Concello de Ponteareas aproba a súa organización municipal

"Luz verde" ás diferentes áreas delegadas e ás dedicacións exclusivas e parciais

Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou este xoves en pleno a organización e funcionamento da Corporación municipal para o mandato que acaba de comezar. Na sesión plenaria deuse luz verde por maioría ás diferentes áreas delegadas, así como ás dedicacións exclusivas e parciais e as súas retribucións.

Neste sentido, o Concello de Ponteareas mantén a dedicación exclusiva para a Alcaldía, que tamén se encargará de supervisar as áreas de Turismo e Facenda. A retribución será de 45.000 euros brutos ao ano. Establécense ademais outras tres dedicacións exclusivas, co 100% da xornada e 30.000 euros brutos ao ano que serán para a Concellería de Impulsa-Tea, Revitalización do Comercio e Cultura, Ensino, Mocidade e Voluntariado; para a Concellería de Réxime Interior, Proximidade Cidadá, Recursos Humanos, Deportes, Modernización Tecnolóxica e Seguridade; e para a Concellería de Medio Ambiente, Urbanismo, Vivenda e Infraestruturas verdes de lecer.

Por outra banda, o pleno aprobou tamén unha dedicación parcial para a Concellería de Mantemento e Infraestruturas Viairas, así como para os voceiros ou persoas designadas de BNG, ACIP e PSdG-PSOE, todas elas ao 53 % da xornada e cunha retribución de 20.000 euros brutos anuais.

Ademais, establécese unha indemnización para aqueles concelleiros e concelleiras que non conten con dedicación de 140 € por asistencia ao pleno, 110 € a Xunta de Goberno e 75 € ás comisións informativas.

Concelleiros e concelleiras tamén aprobaron por unanimidade a creación de seis comisións informativas permanente conformadas por sete membros que se reunirán antes das sesións plenarias mensuais para tratar asuntos relacionados coas áreas de Contas e Facenda; Réxime Interior, Tráfico e Seguridade cidadá, Emerxencias, Protección Civil, Persoal, Honras e distincións, Patrimonio, Participación cidadá, Transparencia e Servizos tecnolóxicos e Organización e funcionamento; Cultura e Normalización Lingüística, Ensino, Festexos, Deportes e Mocidade; Benestar Social, Igualdade, Saúde e Consumo; Desenvolvemento económico, Emprego, Comercio e Turismo; e Urbanismo, Obras Públicas, Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos Básicos.

Pola outro lado, durante a celebración do pleno, a alcaldesa, Nava Castro, amosou a disposición do Goberno municipal de poñer a disposición dos distintos grupos políticos un local e correos electrónicos municipais para facilitar a atención á veciñanza, promovendo unha administración máis próxima.