Diante das eleccións do 20-N

Dende que nos demos á Constitución, que din democrática, ainda que teña máis buratos que a peneira de meu tío Domingo, fomos chamados a votar un montón de veces: eleccións europeas, xerais, autonómicas e municipais.
Cada catro anos véndennos a moto, ou iso pensan, tódalas formacións políticas. Galicia sempre sae ao terreo de xogo, pero xogar xa é outra cuestión. Somos poucos, pobres, comemos moitos ingresos ao Estado e algúns falamos galego. Con estas alforxas, quen nos vai facer caso?
Durante estes últimos 30 anos, máis ou menos, implantouse neste país a idea nai de que o mercado libre, sen trabas, aquel laissez faire, laissez passer dos economistas de séculos pasados, tomou carta de natureza e instalouse nas nosas vidas como amo e señor. Hoxe érguense voces dicindo que tal vez nos pasamos de freada, que os Estados, os Gobernos deberán ter un maior control sobre a economía, que é a nai de tódalas guerras.
Galicia estivo presente en todas estas chamadas a urnas. Achegou ao Parlamento do Estado unhas cantas ducias de deputados. Por aquí pasaron en cada contenda electoral grandes políticos en busca de votos. Ata se atreveron a falar galego, nalgún caso, como mostra de que nos tiñan nos seus corazóns de políticos. Que barbaridade! O que pasa é que despois de que rematou a festa e marchou o gaiteiro xa ninguén se acordou do que dixera durante o baile. E así estamos dende aquela. Este rincón do noroeste español, como nos definira o ínclito Aznar, queda á espera de que volten outras eleccións e volten os partidos maioritarios a tratar de convencernos de que o voto útil é o que eles representan; os partidos galegos apenas poden abrir a boca no Parlamento; e se a abren cáseque ninguén os escoita.
Ainda que non sexa así exactamente e que nos últimos anos os poucos deputados especificamente galegos, con mandato galego, se esforzaran en sacar a Galicia da escuridade política na que está sempre, o certo é que as grandes discusións, das poucas que escoitamos, pasaban de largo sobre Galicia e os seus problemas.
O campo galego que tanto ten sufrido nos últimos tempos, o agro que está morrendo por inanición, a pesca (esa fonte descomunal de ingresos que fora noutros tempos), os asteleiros, que foron e ainda son dos mellores do mundo, etc., etc. Eses temas non son tratados en Madrid en profundidade polos parlamentarios que teñen suficiente representación para facelo. Pedir que dous deputados defendan a Galicia fronte a máis de 300 que miran para outro lado, non deixa de ser unha ilusión que non debemos perder, pero que non pode dar máis de si.
E por enriba as forzas xenuínas galegas van cada cal polo seu lado. Divide e vencerás, dixeron os romanos. Que razón tiñan!!

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»