Covelo urxe a conexión coa A-52 dirección Madrid

Trasladou petición ao Ministerio de Transporte

O Covelo | O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, a través do seu grupo parlamentario no Congreso, traslada ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a inmediata redacción do proxecto que posibilite a conexión coa A-52 en Lentille na saída 282.

Logo da reunión mantida entre o alcalde, a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o senador Javier Guerra e os deputados Juan Constenla e Javier Bas, o grupo parlamentario do PP levará ao Congreso unha proposta non de lei que dea resposta a esta histórica demanda dos concellos de A Cañiza, As Neves, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario.

Os parlamentarios populares trasladarán a necesidade da incorporación de vehículos en sentido Vigo-Ourense e a saída de vehículos en sentido Ourense-Vigo e instan ao Ministerio a redactar nun prazo non superior a seis meses o proxecto e consignar a correspondente dotación económica para iniciar o proceso de adxudicación e execución das obras na maior brevedade posible.

No ano 2019, os alcaldes destas localidades enviaron unha carta conxunta ao Ministerio de Fomento onde pedían unha solución inmediata a este problema xa que, ao carecer desa entrada e desa saída, a veciñanza vivía continuas perdas de tempo e un elevado risco de accidentes por ter que percorrer, como alternativa, ao redor de 20 Km pola N120 na que con moita frecuencia hai néboas animais soltos e neve e xeada no inverno.

A contestación recibida polos alcaldes foi que, no ano 2016, Fomento aprobara unha Orde de Estudo para a realización dun anteproxecto de construción dunha ligazón completa na Autovia A-52. E que, en xaneiro do 2019, ese anteproxecto aínda tiña pendente a licitación do correspondente contrato de servizos para a súa redacción.

Os alcaldes dos cinco concellos explican que a conexión coa autovía A-52 é imprescindible para o desenvolvemento económico da zona e acurtarían o tempo de conexión coa capital do Estado e co AVE, circunstancias relevantes para o fomento do sector comercial, empresarial e turismo.

“A construción dun enlace en Lentille non só facilitaría as relacións económicas e sociais con cidades de Castela, de Ourense ou con Madrid, fortalecería tamén a relación co concello veciño de A Cañiza co que a veciñanza tradicionalmente xa mantiña relación comerciais e de servizos”, explica o alcalde Pablo Castillo.

O enlace coa A-52 sentido Madrid permitiría un mellor posicionamento da comarca a nivel empresarial e optimizaría o uso dos distintos servizos que ofrecen os concellos.