Ponteareas | As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas anunciaron que continuarán coa folga indefinida con manifestacións diante do Concello e “rebentando os plenos” co obxectivo de reclamar á alcaldesa, Nava Castro que rescinda o contrato coa empresa concesionaria onubense Óbolo.
As traballadoras indicaron que “non cobramos o que temos que cobrar” e que “cando cobramos, cobramos tarde”.
Este 3 de outubro realizouse un pleno extraordinario urxente ás 8 am que foi finalmente suspendido ao negarse a entrada aos partidos da oposición e ás traballadoras do SAF. Tres días antes, o 30 de setembro, tamén se observou unha situación similar durante o pleno correspondente ao mes de setembro toda vez os partidos de oposición (BNG, PSdeG-PSOE e PeC) impulsaron unha moción orientada á resolución da situación das traballadoras do SAF, presentes en ámbolos dous plenos.
Co respecto ao pleno deste 3 de outubro, vía conversa telefónica con este xornal, Digna Cardoso, unha das cinco representantes das traballadoras do SAF, denunciou que dende o goberno municipal “non nos deixaron entrar ao pleno así como tampouco aos partidos da oposición, polo que tiveron que chamar á Garda Civil e Policía Local para sacarnos e pechar a porta. Deste xeito volvimos a lograr rebentar o pleno”.
“Óbolo ten que marcharse de Ponteareas”
A comezos de setembro, o Concello informou da renovación do acordo coa empresa Óbolo, vixente dende abril pasado, para poñer en marcha, a partir do 1 de outubro, un programa piloto de incentivos económicos dirixido ao persoal deste servizo.
Entre estes incentivos destacan unha retribución adicional de ata 118€ mensuais por prestación do servizo así como o subministro de móviles para “mellorar a organización do traballo” e que serían entregados como data máxima o 15 de outubro. As traballadores do SAF anunciaron que rexeitaban este acordo sobre pluses de productividade e novos móbiles para mellorar “a comunicación”. Insistiron en que “seguiremos coa folga indefinida e rebentando os plenos ata que teñamos unha solución”.
“Non pararemos ata ter un papel asinado polo Concello que confirme que Óbolo marcha de Ponteareas” explicou Digna Cardoso durante a conversa telefónica, reiterando que “non pararemos ata que Óbolo marche de Ponteareas”. Segundo indicou, esta empresa recibe 2M€ anuais do Concello pero denunciaron que, a pesar deses recursos, vense desasistidas. Con anterioridade, a representación legal das traballadoras do SAF denunciaron igualmente a súa situación ante Inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.
Cardoso explicou que, posteriormente a este pleno do 3 de outubro, tiveron unha xuntanza telemática con Óbolo no que a empresa insistiu en que non se irá de Ponteareas. Posteriormente, as representantes do SAF tiveron outra xuntanza presencial co concelleiro de Economía e Facenda, Francisco Jesús Represas Carrera, sen avances significativos na resolución desta problemática.
Un problema de longa data
En xuño de 2022, o Sindicato CIG das traballadoras do SAF comenzou a convocar semanalmente unha serie de concentracións diante do Concello reivindicando unha mellora das súas condicións de traballo ante o incumprimento dos seus dereitos laborais máis básicos.
Entón o colectivo responsabilizou da súa situación á empresa privada SAMAÍN SERVIZOS Á COMUNIDADE, pertencente ao GRUPO CLECE, así como ao Concello e á Xunta de Galicia, os encargados da licitación a concurso desta empresa.
Coa chegada de Nava Castro a Alcaldía en xullo de 2023, o Concello acordou un novo contrato, neste caso coa empresa vallisoletana Aralia Servicios Sociocomunitarios. Non obstante, en febrero de 2025 e ante as reclamacións das traballadores contra esta empresa, o Concello veuse na obriga de multar a Aralia con 57.000€ e iniciar un novo proceso de licitación para rescindir este contrato. Neste proceso de licitación presentouse en solitario a empresa Óbolo, que comezou a xestionas este servizo dende o mes de abril.
Piden a municipalización do SAF
Foron igualmente notorias as reaccións por parte da oposición ante as situacións acaecidas nos plenos do 30 de setembro e do 3 de outubro. O voceiro municipal do BNG, Miguel Bouzó, cualificou de “chulería, desprezo, soberbia, covardía e provocación” a actitude da Alcaldesa Nava Castro de “non escoitar ás traballadoras do SAF”.
A voceira do PSdeG Vanesa Fernández denunciou a “actitude autoritaria e carente de empatía” da Alcaldesa. Mesma análise realizou Manoel Ucha, voceiro de Ponteareas en Común (PeC), ao criticar a “actitude déspota do goberno municipal”.
PSOE, Ponteareas en Común (PeC) e BNG reiteraron na súa posición común de obrigar a rescindir o contrato coa empresa Óbolo e de municipalizar o SAF baixo xestión directa do Concello. Así mesmo amosaron o seu apoio á folga indefinida convocada polas traballadoras do SAF tras meses denunciando unha “situación insoportable” de incumprimentos laborais e falta de medidas de protección adecuadas.
As traballadoras do SAF tamén apoian a municipalización do servizo: “que o Concello se faga cargo do SAF e que probe a municipalizar este servizo”, explicou Digna Cardoso a este xornal.
Comunicado do Goberno de Ponteareas
Ante os sucesos do pleno extraordinario deste 3 de outubro, o goberno municipal de Ponteareas enviou un comunicado que, pola súa importancia, reproducimos integramente a continuación:
“O Goberno de Ponteareas lamenta profundamente o acontecido no pleno celebrado hoxe (3 de outubro). Os berros e as continuas alteracións da orde obrigaron a facer un receso e, posteriormente, a trasladar a sesión á Alcaldía, ante a persistencia das actitudes de violencia verbal.
Na Alcaldía, todos os grupos da Corporación Municipal continuaron coa orde do día, unha posibilidade recollida no artigo 59, puntos 3 e 4, do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais. Porén, a porta pechada volveuse producir unha alteración da orde que fixo imposible o correcto desenvolvemento da sesión, polo que, despois de numerosas advertencias e chamadas á calma, o Goberno viuse na obriga de continuar en solitario.
Pouco despois da finalización do pleno, o concelleiro de Facenda participou na reunión entre a empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar e a representación sindical das traballadoras. Na procura dunha solución que desbloquee a situación, o edil esixiu á empresa que:
– Nun prazo máximo de 48 horas corrixa os erros detectados nas nóminas.
– Nun prazo de 15 días regularice o resto das cuestións pendentes.
O concelleiro advertiu que, de non cumprirse estes prazos, o Concello procederá á apertura dun expediente sancionador, que será levado ao pleno ordinario de outubro.
De maneira consensuada coas traballadoras, tamén se acordou levar ao pleno extraordinario do martes 14 (de outubro) un punto específico sobre o estado da situación. Ademais, o edil quixo deixar claro que, se a empresa presentase a renuncia voluntaria, o Concello aceptaría a mesma, aínda que iso supoña que as arcas municipais teñan que asumir os gastos ocasionados, xa que a normativa non contempla a devolución dos importes por parte da adxudicataria.
O Goberno municipal insiste en que a súa prioridade é garantir que as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar reciban a atención que merecen, e agarda que esta situación se resolva con celeridade e responsabilidade por parte da empresa”.