Crego e monaguillo.

Prisciliano era crego e chegou a bispo.

Prisciliano era crego e chegou a bispo. Eu estudei nos maristas e cheguei a monaguillo. Pero non monaguillo dun cura calquera, monaguillo de don Elías, un cura de Pedrafita do Cebreiro, que axudou a revitalizar o Camiño de Santiago desde os anos finais do franquismo, chegando a pintar as frechas amarelas desde Roncesvalles a Compostela.

D.E.P. Lin as Escrituras, lin os apócrifos e lin sobre Prisciliano, o santo herexe cuxos restos, probabelmente, honramos na catedral de Santiago.

Como priscilianista reclamo a coroa de España para fundila e darlle o diñeiro aos pobres; coido que non hai fin máis nobre que este: proclamar a abolición da monarquía por ausencia de coroa. Non obstante, como priscilianista poderíaseme considerar tamén herético, pois non renego do viño, se é de denominación de orixe de Galiza, do Bierzo ou de Oporto.

“Como priscilianista reclamo a coroa de España para fundila e darlle o diñeiro aos pobres; coido que non hai fin máis nobre que este: proclamar a abolición da monarquía por ausencia de coroa”

E, aínda advertindo dos perigos do alcolismo, penso que Prisciliano estaba trabucado nisto e nalgunha outra cousa, o que non lle quita un ápice de santidade. Tamén teño que dicir que eu tiven a sorte de non ter sido abusado sexualmente, aínda que algo si que vin e ouvín dun marista de Lugo dos anos setenta… Non todo o clero era como don Elías, lamentábelmente.

Dentro da Igrexa oficial, simpatizo en xeral cos xesuitas e en Galiza cos que teñen un compromiso co pobo e co idioma e cultura de noso; pero eu estou máis fóra que dentro. Pois fun bautizado sen o meu consentimento e obrigado a facer a Primeira Comuñón aos seis anos en contra da miña vontade, xa que eu quería levar unhas pistolas de xoguete e os meus pais non me deixaron, sendo incluso alumado polo meu pai para vencer a miña resistencia.

O único que fixen de bo grado foi ser monaguillo durante ano e pico en Pedrafita do Cebreiro. Pois dos maristas tamén quixen marchar ao ensino público e o meu pai non me deixou. Non teño máis sacramentos enriba que eses dous, que eu recorde. Sobre estes e outros comportamentos mafiosos direi que a mafia necesita a omertá, sen a lei do silencio non é nada.

Por iso é moi necesario denunciar e investigar os abusos a menores, como defende o Papa, contra o que se posiciona na súa postura oficial a Conferencia Episcopal Española.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.