Éxito da primeira Xornada de Enfermaría no Rural en Covelo

En colaboración co Concello de Mondariz e COEPO

O Covelo | O auditorio de Covelo acolleu con gran éxito a primeira Xornada de Enfermaría no Rural, un encontro organizado polo Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra (COEPO) en colaboración cos Concello de Covelo e Mondariz.

A xornada, que reuniu a veciñanza, profesionais do ámbito sanitario, autoridades e unha presencia moi numerosa de alumnado de Cepovisa, centrouse en poñer en valor o papel esencial da enfermaría nos contornos rurais e en reflexionar sobre os retos e necesidades que afronta o colectivo.

A sesión da tarde desenvolveuse cunha mesa redonda conducida por Concepción Sánchez Fraiz, vicepresidenta de COEPO, na que participaron tres profesionais que representaron a realidade da enfermaría rural:

– Andrea García López (enfermeira do Centro de Saúde de Covelo)

– María Beatriz Gómez Alonso (enfermeira de Mondariz-Balneario)

– Paula Sánchez Sestelo (enfermeira do Centro de Saúde de Crecente)

Durante o debate, as participantes compartiron a súa experiencia diaria, visión persoal e compromiso coa atención sanitaria no rural, destacando a necesidade dunha planificación axeitada de recursos humanos, un maior recoñecemento institucional, mellores substitucións e incentivos que atraian profesionais, así como unha dotación tecnolóxica adecuada que garanta a equidade real coa atención urbana.

As enfermeiras quixeron tamén animar aos futuros profesionais a elixir o rural como ámbito de traballo, lembrando que “a enfermaría rural non só cura: educa e sostén comunidades enteiras”.

Ao acto asistiron Natalia Botana Rey, directora territorial de Sanidade en Pontevedra; Carmen Soto Dávila, subdirectora de enfermaría da Área Sanitaria de Vigo; Juan Pablo Castillo Amigo, alcalde de Covelo e deputado de Asistencia Intermunicipal da Deputación de Pontevedra; Pablo Barcia Bello, alcalde de Mondariz; e Ana Durán, tenente de alcalde de As Neves, Cristina Serra, directora de enfermaría do hospital Rivera Povisa e o director da EUE Ribera Povisa.

A xornada foi inaugurada polo presidente do COEPO, quen destacou a importancia de dar visibilidade á enfermaría no medio rural e o compromiso do colexio por seguir impulsando iniciativas neste ámbito. O encontro rematou cun simulacro de accidente organizado pola Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea e un aperitivo de convivencia entre todos os participantes.

O Alcalde de Covelo, Pablo Castillo o Acalde de Mondariz e o Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, sublíñan que esta xornada non é un punto final, senón o inicio dun camiño compartido para dar á enfermaría rural o lugar que merece.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.