Envoltos en bandeiras.

Veñen aí as eleccións, isto vai seguido. Cheira a can e nótase o ampuloso movemento para as fotos, o saúdo vitorioso na triste interpretación dos pobres resultados. Anque sempre gañan os outros. Foron en Andalucía e tamén afectan, din, e hai un cheiro involucionista e reaccionario na atmosfera. Entran e saen decididos personaxes coa súa aura empoleirada de solvencias, a elocuencia inusitada de argumentos resabiados, os que sen dar a cara profanan. Desfila a lexión, veña bandeiras! Xa están todos en campaña e venden ao demo a alma. Saben que as frases lapidarias son a solución: entrar mentindo. Coma sempre. Despois xa se aclararán as cousas, pautos e convenios co demo mesmo, hai tempo a desdicirse. As promesas quedan ben e son moi atinadas. Así facía aquel que prometeu e cumpriu! Dixera, rotundo, que acabaría coas desigualdades e, pasado o tempo, fíxonos a todos pobres! Nesas andamos. Pensen neles, existe unha morea de protagonistas, lembran algún? Na rúa hai un malestar social grande e total desencanto. Hai unha seria desconfianza neste sistema que está acabado e é incompatible coa transparencia que a democracia esixe. Precisamos medidas correctoras que conforten a convivencia e a evidencia dos moi ricos fronte a case todos pobres. Vimos da trampa na que, por certo, saíron moi favorecidos os tramposos. E a Xustiza? Os sondeos indican que a desconfianza xera dúbidas e mesmo extremismos, o sistema político e económico está mal e deixa miserias nunca antes acadadas. Un paro terrible, involución, marxinación e pobreza, falta de liberdades, xustiza desigual, impostos esaxerados, privilexios inmorais. Estamos tan regulados que nos sentimos castigados no público, nas soidades e no desamparo. Hai complicidades que limitan e anulan a solvencia dos órganos reguladores, os poderes non teñen independencia nin liberdade para poder actuar, véndense para seren recompensados. Os conceptos perderon o significado que tiñan, viñamos dunha ditadura onde á rebelión se lle chamaba movemento nacional: Franco segue nun mausoleo e Lorca nunha cuneta! É para chorar. E chegaron a crer que aquela súa rebelión era liberalizadora, creron a súa propia mentira. A palabra “rebelión” é polisémica e dá pé a múltiples interpretacións, mais non para mentir, para inventarse bombas, tiros e metralla, exércitos organizados no medio das rúas, asasinatos, mortes, pólvora,… Onde están os culpables deste desencontro con Cataluña? Ao mesmo tempo aparecen probas tallantes de pésima xestión, da dobre contabilidade, do roubo, do pesimismo xeral. E chegan os extremismos que están cegados na reconquista! Queren asumir desde Andalucía poderes de Estado sen acatar Estatuto nin Constitución. E a Xustiza? Non actúa? En Galiza as cousas camiñan tamén mal, mediatizados por partidos que miran cara a outro lado e uns medios que non din o que pasa. Miseria é o que sementan, pero nunca poderán negar a razón que nos asiste. Foi daquelas, eran outros tempos, cando soñabamos unha Europa das nacións sabendo non sería posible un Estado desas nacións porque non querían entender. Así seguimos, nesta percepción de que os poderes económicos impuxéronse aos políticos e xudiciais. Estamos perdidos nas mans dos usureios que nos zugan a vida, a liberdade e a ansia, os aforros e o futuro. Sabemos que non se debe encubrir nin calar o abuso, e moito menos dar respostas inadecuadas como fan os medios e certos políticos. Cómpre dunha vez por todas cambiar de sistema ou reconducilo a fondo, que non poida amparar tanto ladrón nin xerar tanta desgraza e amargura. Veñen eleccións, si, neste novo ano. Menudo ano nos agarda, e con elas asoma o espanto. Debemos ter as cousas claras, poucos deron proba de saber o dano que causaron xogando coa nosa dignidade. O noso maior perigo son os votantes desinformados, domeados pola ignorancia. Mirade quen son os que cargan todo o peso sobre as nosas costas, os que se agachan na polisemia das verbas para confundirnos, os que prometen na mesma proporción que menten. A eses: fóra! Se sempre gañan os de sempre e, con eles, os extremistas e reaccionarios, cómpre mudar. Semella volver atrás, saíron das catacumbas, ou quizais nelas estaban agachados. Ben os vedes. Desfila a lexión, …veña bandeiras!

Mestre e músico.