Nestes momentos temos dante nosa un montón de temas de actualidade sobre os que puideramos escribir este editorial. Guerras, malos tratos, aranceis, etc.
Pero como sería imposible tratalos a todos dunha atacada imos centrarnos en Castelao, a quen se lle dedica este ano e nas Cantareiras que son homenaxeadas no Día das Letras Galegas.
De Castelao tense escrito tanto que sen querer repetimos ideas, declaracións sobre a personaxe que xa se veñen publicando dende os seus tempos mozos. Sen embargo, como temos que falar de Castelao, expoñamos brevemente unha cantas ideas sobre el.
Castelao é todo un símbolo do nacionalismo galego. Loitador no exilio, reflicte na súa obra pictórica e literaria o fondo compromiso que o xunguía a esta Terra nosa.
“Castelao é todo un símbolo do nacionalismo galego”
Nace en Rianxo en 1886 e aos 11 anos emigra a Arxentina coa súa nai para encontrarse con seu pai que xa marchara con anterioridade. Á volta estudia o bacharelato e faise médico na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a traballar como médico na súa vila aínda que a profesión non o satisfacía plenamente iniciando así o seu compromiso coa política local.
En 1914 sofre unha crisis de cegueira que acabaría precipitando o seu afastamento da profesión. En 1916 consegue unha praza de funcionario do Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra. Comeza a se converter nun referente da arte galega, centrándose na creación plástica; pero tamén comeza a matinar na relación entre a arte e a nación; cousa que expón nunha conferencia sobre Arte e Galeguismo en 1919. A partires dese momento a plástica facilitará a súa entrada na literatura con obras como Cousas da vida, Cousas, Os dous de sempre ou Retrincos.
Pero isto non acaba de enchelo plenamente .O seu obxectivo era dotar de voz a un pobo, o pobo galego, ao considerar Galiza como unha nación que precisa de existir politicamente. Hoxe preténdese dende os poderes públicos que nos gobernan, que ignoremos o cerne do seu pensamento: Galiza como nación e o dereito de autodeterminación que lle asiste.
Dende 1916 participa nas Irmandades da Fala promovendo a constitución dunha delegación en Pontevedra e colaborando en A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes defendendo en Madrid iniciativas do Partido Galeguista. Comeza o seu labor de unificación do pensamento galeguista con diversos mitins, pero os movementos revolucionarios de Asturias e Cataluña en outubro de 1934 provocaron a reacción do partido conservador descabezando ao Partido Galeguista, suspendendo a publicación de A Nosa Terra e desterrando a Castelao a Badaxoz.
Alí comeza a escribir a súa obra máis importante: “Sempre en Galiza”, unha vez que pola súa cegueira tivo que abandonar os seus debuxos e a pintura.
Durante os anos da guerra Castelao comprometeuse enteiramente coa causa republicana. É o momento de maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico. Nos primeiros meses de 1949 un cancro de pulmón afástao da actividade política. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Bos Aires o dia 7 de xaneiro.
En palabras de Francisco Fdez. del Riego, Castelao foi un dos mellores escritores da nosa lingua. Foi un artista cuxo imponderable dominio idiomático permitiulle atopar sempre a xusta correspondencia entre a idea e a expresión. De todo este seu labor transcende decote un identificarse coas esencias do pobo galego.
Letras Galegas 2025 e As Cantareiras
Coincidindo co centenario da publicación de “Cantares Galegos” de Rosalía de Castro (20 de marzo de 1963) os académicos de número Francisco Fdez.del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxéronlle á Real Academia Galega a celebración do ” Dia das Letras Galegas” o 17 de maio para recoller “o latexo material da actividade intelectual galega”. A obra de Rosalía é a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea; considerada a primeira obra do Rexurdimento. Para elo publícase unha edición crítica de Cantares Galegos feita por Fermín Bouza Brey. Dende 1991 o Dia das Letras Galegas foi declarado dia festivo na Comunidade Autónoma Galega.
A institución encargada de elixir a figura homenaxeada é a Real Academia Galega. Deberá ser un autor/autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. Ademais deben pasar dez anos do seu falecemento. A proposta debe ir asinada por un mínimo de tres académicos. Castelao foi proposto en 1964.
“Hoxe en 2025, escolléronse sete mulleres cantareiras en representación das Pandeireteiras de Mens”
Hoxe en 2025, escolléronse sete mulleres cantareiras en representación das Pandeireteiras de Mens: (Adolfina Casas, Rosa Casas, Eva Castiñeira, Teresa García, Asunción Garrido, Prudencia Garrido e Manuela Lema Villar), como homenaxe ás cantareiras e a poesía popular oral por arrequecer e transmitir unha tradición oral centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións .
Falemos agora da situación do galego
En palabras de Henrique Monteagudo en declaracións a Xornal Diario, o problema non é que haxa falantes que deixen o galego atrás, que pode habelos, pero son os menos, o problema é a transmisión interxeneracional e en estreita relación con iso o efecto castelanizante do sistema educativo. A política lingüística debe ir máis aló da escola; hai que pensar nunha política global, pensar como difundimos referentes de prestixio en galego para a rapazada. Cando eses referentes son sólidos hai ferramentas para resistir a presión do castelán.
A este propósito resulta desalentador que, por exemplo, o Concello de Vigo non cubra as dúas prazas de persoal técnico de normalización lingüística, na actualidade vacantes, para deste xeito poder planificar, xestionar, executar e avaliar accións e programas de normalización lingüística que contribúan a mellorar o uso e prestixio do galego na maior cidade de Galicia. Sr. Alcalde, parécenos estupendo que o Concello apoie a mocidade para que poidan visitar Inglaterra para aprender inglés, pero, por favor, que non sexa a costa do apoio ao galego.
“A Xunta apoiase no decreto que limita o galego no ensino e nos resultados das últimas eleccións á Xunta”
Pola súa banda a Xunta apoiase no decreto que limita o galego no ensino e nos resultados das últimas eleccións á Xunta. O Conselleiro de Cultura di que os galego xa falaron alto e claro escollendo un modelo que fuxe de enfrontamentos, afirmando que non hai por que flaxelarnos porque a situación do galego non é aínda malísima. Sería interesante coñecer o nivel que o Conselleiro acepta como preocupante.
Nestes momentos asistimos ao feito de que os pais e nais acompañan aos cativos as aulas de preescolar instalados no castelán sen ningún reparo. É mais, moléstalles que nos centros se lles fale en galego. Din non entender que se pretende coa insistencia dalgúns centros falándolles galegos aos seus fillos/as cando eles, as nais sobre todo, veñen falándolles castelán xa dende antes do nacemento.
Menos mal que aínda temos grupos musicais que levan o galego nas súas cancións por medio mundo: Fuxan os Ventos, As Tanxugueiras, Exeria, etc. que enchen auditorios coas súas cancións en galego.