Este 17-S remataba o prazo de dous meses que a Comisión Europea lle outorgou ao Goberno do Estado para resolver a ilegalidade das dúas prorrogas da AP-9: a de 1994, o do Goberno de Felipe González (PSOE) do 1994 que alongaba a súa vixencia do 2013 ao 2023 e a do Goberno de José Mª Aznar (PP) do 2000, que a alongaba do 2023 ao 2048. O requirimento da UE era inequívoco en termos xurídicos, recollendo a doutrina xurisprudencial do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que considera ilegais as modificacións substanciais das concesións administrativas sen previo proceso de concorrencia competitiva entre varios licitadores, pois que coida que se alongas o prazo dunha autoestrada (e moito máis unha tan rendíbel como a galega) vanche chover os posíbeis licitadores, polo que cómpre abrir ese proceso de concorrencia para garantir a mellor atención da cidadanía e das persoas usuarias, ao tempo que a libre concorrencia empresarial.
O Goberno Sánchez respostou o requirimento rexeitándoo, fabulando arredor dunha suposta e inexistente confidencialidade, cando o único que lles cumpría era dicir cando e de que xeito cumprirían co requirido pola Comisión Europea.
E o requirido é o que acordará o TXUE cando a Comisión Europea promova, ogallá que o máis axiña posíbel, a acción polo incumprimento do Estado español. É dicir, a anulación ou resolución da concesión administrativa da AP-9. A determinación das resultas desta anulación ou resolución serán determinadas pola lei e, no seu caso, pola xurisprudencia de cada Estado Membro. No caso do Estado español nulidade radical e recuperación da posesión da concesión indemnizando á concesionaria. Mais na indemnización non se ha incluír o beneficio deixado de percibir até a fin da prórroga, segundo a máis recente xurisprudencia xurídico-administrativa do Tribunal Supremo (TS)
Dirán vostedes: está ben, Xoán, mais… canto nos custaría esa festa da nulidade? Pois moito menos do que desaqueladamente o ministro Puente ou a Xunta do PPdeG, sempre pendentes dos intereses das grandes concesionarias, calcularon para un posíbel rescate. A Universidade da Coruña (UDC) avaliou, nun recente informe encargado polo BNG e asinado polos profesores Carlos Aymerich Cano e José Antonio Blanco Moa, un valor razoábel ou de mercado entre 900,43 M€ e 904,76 M€, pois que excluíu do valor a lle compensar á empresa concesionaria o beneficio que ha deixar de percibir consonte co disposto na xurisprudencia recente. A este valor habería que lle engadir uns 11,75M€/ano de gastos de mantemento e conservación da AP-9 que tería que pagar o sector público dende a eficacia da nulidade. En 24 anos uns 282 M€, co que o custo global no 2048 da fórmula de declaración de nulidade das prórrogas acadaría uns 1182,43-1186,76 M€, fronte aos 2.844,50 M€ que avaliou a equipa da UDC de pagamentos comprometidos polo Estado á concesionaria por bonificacións, compensacións e peaxes na sombra do 2024 ao 2048. Velaí que a nulidade da concesión da AP-9 é o mellor negocio para a cidadanía galega.
“Canto nos custaría esa festa da nulidade? Pois moito menos do que desaqueladamente o ministro Puente ou a Xunta do PPdeG (…) calcularon para un posíbel rescate”
Cómpre aínda engadir tres dados: 1) a Xunta do PP fala dun valor de rescate desproporcionado de 2356 M€ porque introduce o nesgo de lle engadir ao valor devandito o beneficio deixado de percibir a prol da concesionaria até 2048 2) PSOE e Sumar seguen a se rir nosa prorrogando no Congreso “sine die” o prazo de presentación de emendas á proposición de lei de transferencia ou delegación, que o noso Parlamento aprobou por unanimidade, da AP-9 a Galicia e 3) a patronal galega de transporte de mercadorías, APETAMCOR, consciente da nulidade radical das devanditas prórrogas da AP-9, presentou este verán unha reclamación ao Consello de Ministros para declarala que, no peor dos casos, dará pé máis cedo ca tarde a un recurso directo perante o Tribunal Supremo se non se accede ao devandito pedimento.