Exposición “Artistas Tudenses”

Coa obra de trinta creadores artísticos

Tui | Dende o pasado sábado pódese visitar na Sala Municipal de Exposición, no edificio Francisco Sánchez, a mostra “Artistas Tudenses”. A exposición, organizada polo Concello de Tui, con motivo das festas de san Telmo, recolle unha escolma da obra dunha trintena de artistas tudenses de diversas disciplinas artísticas.

Na mesma expóñense obras dende o século XVIII ata a actualidade. A máis antiga é unha pintura titulada “Pentecostés”, de Benito Antonio Silva y Ruibal, datada en 1783. Esta obra na actualidade é propiedade do Concello de Tui, e procede dalgún convento tudense desamortizado, posiblemente o convento franciscano de San Antonio. Expóñense tamén obras de Ricardo Padín e o seu fillo Eduardo, de Benito Prieto Coussent, dos irmáns Gonzalo e Jaime González Besada, ou da pintora e escritora Gloria Pereira García “María Tydeska”.

Están presentes tamén os nomes máis referenciais como Silverio Rivas ou Xosé Luís de Dios, que testemuñan un alto nivel de calidade nesta mostra representativa da arte tudense.

As esculturas de Moise Dikoff, Rai, Juan Vázquez, Romer ou Andrés Lamas, forman parte da mostra xunto ás obras pictóricas de Clara Torres, Luis Coello, Escuder, Martín Rodríguez, Rosa Vila, Nuria Buján, Beatriz Iglesias Almeida, Juan Valcárcel, etc.

Complétase a exposición cunha escolma de fotógrafos, que se inicia coa figura de Santos Salvado, que nas últimas décadas do século XIX, fotografía a misión beneditina de Nova Nursia, en Australia, fundada polo seu irmán Frei Rosendo Salvado. Xunto a el nomes como Pedro Varela, Rosendo Bugarín, Gonzalo Gutiérrez, Juan Vila ou Gus Abreu.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, a mostra recolle nomes tudenses vinculados ás diversas expresións e modalidades artísticas, que expresan coas súas obras a súa capacidade creativa e de comunicación.  Engade a concelleira “unhas obras que nos enriquecen como sociedade, que nos axudan a ollar de novos, e ás veces alternativos, xeitos a nosa realidade, a ter a capacidade de sumar á nosa mirada á diversa percepción que estes artistas expresan coa súa creatividade….”.