Día da Patria Galega.

O Día da Patria Galega foi escollido polas Irmandades da Fala en 1919 e celebrado por primeira vez en Santiago de Compostela o ano seguinte. Durante a ditadura de Primo de Rivera esta celebración foi prohibida e Castelao e outros nacionalistas do PG subiron ao Pico Sacro como alternativa. Durante a ditadura franquista volveuse prohibir e só puido ser celebrado polas sociedades galegas da emigración.

“O Día da Patria Galega foi escollido polas Irmandades da Fala en 1919 e celebrado por primeira vez en Santiago de Compostela o ano seguinte”

En Galiza ese día asistíase á tradicional misa a Rosalía de Castro na Igrexa de San Domingos de Bonaval; onde disque un ano a Bautista Álvarez e a outros deulles por berrar “Viva Galiza Ceive!”, creando gran axitación entre os franquistas que gostaban figurar alí. Na Ditadura de Franco institucionalízase o 25 de xullo como festa do patrón de España, de carácter relixioso.

Porén en 1968 volveu celebrarse o Día da Patria Galega (denominación que partiu de Bautista Álvarez) de forma clandestina por parte da Unión do Povo Galego (UPG) e do Partido Socialista Galego (PSG), acontecementos que sempre terminaban en enfrontamentos coa policía franquista.

“Coa entrada da democracia seguiuse a prohibir até que a mediados dos oitenta a manifestación foi permitida con normalidade democrática”

Coa entrada da democracia seguiuse a prohibir até que a mediados dos oitenta a manifestación foi permitida con normalidade democrática, rematando tradicionalmente, desde entón, cos discursos e intervencións dos líderes do BNG na Quintana de mortos.

Hai e houbo outras celebracións doutras forzas políticas en diversos lugares, porén esta sempre foi a máis multitudinaria. Á catedral van as autoridades en representación do Rei a deixar claro o “carácter non confesional” do Réxime do 78, a pedirlle ao Apóstolo sobre os restos -quizáis de Prisciliano- que solucione o que eles non son capaces de solucionar e a contraprogramar os actos populares do Día da Patria Galega.

De todos xeitos, un bo momento para desexar feliz día a toda/os a/os que traballan pola liberdade e dereitos de Galiza, pola xustiza social e territorial, pola igualdade e pola democracia. Os nacionalistas dicían e aínda din “Saúde e terra!”, porén eu non sei se chegarei con folgos dabondo…

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.