Campamento de conciliación do Pereiro de Aguiar

É un servizo municipal pioneiro posto en marcha en 2009

O Pereiro de Aguiar | A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou á rapazada e ao monitorado do campamento de conciliación do Pereiro de Aguiar. Trátase dunha das iniciativas financiadas pola Xunta de Galicia a través da convocatoria do Plan Corresponsables -cofinanciado polo Ministerio de Igualdade- destinada aos concellos galegos, coa que na provincia de Ourense se está apoiando a 73 municipios con máis de 1,7 millóns de euros, que no total de Galicia ascenden a 230 con 6,5 millóns de euros.

A directora xeral visitou, xunto ao alcalde Luís Menor, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, ás nenas e nenos que participan en diferentes actividades ao longo do verán no CEIP Ben Cho Shey deste concello, que recibiu un apoio de 120.000 euros para accións en xestión compartida, xa que estes servizos de coidado desenvólvense durante todo o ano e en períodos non lectivos as actividades amplíanse ás nenas e nenos do concello de Paderne de Allariz. Alí, puxo en valor e felicitou ao alcalde por este servizo de conciliación municipal pioneiro que leva en marcha desde 2009 e que nestes momentos está atendendo a 150 nenas e nenos.

María Quintiana trasladou ademais o compromiso da Xunta para seguir impulsando este tipo de proxectos que son imprescindibles para seguir avanzando nunha Galicia máis igualitaria. Deste xeito, indicou que a Administración autonómica presta especial atención ás zonas máis rurais, para potenciar a corresponsabilidade e conciliación en todo o territorio independentemente da súa poboación ou localización.

Por iso, a directora recalcou que pese ao recorte do Goberno central nas achegas destinadas ao Plan Corresponsables, que supoñen para Galicia 2,3M€ menos do presupostado, a Xunta de Galicia seguirá apoiando a todas as familias galegas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.