Centralismo ferroviario.

Cadernos da viaxe.

A economía galega require para viabilizar o seu desenvolvemento dunha conexión ferroviaria rápida para levar as súas mercadorías a Europa e dunha conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal, En ambos os dous casos as devanditas conexións haberían conectar tamén os sistemas portuario e aeroportuario galegos coa Europa e co porto de Leixoes e aeroporto Sá Carneiro do Porto.

“A economía galega require para viabilizar o seu desenvolvemento dunha conexión ferroviaria rápida”

Porén, seica o Goberno do Estado ten outros plans. Porque ven de quitar o documento Mercancias 2030 no que exclúe ao noso país da autoestrada ferroviaria que conectaría o Atlántico peninsular co conxunto de Europa. Madrid, descoñecendo as recomendacións da UE e as demandas da Xunta, dos partidos políticos e dos axentes sociais galegos, aposta por conectar pos portos de Algeciras e Huelva coa capital do Estado e por conectar os portos de Leixoes, Lisboa e Sétubal vía val do Douro coa liña Salamanca-Valladolid-Burgos-Euskadi-Francia. Se queríamos superar a radialidade centralista velaiquí as dúas cuncas.

Polo que atinxe á conexión ferroviaria con Portugal trátase dun proxecto de vertebramento transfronteirizo que acadaría sempre un cumprido financiamento europeo, moito máis no contexto dos fondos Next Generation. O Goberno portugués prioriza a conexión Lisboa-Porto-Braga-Minho-Galicia a respecto dun AVE Lisboa-Extremadura-Madrid que non lles interesa.

O Goberno do Estado prioriza este AVE e adia indefinidamente a programación das obras precisas para a saída sur de Vigo. Empresas como o grupo alemán Deutsche Bahn agardan por esta conexión para licitar pór A Coruña e Santiago a dúas horas do Porto e menos de tres horas e media de Lisboa. Un espazo económico e cultural común, de sete millóns de habitantes (a Gallaecia que integraría Galicia e o Norte de Portugal) agarda pola progresión xeométrica de sinerxias e potencialidades que este proxecto xeraría.

O arquitecto galego Xosé Lois Martínez suxire aqueladamente que todas as Administracións locais do espazo atlántico, Universidades galegas e principais axentes económicos e sociais lle dean un grande pulo social e mediático, como proxecto de País, a esta saída sur por camiño de ferro de Vigo, seguindo o ronsel da tradición galega previa a 1936 na que eran os concellos e forzas económicas e sociais de progreso de Galicia os que promovían e pulaban polas infraestruturas ferroviarias que o País precisaba. Sen dúbida, tanto neste grande proxecto como no da autoestrada ferrovaria de mercadorías a Europa cómpre pormos a intelixencia, a forza e a economía nacionais diante das pantallas, mais tamén na rúa, para obter o que o Estado nos quere negar.

Malia todo, cómpre lembrar que estes atrancos son propios da conformación esencial do Estado. Só se resolven con autogoberno e visión autocentrada. Só se resolven dende a soberanía.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos