
Ourense | O pasado 1 de xaneiro, suprimíase o Servizo da ORA no Concello de Ourense, unha decisión cuestionada xa no seu momento polo BNG, quen ademais propuxo a gratuidade do servizo pero mantendo o control sobre os estacionamentos para garantir a rotación e evitar o que se prevía e acabou acontecendo, “o caos total e absoluto na mobilidade da cidade no seu conxunto”.
O grupo municipal do BNG amósase especialmente preocupado polas consecuencias que esta decisión “caprichosa e carente do máis mínimo rigor” adoptada polo alcalde vai ter para as arcas municipais xa que tal e como advertiron os nacionalistas nunha sesión Plenaria, “a liquidación presentada pola concesionaria supera o millón de euros”.
E é que a empresa solicita, por unha banda, o recoñecemento e o pagamento de 786.938,53 euros en concepto de diferenzas por tipos de IVE, reclamacións de revisión de prezos e intereses e por outra 314.071,10 euros en concepto de resarcimento polo pagamento das indemnizacións aos traballadores e traballadoras despedidas como consecuencia da supresión do Servizo. “Estamos falando dun total de 1.101.009,60 euros”.
Luís Seara, portavoz do BNG no Concello de Ourense sinala que “é preciso que o goberno local aclare canto antes se vai aceptar a liquidación presentada pola concesionaria na súa integridade ou se pola contra e tal e como advirten os técnicos municipais é preciso realizar unha auditoría que certifique que esas son as cantidades reais”.
Servizo de Guindastre
Outra das aclaracións que solicita o Grupo municipal do BNG ten que ver co orzamento que a empresa concesionaria remitiu para continuar prestando o servizo de guindastre. Este ascende a 1.355.189,29 euros, cantidade que, segundo Luís Seara, “é moi similar ao prezo do contrato no que ademais do guindastre tamén se prestaba o servizo da ORA” e engade, “resulta curioso como agora o guindastre en solitario vainos costar case tanto como o guindastre e a ORA xuntos”.
No BNG afirman que a este respecto “os técnicos non concordan con esta cantidade, rebaixándoa até case que medio millón de euros e advertindo que o máis acaído tería sido sacar a concurso público a licitación do Servizo para que as empresas interesadas puidesen facer as súas ofertas e o Concello, en consecuencia, escoller a máis ventaxosa”.




