Feijóo en el Corte Inglés.

Cando o vin no medio do sexto andar, mesmo me pareceu unha figura actualizada daquel Fernando de Acuña que mandaran os Reis Católicos para domar a Galicia irredenta.

Eu fora cambiar un agasallo de Nadal. Sorteaba góndolas e mostradores con paso lento, sen presión, tranquilo, cando atopo o presidente da Xunta de Galicia a escasos metros. Alguén diría: coma un cliente calquera máis, pero non. El amosaba un porte de dominio, de home importante, un porte de gobernador ou delegado rexio.

O meu corpo reaccionou mal. Igual ca se tivesen atropelado alguén fronte a min. Ese tipo de reacción, unha sorte de convulsión interna próxima á náusea. Fun o primeiro (e único) sorprendido. Pregunteime o porqué de tal repulsión. Certo é que tan axiña aparece o personaxe na tele, cambio de canle ao momento. Que se a súa imaxe xorde na pantalla dalgún medio online, chimpo coma un resorte cara a outra páxina. Que se, incluso, unha fotografía ilustra o artigo nun xornal en papel, cambio de sección tal que foguete en día de festa.

Esta alerxia persoal ten a súa base. Eu levo arquivando na memoria cada unha das manobras e decisións de Núñez Feijoo en contra do país. Cando o home gañou as súas primeiras eleccións a partir dunha noxenta campaña de infamias; cando paralizou os investimentos industriais que supuñan o Concurso eólico do bipartito cunha denuncia que se sabía, tal como se demostrou despois, unha falsidade; cando suspendeu a estratexia de desenvolvemento do rural a partir do banco de terras; cando non fixo nin fai nada para evitar a invasión brutal do eucalipto; cando condenou o idioma galego ó desleixo e ó menosprezo; cando quitou o osíxeno á industria cultural galega; cando renuncia á transmisión de calquera nova competencia; cando se dobrega ante os xefes de Madrid cada vez que lle chega unha “orde superior”, caso por exemplo, da prórroga de 60 anos concedida a ENCE na ría de Pontevedra; cando precariza a sanidade pública en beneficio do sector privado; cando inxecta millóns de euros nos medios afíns cos recursos de todos… En fin, Fernando de Acuña non o tería feito mellor.

Feijoo sempre amosou un indisimulado interese pola política española en detrimento da autonomía de Galicia. Famosas son as súas fines de semana madrileñas durante as que acode a todo canto acto conveniente se celebra. Frecuentes son as súas declaracións refrendando a postura do seu partido sen importarlle que poida ir contra as condicións de Galicia. Feijoo, máis ca un presidente da Xunta, é un delegado do Reino de España colocado polo Partido Popular no poder. Por se coubese algunha dúbida, velaí as súas últimas declaracións a favor de potenciar a presenza do Estado nas Comunidades Autónomas. Feijoo, tamén un apóstolo da recentralización que se postula dende as clases hexemónicas españolas.

Despois de telo atopado no sexto andar, fico convencido de que, se non existise o PP, Núñez Feijoo faría un magnífico delegado de El Corte Inglés en Galicia.

Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo de Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. Autor das novelas Pallarega, e A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.