Concello de Ourense obtén dúas parcelas estratéxicas para o desenvolvemento termal das Burgas

Dentro do Plan Especial de protección do BIC do sitio histórico
Xardíns das Burgas en Ourense.

Ourense | A xunta de goberno local do Concello de Ourense, a proposta da Concellería de Urbanismo, acordou a consolidación definitiva do dereito de propiedade do Concello de Ourense sobre as parcelas número 1 e 2 do proxecto de expropiación da Área de Reparto “As Burgas”, do Plan Especial de protección do BIC do sitio histórico das Burgas.

Trátase de dúas parcelas que o Concello lle expropiara no seu día á empresa Xardín das Burgas, e que resultan estratéxicas para o desenvolvemento deste espazo termal.

O Concello consolida o seu dereito á propiedade desta dúas parcelas, logo de que a empresa non manifestase expresamente a vontade de recuperar a súa propiedade, previa devolución das cantidades percibidas como xustiprezo pola súa expropiación, no prazo de 3 meses dos que dispuxo desde que se lle notificou o acordo da Xunta de Goberno Local de data 26 de novembro de 2020 no que se lle outorgaba a dita posibilidade.

Por este motivo, e unha vez superado amplamente o prazo concedido, o Concello declarou en xunta de goberno local a renuncia da empresa ao dereito de restitución e a consolidación definitiva da propiedade destas parcelas por parte do Concello.

O goberno municipal valora este acordo como un paso moi importante para o desenvolvemento do espazo termal das Burgas e a súa contorna, dado que permite obter dúas parcelas estratéxicas neste espazo de extraordinaria importancia para a cidade pola súa significación histórica e polo seu potencial.

O acordo da xunta de goberno de 26 de novembro de 2020 incluía tamén a restitución doutras 5 parcelas de diferentes propietarios na mesma área de reparto, cuxos expedientes se atopan actualmente en tramitación.