Esquerda Unida oponse en solitario á concesión da medalla do Corpus a José Castro

O resto das agrupacións aprobaron a proposta, que xurdiu do alcalde do BNG, Xosé Represas

oposición

Ponteareas/EU | O concelleiro de EU-son, Lino Costas, foi o único que votou en contra da proposta da Xunta de Goberno de concederlle a medalla de ouro do Corpus ao ex-alcalde José Castro Álvarez.

Tanto a Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, como o propio alcalde defenderon esta proposta argumentando que teñen en conta o compromiso do ex-alcalde coa festa do Corpus e non a súa traxectoria política. Tamén deixaron toda a responsabilidade desta elección aos alfombristas, aínda que o curioso é que a proposta da concesión desta medalla xurde do actual alcalde, Xosé Represas, que a propuxo ao colectivo dos alfombristas ao parecer por algunhas peticións individuais que non constan en ningún sitio.

ESQUERDA UNIDA xa manifestou que entende que, aínda que é xusto que o concello colabore economicamente con esta festa de gran arraigo cultural no concello, considera tamén que o concello non debe inmiscirse oficialmente nas súas cuestións ao tratarse dun evento relixioso.
Por outra banda, quedou bastante claro a negativa da Xunta de Goberno a separar a institución municipal do estamento da igrexa cando rexeitaron en xuño do ano pasado a proposta de EU-son a favor da aconfesionalidade do Concello.

Pero a novidade ven coa concesión dunha medalla a José Castro Álvarez, e nada menos que unha medalla de ouro para distinguila das medallas outorgadas aos alfombristas. A xunta de goberno incluso tivo que facer unha consulta xurídica sobre a legalidade desta cuestión.

Estamos falando de concederlle unha medalla a José Álvarez Castro, cuxa traxectoria pública non é precisamente do máis recomendable polo seu currículo de despropósitos bastante avultado: alcalde co franquismo, un réxime ao que foi tan afecto que mesmo considerou adecuado poñer un busto xigante de Franco na Praza Maior no ano 1976, condenado en 1998 a tres anos de prisión por falsidade documental e tamén a un ano de inhabilitación por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos -feitos estes que levaron á súa expulsión do Partido Popular- e finalmente condenado no ano 2001 a dez anos de inhabilitación -condena ratificada no 2004 polo Tribunal Supremo- por prevaricación a raíz de varios contratos irregulares.

Unha persoa pública que, cando vemos o desastroso urbanismo do noso concello, o desastre das contas públicas e da organización municipal en xeral, sabemos que é o seu principal responsable. Unha persoa pública que por suposto que se comprometeu co Corpus, despois de todo era quen manexaba os cartos do concello. Outra cousa é se facía isto dunha forma legal.
A figura pública de José Castro alcalde é indivisible, non se pode separar de José Castro prevaricador, José Castro falsificador, José Castro represor, José Castro promotor do Corpus.

ESQUERDA UNIDA considera que con esta proposta, a xunta de goberno está premiando a unha figura pública nefasta para Ponteareas, está renegando da propia traxectoria dos seus respectivos partidos, principalmente BNG e PSOE. Isto marca un antes e un despois. Un BNG e un PSOE anteriores ao recoñecemento a José Castro e un BNG e un PSOE posteriores a este recoñecemento.