Cara a onde imos, ou nos levan?

Cada vez que teño que escribir un texto para o que se chama un editorial, atópome diante dunha situación realmente complicada. Non porque non teña material a man para escribir de moitos temas; non digo de todos porque seria unha petulancia pola miña parte, pero si de bastantes. Sen embargo hoxe síntome dominado por unha estraña sensación de impotencia para escribir algo que a vostedes lle poida interesar e, sobre todo, servir para algo nas súas vidas.

Chegado a este punto de incerteza, de indecisión, tomei o camiño mais sinxelo: trasladarlles parágrafos, frases duns cantos libros e lecturas xornalísticas que teñen unha tremenda relación entre si e  poden servirnos, polo menos, para matinar que pode haber de certo nas cousas que nos anuncian.

Tratase dun artigo do xornal El País (28/11/2021), de Sergio C. Fanjul que titula “¿Quién se cree la versión oficial?; dun libro de Cristina Martin Jiménez, que leva por titulo “PERDIDOS (Los planes secretos del Club Bilderberg)”; do libro de José María Lasalle titulado “Ciberleviatán. El colapso de la democracia liberal frente a la revolución digital”, e finalmente dareilles detalles doutro libro de máis de 500 páxinas  que se denomina “La era del capitalismo de la vigilancia”, de Shoshana Zuboff.

Seguirei este mesmo orde porque penso que pode ser máis entendible xa que, son relatos que, dalgún xeito, se suceden no tempo; agás o artigo de Sergio C. Fanjul que ven de ser publicado días atrás.

Fanjul prantéxanos unha realidade que como se ven dando paso a paso non nos decatamos da súa importancia: a confianza entre os membros desta nosa sociedade que o autor do artigo asegura se está derrubando. Sobre esta cuestión  permítanme abusar da súa paciencia e trasladarme aos  primeiros anos da miña existencia. Estou falando da década dos 40/50/60 máis ou menos. Daquela a confianza era algo consustancial coa vida mesma. Iso non quere dicir que algunhas persoas non foran desconfiadas, que o eran. Refírome á sociedade no seu conxunto. Os veciños, nas aldeas, eu son un home criado nunha aldea da que saín unha vez rematada a carreira aos 20 anos, fiábanse uns dos outros. Pensen nas desaparecidas tendas do rural nas que se podía ver con toda claridade un gancho de arame do que colgaban unha serie de notas de papel nas que o tendeiro anotaba o que algúns veciños tiñan levado pero non pagado. O tendeiro confiaba neles porque sabía que no momento de ter os cartos o primeiro que ían facer era volver á tenda e pagar as súas débedas. Tiña confianza no veciño. Pero vou máis lonxe. Vostedes lembrarán as hoxe desaparecidas feiras do gando. En Lira, na miña aldea, celebrábase cada día cinco e dezaoito do mes. Alí movíanse moitos cartos. Vendíanse bois, ovellas, porcos, etc. Pero entre comprador e vendedor, sobre todo no caso dos bois que eran os que maior prezo acadaban, non existían documentos de ningún tipo. Era a confianza entre os tratantes do gando a que servía como documento.

“Confiamos nos nosos gobernantes, nos nosos médicos, nos nosos xornais que pensamos nos informan con honestidade. Así debera ser, pero por desgraza non o é”

Fanjul dinos que a confianza é unha especie de pegamento que mantén en pé a sociedade. Confiamos nos nosos gobernantes, nos nosos médicos, nos nosos xornais que pensamos nos informan con honestidade. Así debera ser, pero por desgraza non o é. Os gobernantes fállannos; non fan o que nos prometeron; os médicos non sempre din a verdade da nosa situación anímica (din que para non alarmarnos); os medios de comunicación xa non digamos, infórmannos do que se lle permite informar dende as altas esfera do Poder. A revolución tecnolóxica fainos sentir en mans de forzas enormes que non comprendemos. Diso, precisamente, trataremos nos apartados seguintes.

Pasemos agora ao libro de Cristina Martín Jiménez. A pregunta que a autora se fai xa de entrada é “¿quen manexa os fíos do Poder?. Este libro co titulo de PERDIDO ven insistindo no “secretismo” do famoso Club Bilderberg. Existe outro libro, que teño na miña biblioteca, que trata directamente da composición do famoso Club, pero agora vexamos o que nos aporta Cristina nesta súa versión. Introdúcenos cuns versos de León Felipe, poeta español (1884/1968) que lle ven como anel ao dedo: “Yo no sé muchas cosas, es verdad./ Digo tan solo lo que he visto./ Y he visto;/ que la cuna del hombre la mecen con cuentos, / que los gritos de angustia del hombre los ahogan / con cuentos, /que el llanto del hombre lo taponan con cuentos….

Pero falemos do Imperio Bilderberg.
“El poderoso despacho del presidente ha sido utilizado para fomentar una conspiración para derribar la libertad de los estadounidenses y antes de que abandone la presidencia debo informar a los ciudadanos sobre su destino”. JOHN F. KENNEDY.

Considérase un ser libre,  ou vislumbra que unha entidade descoñecida pensa e decide por vostede? É incapaz de explicar quen a integran e como actúa? Tal vez lle sexa útil saber que non é o único ao que lle atacan tales sensacións. A min tamén, antes de coñecer a existencia do Clube  Bilderberg.

Dende a miña época universitaria eu sospeitaba  que detrás dos sorrisos pérfidos dos nosos representantes políticos, gobernantes mundiais, tralos titulares a cinco columnas …ocultábase algo, a priori invisible, imposible de palpar e incapaz de ser definido.

E por que  non podíamos ver esa entidade que moitos sospeitabamos nin a eses personaxes que a manexan? Porque nin as súas operacións nin as actividades que se publicaban nos medios aos que os cidadáns acoden para atopar información: a prensa.

“Un único goberno mundial pode ser unha idea magnifica; ou un asunto maquiavélico. Depende non do cristal con que se mire, como dixera o clásico, senón de quen estiveran ao mando do timón”

Un único goberno mundial pode ser unha idea magnifica; ou un asunto maquiavélico. Depende non do cristal con que se mire, como dixera o clásico, senón de quen estiveran ao mando do timón. Se foran Martin Luther King ou Nelson Mandela iría de cabeza a votalos; o mesmo faría se entre as personalidades estivera John F. Kennedy. Pero dúas destas grandes figuras foron covardemente asasinadas.

Falando de información e dun goberno mundial, precisamente foi o Presidente Kennedy quen pronunciou un discurso cheo de significativas expresións nunha daquelas noites  nas que o planeta Terra estaba asulagado nas xélidas noites da Guerra Fría. Dous días despois da excursión espacial, o exército norteamericano bombardea os aeroportos militares de San Antonio de los Baños e Cidade Liberdade, ademais do aeroporto civil de Santiago de Cuba, co obxecto de destruír a Forza Aérea Rebelde. Foi, logo destes acontecementos cando Kennedy se presentou coa súa elegancia e serenidade para solicitar axuda a xornalistas e editores congregados para afrontar un perigo que en apariencia nada tiña que ver co sucedido.

O presidente vai desgranando ao longo do seu discurso un sentimento de acercamento cara a xornalistas e editores, indicándolles que esa noite  é algo máis serio a razón pola que os ten alí reunidos. “Quero falarlles  das nosas comúns  responsabilidades fronte a un inimigo común. Calquera que sexa a nosa esperanza de futuro, para reducir  esta ameaza ou vivir con ela, non temos escapatoria tanto da gravidade como da totalidade do desafío para a nosa supervivencia e seguridade”. Este desafío mortal  impón sobre a nosa sociedade dous requisitos de directa preocupación, tanto para a prensa como para o presidente. Refírome en primeiro lugar, á necesidade  dunha maior información pública e, en  segundo lugar, á necesidade dun maior secreto oficial.

Kennedy deu a voz de alerta, antes de ser asasinado, do ataque contra as liberdades  que se estaba fraguando polos que se fixeran  co poder da Administración. O presidente entraría de cheo no que denominaba a xénese do auténtico perigo que desafiaba a nación. Por esta razón non só lles advertía senón que lles solicitaba axuda  para informar plenamente aos cidadáns porque confiaba que esta información fixera reaccionar  diante da “conspiración férrea e despiadada que se apoiaba principalmente en métodos secretos..” Secretos que non saen á luz, que atacan todos os aspectos da vida humana. Iso é o Imperio BILDERBERG: “Unha máquina eficiente que combina operacións militares, diplomáticas, de intelixencia, económicas, científicas e políticas”, nas que a desidencia é silenciada. Un poder ferreamente organizado ao que se enfrontou e que rematou co magnicidio de Dallas.

“En 1954 un grupo de persoas  “respiraron” xuntas nunha reunión para armonizar e poñerse de acordo respecto a diversos puntos de máxima actualidade política e económica do momento. Pero a condición esencial era manter o segredo, tanto da existencia de tal xuntanza como do contido do que alí se tratara”

Un tema tabú.
En 1954 un grupo de persoas  “respiraron” xuntas nunha reunión para armonizar e poñerse de acordo respecto a diversos puntos de máxima actualidade política e económica do momento. Pero a condición esencial era manter o segredo, tanto da existencia de tal xuntanza como do contido do que alí se tratara. Obviamente, o que se trata nestas xuntanzas secretas non aparece nos libros de texto. Xa Kennedy nos falaba dunha sociedade que vivía inmersa no secretismo, o que resulta incompatible coa liberdade e coa democracia. A información é o cuarto poder, tan valiosa que se convirte na clave do que pensamos, do que cremos ser, de como nos comportamos. Por iso é tan apreciada polos poderosos, porque a información manipula as mentes e detrás dela ven a manipulación do comportamento individual e colectivo.

A partires desta semblanza que me atrevín ofrecerlles do libro de Cristina Martín Jiménez soamente me queda pedirlles que non se queden na tona, que vaian ao fondo. Alí, no resto do libro, van atopar respostas sumamente interesantes de por que nos últimos tempos a diario nos damos de fuciños cos mesmos temas: Palestina ou Israel?, Aborto ou defensa da vida?, Sanidade privada ou pública?, EEUU ou Europa?, Globalización ou políticas locais?, Gobernos  de esquerda ou de dereitas?, e así uns cantos temas máis. Pero quen decide os temas que publican os mass media? Contra as denuncias das “televisións basura” respóndenos directivos que iso é o que as audiencias demandan. En absoluto. Son os directivos que reciben ordes dos amos dos conglomerados audiovisuais. Eles e non a audiencia son os que deciden que se ve en televisión. Por iso non debemos esperar un debate serio e profundo do que se coce no Clube BILDERBERG. “Unha sociedade non pode ser ignorante e libre ao mesmo tempo”, dixo o presidente Thomas Jefferson. Para manter ao pobo escravo do Imperio Bilderberg hai que idiotizarlo con “tele-basura”, evitar que pense e se desenvolva, pois a ignorancia da súa propia escravitude manterao permanentemente escravo do sistema.

Seguindo a orde establecida nun principio tócalle agora falar  do libro de José María Lassalle :“CIBERLEVIATÁN”. No prólogo do libro, escrito por Enrique Krauze, historiador, ensaista , editor e intelectual mexicano adiántanos que como un Orwell do século XXI, coma un liberal que entendeu as novas dimensións do GRAN HERMANO nesta hora vertixinosa e atroz, José María Lasalle  escribiu un libro profético, no antigo sentido da palabra: unha condena, unha advertencia, unha visión. Ciberleviatán, como o seu titulo indica, fala dunha nova e descoñecida ditadura que se vislumbra nun futuro próximo, UNMHA VARIANTE DO TOTALITARISMO QUE APENAS IMAXINARON OS GRANDES AUTORES DO SÉCULO XX. Pero que ese orde aterrador ten raíces no pasado.

Incapaz de xestionar a complexidade do saber no século XXI, a institucionalidade liberal foi arrollada por unha poderosa alianza entre os datos e os algoritmos, novos soberanos do planeta inmunes á regulación legal e democrática.

A realidade virtual colle forza; os corpos e a sensibilidade retíranse; tamén a política. A idea ilustrada que sustentaba a democracia , un cidadán maior de idade capaz de tomar decisións por si mesmo, é sustituída por un novo paradigma de liberdade asistida.

Unha ditadura dixital proxéctase no horizonte; un CIBERLEVIATÁN que chegou para instaurar un tecno-poder de grandes corporacións. EEUU e China xa libran unha terceira guerra mundial arredor da intelixencia artificial, da robótica e do resto das tecnoloxías exponenciais.

“EEUU e China xa libran unha terceira guerra mundial arredor da intelixencia artificial, da robótica e do resto das tecnoloxías exponenciais”

A única alternativa ao  CIBERLEVIATÁN é unha sublevación que promulgue un pacto entre a técnica e os humanos. Un acordo que subordine a tecnoloxía a un novo humanismo baseado en dereitos dixitais e propiedade sobre os datos nunha república dixital global capaz de controlar a vontade de poder da técnica. E só Europa, en complicidade con outros actores capaces de pensar a tecnoloxía dende a humanidade, poderá liderar este cambio.
Obviamente, terán que ler o libro para informarse cabalmente das interesantes cousas das que se nos informa.

E para rematar adentrémonos polo menos superficialmente na miña última oferta: LA ERA DEL CAPITALISMO DE VIGILANCIA”, de Shoshana Zuboff, catedrática emérita da Harvard Business School.

Nesta obra maxistral, de 900 páxinas contando as notas bibliográficas, que son moitas e moi interesantes, pola orixinalidade das ideas e das investigacións aquí expostas revélanos o alarmante fenómeno que ela denominou  “Capitalismo de la vigilancia”. Está en xogo toda unha arquitectura global de modificación da conducta que ameaza con transfigurar a natureza humana no século XXI do mesmo xeito que o capitalismo industrial desfigurou o mundo natural no século XX.

Grazas aos análises de Zuboff, cobran vida de forma gráfica as consecuencias do avance do capitalismo da vixilancia dende o seu foco de orixe en Silicon Valley cara a todos os sectores da economía.  Hoxe acumulase un enorme volume de riqueza e poder nos chamados “mercados de futuros conductais”, nos que se mercan e se venden predicións  sobre o noso comportamento, e ata a produción de bens e servizos se supedita a un novo “medio de modificación da conducta”.

“A ameaza que temos enriba xa non é a do Estado ‘Gran Hermano’ totalitario, senón a dunha arquitectura dixital omnipresente: un ‘GRAN OTRO’ que opera en función dos intereses do capital de vixilancia”

A ameaza que temos enriba xa non é a do Estado “Gran Hermano” totalitario, senón a dunha arquitectura dixital omnipresente: un “GRAN OTRO” que opera en función dos intereses do capital de vixilancia. Neste libro póñense ao descuberto as ameazas ás que se enfronta a sociedade do século XXI: unha “colmea” controlada e totalmente interconectada que nos namora coa promesa de lograr certezas absolutas a cambio do máximo lucro posible para os seus promotores, e todo a costa da  democracia, da liberdade e do noso futuro coma seres humanos.

Ata aquí os meus consellos de hoxe. Como imos entrar en tempos de Nadal espero que sintan a curiosidade de informarse de todo o contido destes tres últimos libros que lles aconsello, así como de ler enteiro o artigo publicado en El País o pasado 28 de novembro de 2021, claro está.

Sexan felices; emborráchense de lecturas que lle van servir para estar máis e mellor alimentados intelectualmente. Deste xeito darémoslle máis traballo a todos eses “gurús” da política e da economía que so pensan nos seus petos.

Felicidades polo Nadal e Ventureiro Aninovo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»