BNG do Porriño alerta das “importantes deficiencias” na reforma do Centro de Saúde

En materia de illamento, accesibilidade e deseño dos espazos

O Porriño/BNG | A reforma do Centro de Saúde do Porriño foi presentada como un investimento estrela da Xunta de Galicia na vila. Era unha obra moi esperada, pois a carga populacional do concello e da comarca esixe unha infraestrutura de maior tamaño. Unha vez que se están a finalizar as obras, as persoas usuarias están a denunciar graves deficiencias nas novas instalacións.

Existen eivas en diferentes aspectos da accesibilidade, dende o exterior ó interior. Non se lle deu unha solución á forte pendente existente entre as rúas Tranvía e Doutor Paz Varela para entrar nas instalacións. Isto pon en perigo a seguridade das persoas, singularmente, as que van en cadeira de rodas e que acceden desde estas rúas ás instalacións. A entrada do edificio é excesivamente pequena, o que non lles permite un fácil acceso a todas as persoas usuarias, singularmente, á xente con mobilidade reducida por ir en cadeira de rodas ou con carro de bebé. Os corredores de conexión entre as distintas seccións son demasiado estreitos. Só hai un elevador para todo o centro. Da mesma maneira, as salas de espera tamén presentan un tamaño moi reducido.

Outro motivo de queixa é que o centro siga, aínda a día de hoxe, dous anos despois de iniciarse a ampliación, en obras. Ademais, co novo centro non se cubriu outra esixencia das persoas usuarias da atención primaria: a ampliación de especialidades médicas como saúde mental, pediatría ou xinecoloxía, imprescindibles dadas as características demográficas do concello.

No mes de maio publicouse na prensa que a renovación vai ter un sobrecusto de 640.000€, o que eleva o gasto total da reforma aos 5 millóns de euros. Este incremento aprobado está destinado a afrontar illamentos de fachadas ou renovación de chans e escaleiras, aspectos estruturais do proxecto que se teñen que solucionar de forma extraordinaria pola falta de planificación.

O grupo municipal do BNG instará o Goberno Local a que reclame ante a Xunta solucións a estas deficiencias. “Alejandro Lorenzo, en lugar de exercer de alcalde e defender os intereses da cidadanía, escolleu facer de delegado do PP, un PP que volve desprezar O Porriño”, expón Pedro Pereira, concelleiro do BNG local. “A ampliación foi usada polo PP como unha estratexia de propaganda política.

Desde o BNG vimos reclamando, a través de mocións, a necesidade de melloras nos servizos sanitarios do noso municipio ante a pasividade dun Goberno Local do PP que se adica a convocar a certos colectivos a unha improvisada mesa local de saúde para ‘promover un estilo de vida saudable”.

Xestión pública do aparcamento da Avenida de Galicia
O proceso de licitación do aparcamento subterráneo da Avenida de Galicia quedou deserto. O BNG ve nesta situación unha oportunidade para que o Concello do Porriño asuma directamente a xestión da instalación. “No próximo Pleno vaise tratar a licitación do aparcamento subterráneo, que quedou deserta. No BNG defendemos que é o momento de rescatar a concesión e optar por unha xestión pública directa do servizo”, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.

A política de alugueiro de terreos privados para aparcamentos do goberno de Alejandro Lorenzo está a afogar o propio aparcamento municipal, como demostra que ningunha empresa se queira facer cargo da concesión. Un xestión directa por parte do concello, con prezos competitivos para poder aparcar no centro do Porriño cun custo simbólico, complementaría estes aparcamentos disuasorios recentemente creados e redundaría positivamente nas arcas municipais.

“O alugueiro de propiedades privadas para crear aparcamentos ten uns custos para as arcas do noso concello”, advirte Pereira. “Non estamos ante unhas instalacións gratuítas para a cidadanía como pretende dársenos a entender; unha parte do presuposto do concello, dos cartos de todos e todas, utilízanse para este fin. Non ten lóxica que non se aproveite mellor un aparcamento que xa é de propiedade municipal e, pola contra, se potencie o gasto público en alugueiros de espazos privados”, sinalou o portavoz do BNG.

Pedro Pereira cuestionou tamén o investimento de fondos públicos por parte do Concello do Porriño en fincas privadas, que non son de titularidade municipal, como no caso da área de autocaravanas instalada na rúa Leandro Diz. “Estanse a sufragar investimentos e servizos en espazos que non son de titularidade municipal. Non se poden dirixir fondos públicos para mellorar fincas privadas”, concluíu.