BNG Ponteareas: “Propaganda e falta de sensibilidade de Nava Castro coas traballadoras do SAF”

A situación do SAF ocupou a atención do pleno municipal deste 14 de outubro

Ponteareas | O BNG manifestou no pleno de Ponteareas o seu firme apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levan 19 días en folga indefinida, reivindicando condicións laborais dignas e o cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria.

O portavoz municipal do Bloque, Miguel Bouzó, cualificou as traballadoras do SAF como “un auténtico orgullo para o BNG, para Ponteareas e para o conxunto da clase traballadora”, subliñando a súa “forza, dignidade e compromiso social” nun momento no que afrontan un conflito “inxusto”, agravado pola actitude do goberno local.

“Sabemos que non é doado continuar en folga tras 19 días, e menos cando o goberno municipal, lonxe de buscar solucións, se dedica a compadrear coa empresa que incumpre o contrato, a desacreditar ás traballadoras e a responder con mentiras e manipulación”, denunciou Bouzó durante a súa intervención no pleno.

A formación nacionalista criticou duramente a campaña “propagandística” do goberno de Nava Castro, a quen acusa de “priorizar a propaganda fronte ás necesidades reais das traballadoras”. Durante a súa intervención, Miguel Bouzó rachou unha imaxe da rolda de prensa municipal, que cualificou como “a foto da vergoña, da mentira e da manipulación”, en alusión ao uso político do conflito por parte do executivo local.

Ademais, o BNG acusou ao tripartito encabezado polo PP de despregar “cortinas de fume” para desviar a atención das denuncias de irregularidades nas contratacións, atrasos nos pagos, falta de cotización e carencias de material básico no servizo.

“O goberno debería velar polo cumprimento do contrato, non axudar á empresa a incumprilo”, apuntou o Bouzó, que tamén cualificou de “indecente e provocadora” a actitude da alcaldesa nas súas interaccións coas traballadoras en folga. Así, o BNG denunciou a tentativa do goberno local de “caciquear” e individualizar os casos dalgunhas traballadoras, solicitando nóminas e datos individualizados “co único obxectivo de debilitar a forza colectiva do SAF”.

“O Servizo de Axuda no Fogar é unión, e esa unión é o que lle dá forza á loita destas mulleres. Fronte á soberbia e a prepotencia, o BNG estará sempre do lado das traballadoras, defendendo un servizo público esencial e uns coidados dignos para as persoas dependentes”, sinalaron desde o grupo municipal.

O Bloque rematou a súa intervención reafirmando o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e coa mellora dos servizos públicos. “A dignidade das traballadoras é maior que calquera propaganda. A súa loita é xusta, necesaria e poderosa, e o BNG estará sempre ao seu lado”, concluíu Bouzó.

Óbolo responde ao requerimento do Concello
Nas súas redes sociais, o Concello de Ponteareas publicou a resposta da empresa Óbolo ao requerimento realizado no referente ao SAF. A empresa concesionaria respondeu o seguinte:

– Rexistro da xornada: farase mediante a aplicación do programa GESAD que estará descargada nos móbiles corporativos que xa están nas oficinas de Óbolo en Ponteareas.

– Reclamación das horas correspondentes: adxuntan declaración responsable da regularización do importe do prezo hora segundo convenio na seguinte regularización da bolsa, que se fai de xeito trimestral.

– Cálculo dos desprazamentos: o calculo realízase segundo o localizador Google enlazado coa plataforma de xestión de cuadrantes calculando a distancia entre domicilios de xeito real.

– Base de cotización: aportan xustificantes das transferencias realizadas a día de hoxe (15 de outubro) ás 15:58 horas.

– Plan de prevención: adxuntan novo plan de prevención de ANTEA.

– PIAS das persoas usuarias: Data límite para subilos á plataforma o 24 de outubro tal e como se acordou na reunión do xoves día 9 de outubro.

– Servizo de fisioterapia: xa activado.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.