BNG reclama que a costa galega sexa declarada “espazo non apto” para parques eólicos mariños

Anunciou a súa portavoz en Europa, Ana Miranda

Santiago de Compostela/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anuncia que a formación nacionalista denunciará en Bruxelas a ameaza que supón para o sector pesqueiro a instalación de parques eólicos mariños no litoral galego.

“É un despropósito que se fale da instalación de varios parques eólicos mariños na costa galega antes de realizar un estudo de impacto no sector pesqueiro e no medio ambiente e sen ter o Plan de Ordenación dos Espazos Mariños (POEM), que actualmente se atopa en fase de consultas previas”, manifesta Miranda.

“A propia Comisión de Pesca da Eurocámara recoñece a falta de coñecemento que existe sobre o impacto da eólica mariña e di que é necesario desenvolver máis investigacións para avaliar os posibles impactos do desenvolvemento das enerxías renovables no mar, especialmente os parques eólicos sobre o sector pesqueiro”, explica Ana Miranda, a respecto a dous informes aprobados recentemente na Eurocámara.

A portavoz do Bloque en Europa subliñou que desde o BNG “defendemos a necesidade de declarar o litoral galego como espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños”, debido ao grave impacto dos aeroxeradores nos bancos pesqueiros, tal e como ten defendido o BNG no Parlamento Galego e no Congreso, polo que trasladará á Comisión Europea un amplo informe no que se recollen as consecuencias concretas sobre o sector, en tanto que Galiza é un país altamente dependente da pesca.

As instalacións eólicas mariñas afectarían á riqueza mariña e á actividade pesqueira, tanto respecto a peixes, crustáceos, moluscos e algas, así como respecto ao intenso tráfico comercial que soporta a costa galega.

En concreto, Miranda salientou que a frota galega é a máis importante do Estado español e nunha comparativa a respecto da UE, Galiza sería a sétima por número de frota e unha das máis importantes a respecto do seu impacto social.

En concreto, a frota galega conta con máis de 4.000 buques que integran máis de 10.300 tripulantes e un emprego indirecto con máis de 40.000 traballadores en terra.

Requisitos ambientais
“Atopamos falta de información, falta de planificación e falta de valoración do impacto ambiental”, critica Ana Miranda, quen sinalou que os requisitos ambientais que con carácter xeral deberían considerarse na planificación e instalación dos parques eólicos mariños debería figurar evitar os efectos negativos sobre espazos naturais protexidos; non dificultar o proceso de declaración de novas áreas mariñas protexidas; preservar a integridade dos espazos da Rede Natura 2000 e non interferir no proceso de extensión desta Rede Natura no medio mariño; evitar o deterioro do hábitat das aves, tanto dentro como fóra da Rede Natura; protexer as especies migratorias; garantir a conservación da diversidade biolóxica, e protexer o dominio público marítimo terrestre.

En consecuencia, a portavoz do BNG en Europa avanzou que a formación nacionalista manterá a súa ofensiva en todas as institucións contra “esta imposición da enerxía renovable mariña sen ter os estudos previos necesarios” e apoiando os colectivos afectados, tanto medioambientais como pesqueiros. “Galiza non pode ser un experimento das multinacionais”, concluíu.