Denuncian falta de recursos no Centro de Saúde do Rosal

Comunicado da Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Rosal, A Guarda e Oia

A Guarda | O venres 20, a única médica que atendía o Centro de Saúde do Rosal desprazouse acompañando un paciente na ambulancia ao seu hospital de referencia en Vigo. Nese período de tempo presentouse outra urxencia. Tivo que ser atendida pola médica xubilada, non contratada para estas funcións.

Diante da falta de ambulancias, o 061 enviou un helicóptero con base en Ourense. O paciente tivo que ser trasladado en padiola 230 m. ata o helicóptero polo persoal do centro e do 061. Ao mesmo tempo deuse na Guarda outra emerxencia sanitaria na que tamén se requería unha ambulancia.

Estes feitos poñen de manifesto unha vez máis as carencias que vimos denunciando desde fai moito tempo: número insuficiente de ambulancias asistenciais, carencia dunha ambulancia medicalizada e falta de persoal sanitario. É sabido que en determinadas urxencias o tempo pode ser crucial para salvar a vida ou minimizar secuelas.

Por todo isto as Plataformas en defensa da Sanidade Pública do Rosal, A Guarda e Oia reiteramos as nosas demandas a Xunta de Galiza que se concretan en:

-Dotar aos centros de saúde das nosas localidades do persoal sanitario que lles corresponde para poder ofrecer unha atención sanitaria de calidade.

-Fixar de maneira permanente o segundo equipo de urxencias do PAC da Guarda e dotalo de enfermeira/o.

-Dotar ao Baixo Miño dunha ambulancia medicalizada e aumentar as ambulancias asistencias.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos