Concello de Ponteareas licita as obras de rehabilitación da nave de Aceros del Tea

Por un importe de 637.000 euros para transformalo nun novo espazo cultural e musical

Ponteareas | O Concello de Ponteareas sacou a licitación as obras de rehabilitación da nave de Aceros del Tea, situada na Avenida de Galicia, por un importe de 637.000 euros, para transformar esta edificación industrial nun novo espazo cultural e musical para a localidade.

As empresas poderán presentar as súas ofertas até o 21 de marzo e o prazo máximo de execución das obras será de seis meses. O custo da rehabilitación está financiado ao 80% con fondos FEDER a través da estratexia EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e o 20% restante con fondos propios do Concello.

Trátase dunha actuación que, por unha banda, pretende recuperar o patrimonio industrial e poñelo en valor mediante a transformación das instalacións nun espazo público que acollerá novos servizos e programas socioculturais e musicais. O edificio está composto por tres naves comunicadas entre si e unha torre que ocupan unha superficie duns 1.500 metros cadrados.

Nesta primeira fase as obras centraranse na rehabilitación da antiga nave, recuperando a súa estrutura para uso como edificio público e creando unha praza pública diáfana e cuberta baixo as tres naves destinada a todo tipo de eventos. O Goberno municipal do BNG-PSOE está traballando para buscar financiamento para abordar o proxecto na súa integridade, un proxecto moi ambicioso que inclúe converter unha das naves e a torre das antigas oficinas en espazos pechados illados termicamente e insonorizados para obradoiros, conferencias ou clases maxistrais.

Tamén se prevé converter a balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses nun teatro ao aire libre con bancadas. Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e na rúa Carballos, xerando novas zonas peonís e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que esta actuación forma parte “da extraordinaria transformación que está a experimentar Ponteareas, recuperando edificios para usos socioculturais como o de Aceros del Tea ou o do Centro Cívico, xa en rehabilitación na Praza Maior, accións de envergadura hai anos inimaxinábeis e que hoxe son realidade co Goberno municipal do BGN-PSOE tras ter sacado ao concello da bancarrota e da ruína na que se atopaba en 2015”. A segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, lembrou que “esta actuación é posíbel grazas á aprobación do PXOM hai algo máis dun ano, que pemitiu ao Concello obter sen custo algúns terreos e edificacións para usos públicos”.