Conclúe en Coruña o Simposio das Letras Galegas sobre Carvalho Calero

Cunha análise das súas achegas lingüísticas

A Coruña| As ideas e as achegas ao idioma do protagonista do Día das Letras Galegas 2020 centraron a cuarta e derradeira xornada do Simposio Ricardo Carballo / Carvalho Calero, organizado pola Real Academia Galega (RAG).

Os tres relatores, o académico Henrique Monteagudo, o profesor e investigador Serafín Alonso Pintos, e o presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Maragoto, abordaron as distintas etapas do autor homenaxeado dende a perspectiva do proceso de formación do galego escrito moderno, tanto dende o punto de vista da norma gramatical como da configuración do estándar gráfico.

A directora da Sección de Lingua da Academia, Rosario Álvarez, moderou unha sesión na que se puxeron de manifesto as ideas lingüísticas do autor, “cambiantes ao longo do tempo”, dende unha primeira etapa que desemboca no momento en que accedeu ao posto de profesor universitario (1965) e a final, máis tardía, “marcada polo reintegracionismo, afastado do ideario inicial compartido polos seus compañeiros de xeración”, introduciu a académica.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, clausurou o simposio, que se celebrou coa colaboración da Xunta de Galicia.

A xornada arrincou coa intervención do académico Henrique Monteagudo, quen puxo o foco no período 1950-1975, no que, como filólogo do grupo Galaxia, Ricardo Carvalho Calero centrou o traballo na literatura e a lingua; Serafín Alonso analizou a evolución do pensamento do profesor dende a primeira ata a última edición da Gramática elemental (1966-1979) e Eduardo Maragoto analizou o seu peso no xurdimento do movemento reintegracionismo.

Henrique Monteagudo abordou o labor como filólogo de Carvalho Calero entre 1950 e 1971 no marco do grupo Galaxia, “do que foi un dos máis significativos intelectuais”. Alén de fixar o canon clásico coa súa Historia da literatura galega contemporánea (1963), tamén colaborou –explica o académico– nas estratexias relativas a dúas institucións que Galaxia considerou chaves para a defensa da lingua e da cultura galegas: a Universidade, onde se converteu no curso 1965-1966 no primeiro profesor de lingua e literatura galegas, e a RAG. Nesta última asumiría unha “intervención decisiva” na actividade normativa, dende unha visión moi condicionada pola lingua literaria e, como o conxunto do grupo, “máis inclinada cara ao elitismo do que cara ao popularismo”, apunta.

Nos 60, xa como primeiro profesor de galego da Universidade, Carvalho Calero fixo “un esforzo titánico” e redactou nun tempo récord a Gramática elemental del gallego común (1966), unha obra en que defendía “un sistema lingüístico autónomo, unha lingua nacional”; un manual “utilísimo e indispensable para a aprendizaxe dos rudimentos gramaticais do idioma” naquel tempo, salienta Henrique Monteagudo.

A comezos dos 70, co apoio de Ramón Piñeiro, foi o encargado de elaborar as primeiras normas da RAG, para aproveitar as posibilidades que abría a Ley General de Educación de 1970, que permitía introducir o galego no ensino. Malia teren sido consideradas insuficientes, vistas en conxunto canda a Gramática, “semella claro o progreso que supoñen cara á constitución daquela variedade canónica que na fórmula de galego común comezaba a definirse con máis nitidez”, conclúe o académico.

Os clásicos como referencia
Serafín Alonso Pintos detívose no modelo de galego que se debuxa na Gramática, unha obra que coñeceu sete edicións e onde se establece “un sutil e criterioso diálogo coa tradición do galego escrito literario”. A gramática editada por Galaxia toma, de feito, os seus exemplos dos clásicos do século XIX, con Rosalía á fronte, e defende na primeira edición un espazo propio no ámbito ibérico para o galego común fronte aos grandes estándares estatais castelán e portugués, explica o investigador.

A cuarta edición (1974) é dende o punto de vista científico a máis completa e nela Carvalho Calero reafírmase “na teoría e na práctica que trazara para o galego literario en 1966”. “O seu modelo de galego común, que nun camiño de ida e volta figura agora na gramática co aval da RAG, segue a coincidir co de máis emprego na época.

Esta convención, con todo, resultaba cuestionada daquela, entre outros, por quen defendían que os galegos e galegas debíamos tomar o portugués como lingua única de usos cultos e tamén por quen postulaba que aquel modelo de galego literario resultaba artificialmente distante da fala espontánea”, analiza.

A mudanza no pensamento lingüístico do profesor queda reflectida na derradeira edición (1979), na que xa defende a aproximación á ortografía do portugués. “Esta convicción, pública dende hai anos, trasládase ao corpo dun manual que, como manifesta no limiar, fora redactado con outros principios e non se axeita ben a este propósito. Por iso non o reedita e pasa a expoñer o seu parecer sobre o galego literario noutros lugares”, conclúe Serafín Alonso.

A evolución de Ricardo Carvalho Calero cara á unha crecente proximidade ao portugués quedou tamén patente no seu traballo como presidente da comisión lingüística da Xunta de Galicia que elaborou en 1979 as primeiras normas do galego en democracia. A partir de 1981 o profesor comezaría a escribir no que pasou a ser coñecido como galego reintegrado, adoptando a maioría dos trazos fundamentais da ortografía portuguesa. Pero xa en 1975 escribira os primeiros de moitos artigos nos que defendeu unha ortografía converxente co portugués, publicados en La Voz de Galicia, lembra Eduardo Maragoto.

Sen ser o único inspirador, Carvalho converteuse “no principal pensador do novo movemento, no seu máis prestixioso divulgador e, tamén, no primeiro que levou á práctica os seus postulados ortográficos nun libro, Problemas da língua”. “Carvalho é o gran filólogo desta corrente. El forneceu o lusismo dun corpus teórico elaborado a partir de múltiplas abordaxes”, engade e relator.

Da fala e da escrita (1983), Letras galegas (1984) e Do galego e da Galiza (1990) son outros volumes que recollen o pensamento reintegracionista de Carvalho Calero. Neste etapa final, o profesor mantivo un “certo liberalismo normativo” que o acompañaba dende os anos 60, valora Eduardo Maragoto, que recorda tamén como o autor defendeu unha introdución gradual do reintegracionismo. O presidente da AGAL considera que na situación actual esta estratexia non é viable e defende o “binormativismo”.

Pleno extraordinario do Día das Letras Galegas
Diante do empeoramento da situación sanitaria en Ferrol, a Real Academia acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas programado para este sábado na súa propia sede, na Coruña.

A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na cidade natal do autor o 31 de outubro, cadrando co centenario do seu nacemento, tras pospoñer a tradicional celebración do 17 de maio por mor do confinamento da pasada primavera.

Publicado o 31 Out 2020 en A Coruña, Cultura.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!