Fafe seduce o turista cunha atractiva mestura de cultura, natureza, gastronomía e lecer

fervenza en Fafe

Félix Caballero | O concello de Fafe, no norte de Portugal, tense revelado nos últimos anos como un destino turístico de excelencia pola súa singular mestura de arquitectura, paisaxe natural, gastronomía e lecer. Cun potencial turístico por riba da media, atrae cada vez máis visitantes galegos, que aproveitan a súa proximidade ás cidades de Guimarães (15 km.), Braga (42 km.) e Porto (68 km.).

A cidade de Fafe ubícase no distrito de Braga, subrexión do Ave, con preto de 15.300 habitantes a é sede dun municipio de case 219 km2 e 53.000 habitantes, subdividido en 36 freguesías.

Turismo do Porto e Norte de Portugal, en alianza coa Cámara Municipal, está a impulsar a excelente oferta turística do concello, que inclúe paisaxes naturais como a Barragem de Queimadela (con praias fluviais, aldeas turísticas e percorridos pedestres), complexos turísticos e de lecer como o de Rilhadas (no que se pode xogar ao golf e practicar karting), arquitecturas como os palacetes legados polos emigrantes portugueses retornados do Brasil, museos como o da Prensa ou o das Migracións e unha saborosa gastronomía baseada na vitela asada e no pan de ló.

Entre todos estes recursos turísticos seleccionamos os seguintes:

Patrimonio arquitectónico

• Arquitectura dos Brasileiros. Fafe é, dalgún xeito, unha construción do século XIX e dos “brasileiros”. Canda a súa arquitectura máis recente, imponse no centro histórico a “arquitectura dos brasileiros”, un conxunto de construcións de finais do XIX e principios do XX, froito de capitais de fafenses emigrados no Brasil. Fundamentalmente son palacetes de grandes dimensións, algúns deles rodeados por xardíns “tropicais”.

• Teatro Cinema. Edificado en 1923 e integralmente recuperado, ten sido considerado un dos mellores teatros do norte do país. A súa fachada, de decoración singular e certamente única na rexión, é de belísimo recorte: pintada de ton rosa e con deseños de cupidos alados, simbolizando o amor ás artes. Esta obra marca a fin das iniciativas do “brasileiros” de Fafe e dos seus descendentes, pechando o ciclo da emigración para o Brasil.

• Museo da Imprensa. Aberto ao público en 1996, o Museo da Imprensa ubícase hoxe na Casa Municipal da Cultura. Pódense ver as máquinas e o equipamentos utilizados para a composición, a impresión e o acabamentos dos xornais O Desforço (1892) e Almanaque Ilustrado de Fafe (1909), xa desaparecidos. Posúe tamén unha importante colección de gravuras usadas para imprimir xornais. Destaca un prelo de 1885.

• Museo das Migracións e das Comunidades. Instalado igualmente na Casa Municipal da Cultura desde 2009, o Museo das Migracións e das Comunidades naceu en 2001 como plataforma virtual. Pioneiro no seu xénero en Portugal, adícase á preservación da memoria da emigración portuguesa, nomeadamente da dirixida ao Brasil no século XIX e nas primeiras décadas do XX e da que tivo como destino Europa na segunda metade do XX.

Gastronomía

• Vitela asada. Fafe é coñecida a nivel nacional pola saborosa vitela, que deu nome ao prato “vitela assada a moda de Fafe”, un auténtico ex-libris da gastronomía fafense. A vitela asada ten proxectado a gastronomía fafense por todo o país desde, alomenos, o século XIX. Para a súa defensa e promoción, en 2013 foi creada a Confraría da Vitela Assada á Moda de Fafe e desde 2014 celébrase anualmente un festival gastronómico co mesmo obxectivo. Os mellores restaurantes da cidade serven o apetitoso manxar, asado en forno de leña e servido en anacos, acompañado de pataca e regado co famoso viño verde da rexión.

• Pan de ló. O pan de ló é outra e os doces de xema son outras dúas especialidades gastronómicas do concello, nomeadamente das freguesías de S. Romão de Arões e Fornelos. Estes doces son feitos de forma tradicional, a base de ovos, azucre e fariña. Mencionadas xa en 1886 no libro de José Augusto Vieira O Minhoto Pittoresco, a súa sona esténdese por todo o país.

Turismo de natureza e lecer

• Barragem de Queimadela. A Barragem de Queimadela é unha área natural de once hectáreas que ten como eixo un encoro con praias fluviais, parques de merendas, pequenos percorridos pedestres e a posibilidade practicar deportes náuticos.

• Aldea Turística do Pontido. Dentro da Barragem, o viaxeiro pode visitar a Aldeia Turística do Pontido, un emprendemento que ofrece unha singular hospitalidade con cinco apartamentos rurais exentos e un restaurante con magníficas vistas.

Para o mellor coñecemento da antiga dinámica da aldea do Pontido e da Barragem da Queimadela e para un contacto máis próximo co ambiente que o envolve, o emprendemento abre as portas da natureza co percorrido pedestre “O Trilho Verde da Marginal”, que permite visitar o Núcleo Museológico Moinho e Pisão e o Centro de Educación Ambiental.

• Complexo Turístico de Rilhadas. O Complexo Turístico de Rilhadas, na freguesía de Cepães, é un emprendemento turístico único no norte de Portugal que engloba deporte, turismo e lecer. Os seus recursos principais son as Casas do Moinho de Rilhadas, a Taberna do Rilhas, o Rilhadas Club de Golf (cun campo de nove buracos), o Kartódromo de Fafe (un circuíto con 890 metros de longo e sete de ancho) e o Rilhas Park (con paintball, carreira de tiro, piscina e inchábeis).

Turismo rural

• Casa de Docim. A Casa de Docim é unha casa rural do século XVIII, recuperada en harmonía co seu pasado e un presente acolledor, familiar e con encanto. Ten catro cuartos dobres e unha suite con dous cuartos e sala. As piscinas, o xardín, a horta, o pombar, os percorridos de acceso á casa ofrecen un ambiente bucólico en comuñón coa natureza. A casa ten mesmo algúns elementos arquitectónicos anteriores ao XVIII, como un miliario e unha columna do XVI nas escaleiras de acceso ás distintas dependencias.

• Quinta do Minhoto. A Quinta do Minhoto permite o viaxeiro aloxarse na Casa do Minhoto e descubrir os usos e costumes e das actividades cíclicas do campo, así como gozar da gastronomía, a animación tradicional e o baño na piscina biolóxica.

O estabelecemento localízase na freguesía de Fornelos, recoñecida como a sétima freguesía máis sustentábel do país, detentora do Premio Nacional Eco-Freguesías XXI 2017.

Esta casa de campo acolle todos os anos o Festival Terra Mãe, un ecofestival adicado á vida saudábel, coa pretensión de integrar tres componentes da sustentabilidade: a social, a enerxética e mais a ambiental. O seu lema é: “Tres días para mudar o mundo. Tres días para mudar de vida”. No Festival Terra Mãe pódese gozar de concertos de música (o ano pasado actuou o grupo Terrakota, entre outros) e espazos adicados a alimentación natural e saudábel; o comercio local e biolóxico; a medicina e as terapias alternativas, entre outros. A edición deste ano celebrarase do 21 ao 23 de xullo.