seguín traballando nunha empresa de frío comercial en Huelva, traballei na Expo Sevilla, volvín a embarcarme e ao regreso saquei o título de Mecánico Naval de Primeira Clase, que me permitiu embarcar de novo pero xa como oficial. Logo, tras desaveniencias coa empresa onde estaba, ofrecéronme ir á Arxentina.

En que ano fuches a Arxentina e canto tempo estiveches?
Fun no 2000 ata a actualidade. Estiven uns meses na empresa Empesur que posteriormente pasou a Mariscos Rodríguez. Logo pasei a unha empresa, Conarpesa S.A, a antiga Álvarez-Entrena en España. Alí agarroume o “corralito” (a crise económica e financeira arxentina de 2001-02) con tres barcos en Mar de Plata. Nese intre, no ano 2000 foi cando coñecín a Dolores Rodríguez Watson, que ten sangue sudafricana e galega, o seu pai era perto das Neves. Ela traballaba na Policía Federal co tema dos pasaportes e documentación en Puerto Madryn, na provincia de Chubut. Foi así como nos coñecimos pola nosa mutua orixe galega.

Daquela o Sr. Guillermo Rodríguez enviábame o xornal A Peneira, que eu tamén lle daba a ela. Pola súa morriña galega, esta señora díxome que quería abrir unha Casa de Galicia en Puerto Madryn. Tras un tempo de distanciamento motivado polo meu cambio de localidade, retomamos a relación á miña volta a Puerto Madryn e animeina a facer este proxecto.

O seu esposo (que faleceu fai dous anos) era bandoneista, profesor de música e mestre maior de obras e ela é moi boa cantante, razón pola que ámbolos dous estiveron en varios países. En 2004 ela puxo un cruceiro galego de cemento en Puerto Madryn e solicitou á Intendencia de Puerto Madryn un terreo fiscal para montar a Casa de Galicia. Tamén conseguiu que o Goberno de Chubut lle dera unha axuda en pesos arxentinos para a súa construción. O seu esposo fixo os planos arquitectónicos e dende entón existe esta Casa de Galicia, que en 2019 foi visitada polo entón presidente da Xunta de Galicia, Alberte Núñez Feijóo. Pero ao non estar inscrita no Rexistro da Xunta, ela non puido optar a axudas do goberno autonómico, polo que todo este traballo o realizaron eles co seu propio esforzo.

Eu fun presidente desa Casa de Galicia desde 2016 ata 2021, incluso coincidiu que era o presidente cando estivo Feijóo alá. Nós representamos a Galicia na Festa do Inmigrante na cidade de Oberá (provincia de Misiones) na que eu fun como presidente e abandeirado.

Cantos socios pode ter actualmente a Casa de Galicia?
Agora mesmo 101 socios. A maior parte deles son alemáns, galeses, que lles gusta a cultura galega. O problema é que a crise económica arxentina dificulta pagar as cotas de socio para a maior parte deles.

Qué poboación ten Puerto Madryn?
Ten 129.000 habitantes. Cando estivo Feijóo, tanto el como os empresarios das empresas pesqueiras galegas alí non sabían que existía unha Casa de Galicia pero si sabían que había unha bandeira de cerimonia, razón pola que se achegaron ao centro para pedir esta bandeira. Mais non se fixeron socios nin lle dixeron á señora Rodríguez Watson se precisaba dalgunha axuda económica, que sempre é necesaria. Ela mais o seu esposo sempre facían os traxes galegos, incluso os galeses facíanos tamén. Dan clases de gaita galega e outros cursos para poder financiar o centro.

Entón, ese centro non está rexistrado na Xunta de Galicia?
Agora aparentemente está rexistrado. Cando estivo Feijóo en Puerto Madryn, Rodríguez Watson aproveitou para informarse dos requisitos, aínda que dende a Xunta sempre lle informan que precisan tamén doutros requisitos. Agora a Casa ten iluminación e calefacción, terminaron de pintar a fachada. O curioso é que a Feijóo lle causou curiosidade que, cando agora están pechando Centros de Galicia polo mundo, pois resulta que tamén se abren algúns como o de Puerto Madryn. Eu tamén quero aproveitar a miña estancia en Galicia para iniciar os contactos pertinentes para enviar alá un cruceiro de pedra.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»