Concello de Tui advirte da aplicación da Ordenanza de limpeza

Ponse en marcha unha campaña para o cumprimento da normativa

Tui | O Concello de Tui considera que a actual temporada turística está sendo exitosa para a hostalería tudense. O gran número de visitantes que recibe a cidade fai que moitos negocios multipliquen por tres ou por catro a súa actividade nestes meses de verán. Este feito incide positivamente na economía global do concello.

Este bo comportamento do turismo ten que vir acompañado dun esforzo por parte de todos, administración, veciñanza e establecementos hostaleiros e de restauración, para dar unha imaxe dun Tui limpo e ordenado. Si está claro que por parte do concello existe a obriga de manter as rúas limpas, por parte da veciñanza e especial dos negocios debe esperarse tamén unha maior responsabilidade no cumprimento da Ordenanza de Limpeza.

As empresas dedicas á hostalería e ao turismo, ao igual que as de que calquera outro sector, teñen o que coñecemos coma ‘responsabilidade social’, é dicir, máis aló de ser rendibles economicamente para os seus propietarios, teñen o compromiso e a obriga de buscar e promover o benestar social e a mellora do entorno no máis amplo sentido da palabra, tanto físico coma social.

O Concello lamenta que nun mes no que os e as visitantes enchen as rúas de Tui teñamos imaxes absolutamente lamentables arredor dos contedores de lixo, con caixas de cartón amoreados a carón do colector baleiro, restos de cociña pousados xunto ao contedor correspondente, bolsas de lixo depositadas a pé de rúa sen introducir nos contedores, … dando unha sensación de sucidade e abandono, que en nada benefician a ninguén, nin a veciños, nin a negocios.

Por iso dende esta semana o Concello pon en marcha unha campaña de control da Ordenanza de Ornato Público e Limpeza. Sen ser esta a intención do goberno o incumprimento da normativa pode acarrexar sancións, dende 200 € para as infraccións leves até os 800€ para as máis graves.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, considera que manter o atractivo turístico e a boa imaxe do noso concello é un labor de todos e todas, na que todas as persoas e empresas nos temos que implicar, e que tamén todos e todas temos responsabilidade.

“Coñece o noso patrimonio” chega ás Murallas
Mañá venres, 25 de agosto, finaliza o programa de visitas guiadas a diversos elementos patrimoniais da nosa cidade ‘Coñece o noso patrimonio’ organizado polo Instituto de Estudios Tudenses en colaboración co Concello de Tui.

O obxectivo desta iniciativa é facilitar un achegamento a diversos espazos patrimoniais tudense dirixidos por especialistas.

Esta última visita estará centrada no sistema amurallado tudense e contará coa presenza como guía do arqueólogo Juan José Perles Fontao. Comezará ás 20 h na Praza de San Fernando, no centro do conxunto histórico tudense. As prazas están xa completas.

Juan José Perles Fontao é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor de diversos libros e publicación sobre arqueoloxía en Tui e a súa contorna. Director de diversas campañas de escavacións no Monte Aloia, no castro do Alto dos Cubos e en numerosas intervencións arqueolóxicas na cidade de Tui que lle proporcionan un coñecemento excepcional sobre o patrimonio tudense. Ten participado na redacción, por exemplo, do Plan Director da Catedral de Tui e do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico.

Nesta visita afondará no coñecemento do sistema amurallado tudense integrado pola muralla medieval, mandada edificar polo rei Fernando II, a creación da falsa braga nos século XV e XVI e, finalmente, a creación das nosa defensas amuralladas do século XVII e XVIII. Unhas murallas aínda moi presentes na morfoloxía urbana tudense ás que nos achegaremos nesta visita guiada.

Este programa de actividades conta coa colaboración da concellaría de patrimonio e turismo do Concello de Tui, a través da concellería de Turismo e Patrimonio. A concelleira Ana María Núñez Álvarez agradece este iniciativa do Instituto de Estudios tudenses que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión.