Falemos de DEMOCRACIA.

Francisco Fdez. Buey foi un filósofo español, profesor de “las ideas”, un axitador de utopías, como se lle denominaba. Dun artigo seu na revista EL VIEJO TOPO voulles ofrecer unhas pinceladas das súas ideas que, entendo, poden servirnos a todos para reflexionar sobre unha cuestión da que todos os días falamos sen precisar, precisamente, na profundidade do concepto: a democracia.

Vexamos algunhas das súas ideas.

A democracia non é o que se ensina actualmente nas escolas; é un proxecto en construción, unha forma de resistencia que ven cambiando ao longo da historia.

“A democracia non é o que se ensina actualmente nas escolas; é un proxecto en construción”

A democracia sempre está en crisis. Cando os que mandan no mundo din que non está entón é cando a democracia corre perigo.

Democracia, no sentido literal da palabra como “o goberno do pobo”, non a tivemos nunca. Como goberno do pobo é un ideal ao que convén aspirar sempre a sabendas de que é iso: unha idea reguladora á que hai que aspirar sempre.

Toda democracia existente dende Atenas ata o momento presente ten sido imperfecta. De aí os variados adxectivos que lle vimos aplicando ao longo da historia: escravista, municipalista, comunitarista, estamental, teocrática, censitaria, formal, indirecta, representativa, parlamentaria, plebiscitaria, autoritaria, orgánica, corporativa, popular, material, directa, radical, económica, social, deliberativa, participativa, inclusiva, etc.

A democracia é unha construción histórica, e como tal, a súa existencia, mantemento, enriquecemento, teñen moita a ver coa memoria histórica dos cidadáns. Sen memoria histórica, a democracia debilítase.

As democracias, así en plural, porque doutro xeito conduce a un conxunto de regras que non dan resposta ao que pretendemos dicir.

As regras da chamada democracia liberal ou representativa son: sufraxio universal, división de poderes, existencia de partidos políticos, existencia dun parlamento, unha carta constitucional aprobada por maioría e alternancia na gobernación.

O cumprimento desas regras é conditio sine qua para poder falar de democracia políticas dunha maneira seria, aínda que nestes momentos nin sequera isto é garantía de xustiza e de igualdade entre os cidadáns. Porque a universalidade do sufraxio está en función do concepto imperante na sociedade e incluso nas sociedades europeas actuais o concepto de cidadán depende de certos requisitos que nin todas as persoas cumpren, tal como podemos comprobar cos inmigrantes.

A separación de poderes (gobernamental, ou executivo, lexislativo e xudicial) é o principio básico da democracia. É o mecanismo que pode defendernos dos totalitarios ou napoleonismos. Xa nos tempos en que Montesquieu formulou este principio se recoñecía a problemática existente entre estes tres poderes clásicos e que, na práctica, a independencia de o lexislativo e o xudicial respecto do executivo resulta moi difícil de alcanzar. Do mesmo xeito que a separación de poderes presenta as súas dificultades de aí a idea de que a democracia é algo que está en constante construción.

“A separación de poderes (gobernamental, ou executivo, lexislativo e xudicial) é o principio básico da democracia”

Aquí é onde debemos inserir o chamado cuarto poder, ou sexa, os medios de comunicación, a prensa escrita independente dos outros tres poderes. Pero tamén aquí podemos dicir o mesmo que dos outros tres poderes: a independencia ou separación formal non garante a independencia real.

De aí a insistencia de todos os teóricos da democracia sobre a idea dunha profunda democratización dos medios de comunicación. Ultimamente vense falando da crise dos partidos políticos, sen embargo ata o dia de hoxe aínda non se atoparon fórmulas que garanten unha mellor representación política dos cidadáns. Todas as formulas que se probaron conduciron a fórmulas autoritarias.

Nestes momentos no Estado español temos un claro exemplo disto que acabamos de escribir: a negativa de certas forzas políticas a cumprir coa súa obriga en canto á renovación dos órganos do poder xudicial, esa pata das tres que sosteñen a mesa da democracia que desfrutamos.

Para rematar, indicar que ao noso entender os conceptos básicos sobre o que representa unha sociedade democrática seria e medianamente segura deben ser inculcados nos centros de ensino cando os estudantes comezan a preguntarse o como e por que as cousas funcionan deste xeito.

De cidadáns ben informados e convencidos do que significa defender as canles democráticas aínda que estas poidan presentar eivas depende que gocemos de certa tranquilidade no noso día a día. De momento, non temos nada mellor.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»