Bebeto ilumina o Nadal coruñés

A ex estrela do “Super Dépor” e campión do mundo 1994 acenderá o alumeado en María Pita o 28 de novembro

A Coruña | O alumeado de Nadal da cidade acenderase este 2025 o venres 28 de novembro. Bebeto, un dos mellores xogadores da historia do Real Club Deportivo, será o encargado de premer o botón, xunto a nenos e nenas da Coruña, que dará inicio ao período de Nadal.

“É unha honra para nós que unha persoa tan querida por todos os coruñeses e coruñesas se prestase a abrir unha das épocas máis especiais do ano”, indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

O acendido das luces de Nadal levarase a cabo na praza de María Pita, como xa ocorreu o pasado 2024. O acto será precedido por unha actuación para todos os públicos na que se levará a cabo un concurso de debuxos e un sorteo, no que os nenos e nenas participantes poderán optar a compartir con Bebeto o momento do acendido.

Ademais, o ex xogador brasileiro tamén participará o xoves 27 de novembro nun coloquio con escolares de centros públicos da cidade organizado polo Concello. Este encontro celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora e nel afondarase nos valores do deportes aplicados á vida e á educación.

Os nenos e nenas participantes poderán formular preguntar a Bebeto tras o encontro. José Roberto Gama de Oliveira, coñecido como Bebeto, chegou ao Deportivo da Coruña no verán de 1992 procedente do Vasco da Gama, converténdose nunha das fichaxes máis emblemáticos da historia do club.

No seu primeiro ano, proclamouse máximo goleador da liga española (Trofeo Pichichi) e fixo historia ao marcar contra todos os equipos do campionato nunha mesma tempada. Durante as súas catro campañas no Dépor, anotou 102 goles en 154 partidos oficiais, sendo unha peza clave do conhecido como Súper Dépor que loitou polo título de liga e conquistou a Copa do Rei en 1995 e a Supercopa de España.

A súa relación co club e coa cidade de A Coruña foi tan estreita que, mesmo décadas despois da súa retirada, continúa expresando o seu cariño polos deportivistas e por Riazor. A súa etapa no Deportivo coincidiu co seu máximo esplendor como futbolista, sendo tamén campión do mundo con Brasil en 1994. Bebeto non só deixou unha pegada deportiva, senón tamén emocional, converténdose nun símbolo eterno do club galego.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.