En marcha a Oficina Virtual Tributaria do Concello de Tui

Operativa as 24 horas dos 365 días do ano

Tui | O Concello de Tui, a través do departamento de Tesourería, vén de por en funcionamento a Oficina Virtual Tributaria, OVT, accesible dende a web municipal www.tui.gal. Trátase dun sinxelo sistema que está operativo as 24 horas dos 365 días do ano permitindo realizar os pagos dende calquera dispositivo evitando desprazamentos.

“Permitindo realizar os pagos dende calquera dispositivo evitando desprazamentos”

A concelleira de Facenda, Yolanda Rodríguez, destaca que é a OVT é unha “ferramenta próxima e intuitiva” para a xestión de tributos, coa que “se achega á administración á cidadanía xa que dende calquera dispositivo, un teléfono móbil, unha tableta ou un ordenador, e cunha tarxeta de crédito, se poderán efectuar os pagos sen ter que desprazarse ben a unha entidade bancaria ou á casa do concello”.

Á Oficina Virtual Tributaria, OVT, pódese acceder directamente no enderezo tui.ovt.gal ou a través da web municipal www.tui.gal no enlace “Oficina Tributaria”. Deste xeito a cidadanía pode realizar directamente a través da OVT os pagos e autoliquidacións de certificados de servizos prestados, de procesos selectivos, realizar, consultas, acceder as súas notificacións electrónicas, realizar a alta de vehículos, entre outros trámites.

A Oficina Virtual irá incrementando a súa funcionalidade coa incorporación, pouco a pouco, de novos servizos.