Concello da Guarda e a comisión das Festas do Monte reúnense cos representantes das Bandas Mariñeiras

De cara a planificar a tradicional Festa do Monte en agosto

A Guarda | O pasado xoves, 3 de xuño, reuníronse no salón de plenos do concello da Guarda, o alcalde, a concelleira de cultura, o concelleiro de festas e festexos populares, representantes das comisións das Festas do Monte e representantes das Bandas Mariñeiras.

“O obxecto da reunión era o de informar das conclusións das distintas reunións mantidas entre responsables municipais e a comisión de festas e valorar a opinión das bandas sobre as celebracións do sábado e domingo do Monte”

O obxecto da reunión era o de informar das conclusións das distintas reunións mantidas entre responsables municipais e a comisión de festas e valorar a opinión das bandas sobre as celebracións do sábado e domingo do Monte. Hai que ter en conta que as bandas representan directamente a máis de 2.500 participantes directos no desfile e na romería e que, na actualidade, son a cara máis visible da festa.

O alcalde tomou a palabra para trasladarlle aos asistentes a dificultade de facer unha programación da festa a dous meses vista tendo en conta os cambios que se producen cada poucos días na situación sanitaria e as continuas modificacións da Xunta nas autorización de eventos,  medidas de seguridade e prevención. Antonio Lomba informou da decisión de non celebrar a tradicional tirada de fogos así como de realizar durante toda a semana eventos adaptados a situación sanitaria do momento.

“O alcalde tomou a palabra para trasladarlle aos asistentes a dificultade de facer unha programación da festa a dous meses vista tendo en conta os cambios que se producen cada poucos días na situación sanitaria e as continuas modificacións da Xunta nas autorización de eventos,  medidas de seguridade e prevención”

A previsión nun principio é de ter polas mañás os clasicos pasarúas por todos os barrios e parroquias da localidade, organizar eventos deportivos e culturais polas tardes, e animación musical polas noites con pequenos grupos deslocalizados por distintas prazas para tentar, na medida do posible, dispersar e non centralizar a veciños e visitantes en lugares concretos.

En canto a celebración do desfile do sábado e romería do domingo os representantes das Bandas Mariñeiras presentes nesta reunión foron moi conscientes da actual situación e de que é moi complicado garantir as medidas sanitarias e a seguridade nestes tempos de pandemia. Dado que resulta imposible dar seguridade sanitaria a os participantes e público que asiste ao desfile do sábado así como as trouladas que participan na romería do domingo, tomouse a decisión de deixar en suspenso as actividades destes dous días.

A comisión de festas comezará a traballar dende o luns 7 de xuño nas colaboracións de publicidade do libro do monte para tentar publicalo a maior brevedade posible. Asimesmo o concello ofrece a súa colaboración a comisión para a organización dos eventos, tendo en conta, sobre todo, o pouco tempo dispoñible e a dificultade de organizalos nunha situación sanitaria tan cambiante.

Alumnado do CEIP Sinde celebra o Día Mundial do Medio Ambiente
Un día despois, o venres 4 de xuño de 2021 Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu un acto no cal alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde fixeron entrega ás autoridades locais de varios carteis nos que se amosa en tres linguas e con debuxos o que debe de ser un bo peregrino.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, amosouse moi sorprendido e interesado por esta iniciativa, dando os parabéns aos alumnos presentes, co compromiso adquirido de colocar estes carteis nos espazos polos que circulan os peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso pola vila, como é a Estación Marítima, a Oficina de Turismo ou o Albergue Municipal.

Esta iniciativa nace do proxecto de Voz Natura no cal participa este centro educativo da Guarda e no que empregaron o Camiño de Santiago como fío condutor desde Bibliosinde co fin de xuntar esforzos e levar a todo o profesorado pola mesma senda.

O alcalde Antonio Lomba (centro) no acto do Día Mundial do Medio Ambiente.

“Esta iniciativa nace do proxecto de Voz Natura no cal participa este centro educativo da Guarda e no que empregaron o Camiño de Santiago como fío condutor desde Bibliosinde co fin de xuntar esforzos e levar a todo o profesorado pola mesma senda”

Atravesa a nosa localidade un tramo do Camiño  Portugués a Santiago de Compostela, polo que involucrar a toda a comunidade educativa foi doado e moi interesante. Descubrindo dúas sendas dun gran valor etnográfico e paisaxístico, o tramo que vai desde a Pasaxe pasando por Camposancos e Monte Trega; e a senda pola costa, Area Grande e as cetarias Redonda e Altiña. Visitouse o albergue de A Guarda e fíxose o tramo que pasa polo centro da vila.

A participación do alumnado na proposta de facer andainas polos diferentes tramos do camiño foi do 100%. Dende os máis pequenos ata os maiores todos os cursos realizaron saídas para coñecelo. Os cursos de 5º e 6º de primaria fixeron un tramo en Oia e visitaron Santiago de Compostela.

A concienciación do alumnado do seu valor e a importancia da súa conservación foron os obxectivos prioritarios, fomentando a participación das familias e facendo as diferentes etapas cos seus fillos e fillas e así conseguiron un selo na súa credencial de peregrinos no Sinde.

O resultado final despois de todo o traballo realizado foi a presentación dun cartel do que debes facer para ser un bo Peregrino. Cartel que se fixo en tres idiomas, galego, castelán e inglés, e no que participou todo o alumnado do centro.