Concello de Ponteareas presentou o seu informe técnico sobre o Auditorio Municipal

A "deficiente impermeabilización" data das obras realizadas en 2010

Ponteareas | As obras de impermeabilización do Auditorio, executadas en 2010 mediante un convenio entre o goberno municipal presidido por González Solla (PP) e a Deputación dirixida por Rafael Louzán (PP), e nas que se investiron 1,3 millóns de euros, explican as filtracións e os graves danos que ven soportando o Auditorio e que obrigaron ao Concello a pechalo.

Así se conclúe nun informe elaborado polos servizos técnicos municipais que apuntan a posibeis responsabilidades do promotor ou construtor da reforma realizada hai unha década. Segundo o informe os problemas de filtracións reapareceron pouco despois da reforma do edificio de 2010 e co paso dos anos foi a máis até chegar ao punto actual que fai imposíbel a utilización da meirande parte do edificio.

No proxecto de reforma de 2010 sinalábase que existían filtracións importantes no Auditorio polo cal as obras consistirían en actuar sobre a coñecida como Praza da Música demolendo todo “o pavimento exterior e a impermeabilización existente” e executando “unha nova cuberta transitábel mediante a previa impermeabilización”.

No informe técnico municipal explícase que a cuberta do auditorio conta cunha deficiente impermeabilización “por unha incorrecta solución construtiva ou mala execución” e que existen numerosos puntos polos que entra unha considerábel cantidade de auga. As humidades e filtracións detectadas sitúanse nos diferentes lucernarios do edificio, nos ocos onde se atopa a carpintería exterior do edificio, baixo as xardineiras, nas zonas de contacto entre as paredes e o terreo situado debaixo das rúas así como na deficiente impermeabilización do pavimento da praza situada sobre o Auditorio que “non está a cumprir axeitadamente o seu cometido”.

O informe técnico salienta que en agosto de 2020 ao realizarse un arranxo puntual no falso teito de madeira situado na sala principal de butacas “sairon á luz varios problemas importantes”. Entre eles cítanse importantes filtracións de auga e a existencia de carcoma na madeira. A raíz de dito arranxo puntual levouse a cabo unha serie de catas que “amosaron que todo o falso teito estaba afectado”.

Debido ao perigoso estado, por urxencia e por posibeis desprendementos, accedeuse a ver o forxado de cuberta do edificio observando “claramente, a pesar de ser o mes de setembro bastante seco, que existen zonas anegadas pola auga que se filtran polo pavimento da praza ocasionando humidades e eflorescencias nas propias viguetas e bovedillas que o conforman”. O falso teito de escaiola tamén está afectado, a pesares de que se ven “arranxando de forma puntual cada pouco debido ao seu estado de enchoupado”. Como consecuencia destes excesos de auga, entre o mes de novembro e decembro de 2020 producíronse varios desprendementos que causaron danos materiais.

As catas realizadas no pavimento da praza ubicada sobre o Auditorio permitiron comprobar que as obras executadas no seu día non se axustan ao que se recollía no proxecto de reforma e que a auga se filtra cara o interior do edificio.

O Goberno Local salienta que “aquelas obras feitas hai dez anos tiñan como principal finalidade eliminar as humidades, filtracións e pingueiras que sofría o Auditorio como consecuencia das obras do parque infantil executadas uns anos antes”. O executivo municipal conclúe que “a Deputación adxudicou en 2010 obras por importe de 1,3 millóns euros para resolver o problema e en lugar de solucionalo provocou máis filtracións e humidades que agora impiden continuar coa utilización do Auditorio”.

O informe técnico conclúe que mentres non se resolvan as causas que provocan a entrada de auga e non se revise e sanee toda a estrutura que soporta o falso teito da sala de butacas non é segura a súa utilización. Ademais, a arquitecta técnica municipal remitíu o informe á asesoría xurídica para que avalíe “se procede tomar acción algunha en canto á solicitude de responsabilidades ao promotor ou construtor da última reforma do edificio realizada no ano 2009-2010”.

A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, dirixíuse xa á Presidenta da Deputación para manter unha reunión na que se abordará a problemática e as posibeis solucións. Ademais, a alcaldesa solicitou á institución provincial que requira o correspondente informe ao director da obra executada en 2010.

Outros artigos