Cárcere e liberdade de expresión.

Cadernos da viaxe.
Velaí o grande balbordo xerado polo prendemento de Pablo Hásél para que cumprise unha pena de nove meses de cárcere imposta pola chamada “Audiencia Nacional” (Tribunal de excepción que vulnera o principio constitucional do xuiz natural da Convención europea de dereitos humanos-CEDH) polos delictos de inxurias ao anterior Xefe de Estado e aos funcionarios policiais e de loubanzas ao terrorismo . Un Hasél a quen lle fora suspendida outra pena de dous anos de cárcere polo delicto de loubanzas ao terrorismo no 2014, pola súa falla de antecedentes.

Vaia por diante que o Hasél foi tamén condenado polos Tribunais de Lleida (os seus xuices naturais, por certo e a medio de sentenzas até de agora recorridas e, xa que logo, non definitivas) a penas de cárcere por ameazar e agredir a unha testemuña e por agresión a un xornalista de TV3. Son estes delictos que non teñen nada a ver coa liberdade de expresión e polos que o Hásel habería apandar coas consecuencias dos seus actos en calquera Estado democrático europeo no suposto que estas condenas ou algunha delas fose confirmada.

Mais non importa o trovador (bastante cativo e ruín, por certo, neste caso), senón a trovada. Porque o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que interpreta e aplica a CEDH e que constitucionalmente é o máximo Tribunal español no eido dos dereitos humanos, ten dito moitísimas veces que queimar bandeiras, criticar acedamente, mesmo con verbas inxuriantes, aos funcionarios públicos ou ao Xefe do Estado ou loubar accións violentas-terroristas ou doutra caste-non constitúen delicto ningún e, xa que logo, calquera Tribunal europeo ha absolver ás persoas acusadas desta caste de condutas.

“Que condutas de expresión han ser castigadas, segundo o TEDH ? Pois nin máis nin menos ca as que constitúen unha provocación, conspiración ou proposición para a agresión ou delicto violento ou as ameazas e coaccións”

Que condutas de expresión han ser castigadas, segundo o TEDH ? Pois nin máis nin menos ca as que constitúen unha provocación, conspiración ou proposición para a agresión ou delicto violento ou as ameazas e coaccións . E que son ameazas? O anuncio incondicional de fururas agresións violentas. E que son coaccións? O anuncio condicionado de futuas accións violentas se o coaccionado non se comporta como se lle require.

É dicir, o que di a xustiza europea (como tamén o Tribunal Supremo dos USA) é que só cómpre sancionar penalmente as expresións que ameacen, coaccionen ou chamen de xeito actual ou potencialmente eficiente á agresión directa ou indirecta. Por certo, os mesmos principios que rexían o tipo penal de apoloxía do terrorismo até o 2000, cando Aznar e Zapatero decidiron amplialo a calquera expresión que loubase as accións terroristas.

Queimar a bandeira dos USA non é delicto. Chamar delincuente por mor de accións desenvolvidas por mor do seu cargo a Biden, ao rei Wilhem ou a raíña Elisabeth non é delicto.

A liberdade de expresión habería ser o máis potente alicerce da nosa convivencia.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!