Concello de Mos e o CAAN sensibilizan sobre o benestar animal

Con actividades en cinco colexios públicos

Mos | Desde o pasado luns e ata o martes da semana que vén estase a impartir nos cinco colexios públicos de Mos unha actividade sobre tenza responsable de mascotas que o Concello de Mos organiza coa colaboración de CAAN, o Centro de Acollida e protectora de Animais da Deputación de Pontevedra, incluída dentro do Programa Municipal de Actividades en horario lectivo para os centros educativos da localidade.

Trátase dunha xornada de concienciación impartida por Silvia Rivas, veterinaria do centro CAAN, que hoxe estivo acompañada no CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, e a edil mosense de Medio Ambiente, Laura Méndez.

Esta última aproveitou para expoñerlle e explicarlle á cativada o novo Plan ‘Ghatiñ@s’, posto en marcha tamén en colaboración co CAAN de Pontevedra, para o control, xestión e coidado de colonias felinas de gatos rueiros en Mos. Plan que vela polo benestar animal e que, polo tanto, se complementa coa iniciativa didáctica e concienciadora sobre tenza responsanle que se está a impartir nos coles.

Durante a actividade desta mañá no colexio de Sanguiñeda a veterinaria Silvia Rivas explicáballe ao alumnado que “decenas de animais no noso contorno, sofren o abandono por parte dos seus propietarios/as. Outros moitos conviven en fogares onde non se lles presta a adecuada atención”.

Por iso, as representantes municipais Arévalo, Méndez e Loureiro declaran a este respecto que “educar na tenza responsable de mascotas, previr o maltrato e o abandono animal e dar a coñecer a función social que desenvolven as mascotas na nosa sociedade é fundamental”.

Trátase dunha actividade de carácter lúdico e educativo, enfocada como espazo de sensibilización privilexiado para a mellora da convivencia cidadá. O aspecto fundamental deste proxecto é concienciar co xogo, ao alumnado, dos dereitos e deberes que temos as persoas, a través do coñecemento dunha realidade concreta como é a responsabilidade que implica ter unha mascota, prestando especial atención a situacións que derivan no abandono animal e ás súas consecuencias.

Tamén se lles amosa aos nenos e nenas a importante tarefa que realizan os centros de acollida e protección de animais, destacando a necesidade de adopción que existe hoxe en día. Ademais, esta iniciativa pretende ensinar dun xeito práctico e divertido, a importancia que teñen os animais nas actividades diarias da nosa sociedade e a especial achega á mellora da calidade de vida que ofrecen algúns deles como os cans terapeutas, os de asistencia, os de busca e rescate, etc.

E deste xeito foméntase entre o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria, que son os cursos aos que vai dirixida esta actividade, a conciencia cidadá e desenvolver hábitos que favorezan unha actitude responsable cara o coidado de mascotas. En total impartirase a charla a 232 alumnos/as dos 5 CEIPS públicos de Mos.