Éxito da Deputación de Pontevedra nos workshops de turismo en Valencia e Madrid

Coa participación dunha trintena de empresas do destino Pontevedra Provincia
A presidenta da Deputación, Carmela Silva (centro) durante a súa participación nos workshops con Valencia e Madrid.

Pontevedra | Pontevedra Provincia vén de consolidar a súa forza como destino turístico de primeiro orde a nivel nacional nos dous workshops celebrados pola Deputación esta semana en Valencia e Madrid, nos que se propiciaron máis de 3.000 citas entre unha trintena de empresas de Rías Baixas e un total de 160 firmas de ambas provincias, que incluíron operadores internacionais.

Para a presidenta Carmela Silva, a excepcional acollida de ambos workshops amosa o bo camiño cara a reactivación total do sector no ano 2022 que, como dixo, “vai ser un ano histórico para o turismo; temos todo preparado para que o recibimento ás e aos turistas sexa unha festa”.

O interese polo turismo sostible e especialmente o paisaxístico, o cultural e o deportivo, as escapadas e o impulso do enoturismo foron algúns dos temas que estiveron en maior medida enriba da mesa nestas dúas intensas xornadas de traballo. Neste senso, a presidenta provincial puxo en valor estes encontros celebrados, que van servir “para xerar riqueza sumando as sinerxías de dous grandes lugares deste país”.

“[Destacaron] o interese polo turismo sostible e especialmente o paisaxístico, o cultural e o deportivo, as escapadas e o impulso do enoturismo”

Neste senso, apuntou que de Valencia e Madrid “van saír grandes cousas”. Carmela Silva quixo destacar “a valentía e o arroxo” das empresas do sector turístico nos tres destinos, “porque souberon manterse en momentos difíciles” e subliñou o “o momento de optimismo” que avanzan os bos datos de ocupación deste ano e que prevén que o vindeiro 2022 sexa o da total reactivación neste eido.

A presidenta fixo fincapé na grande oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation para dar impulso ao sector, de xeito que “o Goberno de España, cos proxectos que está a liderar para que o país recupere e mellore os datos do turismo, as comunidades autónomas e as administracións locais, estamos preparadas e preparados para que sexa un moi bo ano, e para que amais poidamos seguir afondando nun modelo máis potente e atractivo vinculado ás demandas do século XXI”.

Foron preto de trinta as empresas que se desprazaron a Valencia e Madrid procedentes das distintas comarcas da provincia e de todos os ámbitos do turismo que representan a oferta de aloxamentos (Alda Hotels, Attica 21 Hotels, Gran Talaso Hotel Sanxenxo,Hotel Bahía de Vigo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel La Terraza, Hotel Louxo La Toja, Hotel Pirámide, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo, Paradores, Casa do Sear, Casas A Peregrina e Galicia Villas); axencias receptivas (Circuitos Galicia, CNTravel, Galicia Holiday, Simply Galicia, Tee Travel, Viajes Interrías e Viajes Vio Viajes); e oferta complementaria (Sailway, Martín Codax, Terras Gauda, Paco & Lola). A Deputación tamén promocionou pola súa parte as singularidades do Castelo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra.

Tanto as firmas valencianas como madrileñas amosaron o seu grande interese polas potencialidades do destino Pontevedra Provincia. Neste senso, no caso de Vigo e da súa comarca, os turoperadores propuxeron comercializar escapadas aproveitando a aposta polo Nadal e tamén visitas ás Illas Cíes, e os establecementos hoteleiros da zona xa anunciaron que están a colgar o cartel de cheo para esa recta final do ano.

Na comarca de Pontevedra, o patrimonio e o turismo cultural protagonizaron os encontros, con especial referencia ao Museo de Pontevedra e ao Castelo de Soutomaior, mentres que no caso de Baixo Miño e do Salnés, o enoturismo centrou moitas das citas propiciadas no workshop. Por outra banda, as empresas das comarcas do Deza e Terra de Montes presentaron os atractivos patrimoniais e enogastronómicos desta zona.

A ruta da sidra, o Camiño da Geira, o Pazo de Oca ou o Mosteiro do Aciveiro espertaron o interese dos comercializadores valencianos e madrileños, así como a paisaxe e a tranquilidade que ofrecen as casas rurais da comarca.

“A ruta da sidra, o Camiño da Geira, o Pazo de Oca ou o Mosteiro do Aciveiro espertaron o interese dos comercializadores valencianos e madrileños”

Tralas sesións de traballo, celebráronse dous eventos nos que se presentaron as campañas turísticas da Deputación “É o teu momento” e “Fame de experiencias”, presentados pola xornalista viguesa Rocío Delgado e que contaron coa actuación musical de AriMagritte.

En ambos actos a presidenta Carmela Silva estivo arroupada por representantes provinciais, municipais e culturais de ambas cidades, entre eles o vicepresidente da Deputación de Valencia, Carlos Fernández Bielsa, ou a directora do Museo da Prehistoria desa cidade, Helena Bonet, e o presidente de Segittur, Enrique Martínez.

En ambos actos, Carmela Silva subliñou as potencialidades do destino Pontevedra Provincia, con especial fincapé na “súa gran paisaxe natural, a súa cultura milenaria, o seu patrimonio sorprendente e, sobre todo, un produto que realmente fai que todo que na nosa provincia sexa extraordinario, desde a cociña tradicional á máis innovadora, pasando polos nosos viños brancos, os mellores do mundo, e os nosos grandes tintos. Eu comparo o noso destino, que é un lugar máxico, co Olimpo, e non me equivoco”.

Enrique Martínez, presidente de Segittur,, sinalou na sesión celebrada en Madrid que a recente crise derivada da pandemia puxo de manifesto “a capacidade de resistencia” do sector turístico, “que permite mirar con optimismo o futuro”.

“Pero o sector ten que reivindicarse”, engadiu, tras subliñar tamén a oportunidade que supoñen os fondos do Plan de Turismo do Goberno, nos que se destinarán 100 millóns para facer “plus” de produto, “para dinamizar a moita xente que está a traballar en áreas concretas para contribuír a crear unha marca nacional”, no que pode englobarse o sector do enoturismo.

No acto de Valencia, o vicepresidente da Deputación, Carlos Fernández Bielsa, puxo en valor a iniciativa do workshop e avanzou que a súa institución tomarao en conta “porque creo nós temos tamén que levar ás Rías Baixas a potencialidade de Valencia”.

“Temos moitas cousas en común –destacou-. Temos ata unha liña de avión en común e o que temos é que tratar de aproveitar as potencialidades dos dous territorios para unirnos aínda máis e creo que vai ser posible no futuro. Estou convencido de que ambas deputacións van estar xuntas nese traballo”.