Conflito aberto entre o Comité do SAF Ponteareas e a empresa concesionaria Óbolo

Mantense a folga indefinida mentres está convocada unha manifestación para este 16 de outubro. Dous días antes haberá un novo pleno extraordinario para tratar esta problemática

Ponteareas | Continúa o conflito entre o Comité do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas coa empresa concesionaria Óbolo. As traballadoras do SAF anunciaron que continuarán coa folga indefinida iniciada o 26 de setembro, con manifestacións diante do Concello e “rebentando os plenos” co obxectivo de reclamar á alcaldesa Nava Castro que rescinda o contrato coa empresa concesionaria onubense Óbolo.

“Non pararemos ata que Óbolo marche de Ponteareas”, indicou vía telefónica a este xornal Digna Cardoso, unha das cinco representantes das traballadoras do SAF. As afectadas deixaron claro que “non cobramos o que temos que cobrar e cando cobramos, cobramos tarde”. Anunciaron que convocan a unha manifestación para este xoves 16 de outubro ás 18:30 horas.

Para o goberno municipal hai “normalización” do servizo
Este 10 de outubro, o concelleiro  de Economía e Facenda, Francisco Jesús Represas Carrera, así como membros do goberno municipal encabezados pola Alcaldesa Nava Castro, compareceron ante os medios para “explicar a situación co SAF” na que informou de “importantes avances acadados nas últimas semanas para normalizar a situación”.

Tras denunciar a “desinformación intencionada difundida por persoas con intereses políticos”, Represas destacou avances como a regularización das nóminas e das cotizacións á Seguridade Social; a implantación dun sistema tecnolóxico de xestión do servizo, coa entrega de teléfonos móbiles e de tablets para mellorar a coordinación; a normalización no subministro de material hixiénico, roupa e papelería, con provedores locais e stock de seguridade garantido; a contratación de novo persoal para reforzar o servizo; a activación dos servizos de fisioterapia e podoloxía; e a entrega progresiva dos Programas Individuais de Atención (PIA), que quedarán integrados no novo sistema informático.

Así mesmo, Represas informou da realización dun Pleno extraordinario convocado para o 14 de outubro que abordará tres puntos clave: aceptar a baixa voluntaria da empresa concesionaria, se así o solicita; iniciar expediente sancionador se procede; e contratar unha nova empresa no caso de rescisión do contrato.

Dende o SAF, Cardoso respondeu cualificando de “mentiras” esas afirmacións dende o Concello e que están “asustados” pola folga indefinida. Con todo, outras fontes aseguran que algunhas das traballadoras xa se reincorporaron ao servizo.

Un día antes, o 9 de outubro celebrouse unha xuntanza entre as traballadoras do SAF, o concelleiro Represas e a empresa Óbolo sen concretarse avances. As traballadoras mantiveron a súa posición de seguir adiante coa folga indefinida. Cardoso afirmou que lle responderon a Represas que non entenden “o afán do Concello por salvar a Óbolo e non defender ás traballadoras”, argumentando que sospeitan que hai “portas xiratorias” entre o Concello e Óbolo.

Con anterioridade, o 3 de outubro, as traballadoras do SAF tiveron unha xuntanza telemática con Óbolo na que, segundo asegurou Cardoso, “a empresa insistiu en que non se irá de Ponteareas”. Posteriormente tiveron outra xuntanza presencial co concelleiro Represas, sen avances significativos.

Un conflito que ten “rebentado” os plenos municipais
A comezos de setembro, o Concello informou da renovación do acordo coa empresa Óbolo, vixente dende abril pasado, para poñer en marcha, a partir do 1 de outubro, un programa piloto de incentivos económicos dirixido ao persoal deste servizo.

Entre estes incentivos destacan unha retribución adicional de ata 118€ mensuais por prestación do servizo así como o subministro de móviles para “mellorar a organización do traballo” e que serían entregados como data máxima o 15 de outubro. As traballadores do SAF anunciaron que rexeitaban este acordo sobre pluses de productividade e novos móbiles para mellorar “a comunicación”. Insistiron en que “seguiremos coa folga indefinida e rebentando os plenos ata que teñamos unha solución”.

O pasado 3 de outubro realizouse un pleno extraordinario urxente que foi finalmente suspendido debido a que, segundo indicaron as traballadoras do SAF así como se describe desde os comunicados dos partidos da oposición, se lles negou a entrada. “Tiveron que chamar á Garda Civil e Policía Local para sacarnos e pechar a porta”, explicou Cardoso non sen antes asegurar que “logramos rebentar o pleno”.

Ese mesmo día, o Concello emitiu un comunicado no que “lamentaba profundamente o acontecido no pleno” que “ante a persistencia das actitudes de violencia verbal e as continuas alteracións da orde obrigaron a facer un receso”.

O comunicado explicaba que o Concello esixiu á empresa que “nun prazo máximo de 48 horas corrixa os erros detectados nas nóminas e nun prazo de 15 días regularice o resto das cuestións pendentes”, informando do acordo para realizar un pleno extraordinario o martes 14 de outubro cun punto específico sobre este tema.

Tres días antes, o 30 de setembro, o pleno que presentou unha moción conxunta por parte da oposición (BNG, PSdeG-PSOE e PeC) de apoio ás demandas das traballadoras do SAF (presentes tamén no pleno) debeu suspenderse subitamente. Por outra banda, Óbolo informou da sanción a seis traballadoras auxiliares do SAF por presuntamente non cumprir cos servizos mínimos.

“Non pararemos ata ter un papel asinado polo Concello que confirme que Óbolo marcha de Ponteareas” explicou Cardoso a este xornal vía telefónica. Segundo indicou, esta empresa recibe 2M€ anuais do Concello pero denunciaron que, a pesar deses recursos, vense desasistidas. Con anterioridade, a representación legal das traballadoras do SAF denunciaron igualmente a súa situación ante Inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

Piden a municipalización do SAF
PSOE, Ponteareas en Común (PeC) e BNG reiteraron a súa posición común de apoiar a folga indefinida para obrigar a rescindir o contrato coa empresa Óbolo e a municipalización do SAF baixo xestión directa do Concello. As traballadoras do SAF tamén apoian a municipalización deste servizo: “que o Concello se faga cargo do SAF e que probe a municipalizar este servizo”, explicou Cardoso a este xornal.

 

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.